Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soños de modernidade

A arquitectura de Antonio Palacios

Maqueta da cidade de Vigo Eli Regueira

(Á memoria de Xosé Ramón Iglesias Veiga que nos fixo ver e comprender a obra de Antonio Palacios)

O Museo do Mar de Galicia dedica unha interesante mostra ao arquitecto e urbanista Antonio Palacios (1876-1945), figura central da arquitectura galega e española do século XX. A exposición fornece información visual e documental que permite coñecer os grandes proxectos realizados en Madrid mais tamén aqueles que levou a cabo en Galicia. Entre as obras expostas, poden verse maquetas, fotografías e planos dos seus proxectos, alén de obxectos deseñados por el mesmo, destacando a maqueta do plan urbanistico que elaborou o arquitecto para Vigo, da que podemos contemplar unha reprodución espectacular elaborada polos alumnos do Instituto Politécnico de Vigo.

  • Luces y sombras del Vigo trazado por Palacios

Título: Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia.

Comisario: Jesús Ángel Sánchez García.

Local: Museo do Mar, Alcabre, Vigo. Até finais do mes de xaneiro.

Antonio Palacios, porriñés de nacemento, desenvolve boa parte da carreira profesional en Madrid (Palacio de Comunicaciones; Hospital de Maudes, Banco Exterior del Rio de la Plata, Círculo de Bellas Artes) aínda que deixará notábeis obras en Galicia, como a Central Hidroeléctrica do Tambre (Noia); Banca Viñas e o Teatro García Barbón en Vigo: a Botica Nova e o Concello, ambas no Porriño; o Pavillón de Recreo da Alameda de Santiago de Compostela; o Templo Votivo ao Mar de Panxón (Nigrán) ou a igrexa da Vera Cruz do Carballiño.

Concello de O Porriño. Eli Regueira

Foi un arquitecto de forte personalidade, que realiza unha obra inserida no denominado monumentalismo, unha arquitectura enfática, estilisticamente ecléctica que destaca pola preocupación a respecto da fachada do edificio e polo forte carácter ornamental, mais sempre atenta ao aspecto funcional nas solucións interiores, que procura harmonizar racionalmente o espazo e adecualo á función do edificio, aspectos onde a brillantez das súas solucións é absolutamente incontestábel.

Virxe da Rocha. Eli Regueira

Nas obras galegas, sen renunciar ao monumentalismo, busca un estilo autóctono cun punto de vista historicista e neorromántico do que el entendía como caracteristicamente galego. O Concello do Porriño (1919) é, neste sentido, exemplar, ecléctico, cargado de ornamentación, nel o autor reinterpreta libremente o románico e o gótico, á procura dunha identidade plástica galega, desde os materiais até os modelos historicistas.

Tamén o é a Central Hidroeléctrica do Tambre (Noia) -construída en 1932-, onde crea o que poderíamos denominar -parafraseando a Curros- como unha “catedral dos tempos modernos” coas súas citas do románico galego. En contraste, resulta máis cosmopolita o Teatro García Barbón (1926-1927) de Vigo ben próximo esteticamente á Ópera de París (1875) de Charles Garnier.

Perspectiva da igrexa de Panxón Eli Regueira

Nas obras finais, como o Templo Votivo ao Mar (1932-37) de Panxón (Nigrán), o Mosteiro da Visitación das Salesas Reais (1942-1944) de Vigo e a igrexa da Vera Cruz (1943) do Carballiño, combina características de estilo e modos “peculiarmente galegos” cheos dunha forte carga simbólica, con espazos interiores de complexa articulación e intensa expresividade dos materiais. No primeiro, segundo testemuño do propio arquitecto, utiliza como inspiración para o deseño a imaxe medieval da catedral de Santiago que acababa de estudar e debuxar o historiador de arte Kenneth John Conant nun volume publicado en 1926, referencia que se complementa coa análise e influencia das catedrais de Ourense, Tui e Coímbra, como sinalou Iglesias Veiga. Este mesmo estudoso chamou a atención sobre a utilización de vitrais de formigón armado, con lousas de vidro industrial unidas con cemento, que Nieto Alcaide considera como “incunábulo” das vidreiras de formigón armado no contexto español.

Correntes culturais nacionalistas

A exposición achega valiosa información para entender unha parte significativa da obra de Antonio Palacios, nomeadamente a que ten unha vontade ligada á estética rexionalista e aos motivos galegos. Cómpre lembrarmos que o influxo das correntes político-culturais nacionalistas terá un reflexo na arquitectura, na obra de figuras como o propio Palacios, Manuel Gómez Román ou Rafael González Villar. A valoración dos estilos históricos, fundamentalmente románico e barroco, asociados á identidade nacional, fai que os arquitectos, a partir de mediados da segunda década do XX, incorporen elementos desta orixe ás súas realizacións. Na arquitectura, o movemento galeguista reivindica tamén o patrimonio popular, en especial, as milenarias tradicións da cantaría granítica que o noso arquitecto vai utilizar enfatizando a plasticidade do material.

39

Los arquitectos que cambiaron Vigo: Manuel Gómez Román, Jenaro de la Fuente y Antonio Palacios Hilda Gómez | Alba Chao

A análise e creación de Palacios insírese, por tanto, nun proxecto rexeneracionista, de valoración e recuperación do acervo arquitectónico, paisaxístico e popular galego en todas as súas manifestacións, ligado a un espírito de estimanza dos factores identitarios –lembremos que as Irmandades da Fala se van crear en 1916, cando o arquitecto está na plenitude da súa obra e do seu prestixio-, mantendo unha intensa relación de amizade con irmandiños como Ramón Cabanillas ou Valentín Paz-Andrade.

O contexto do labor de Antonio Palacios favorece, pois, a vontade da recuperación da cultura galega do pasado, especialmente a popular e a medieval, mais tamén estimula eses “soños de modernidade” aos que se refire o título da mostra, co plan urbanístico de Vigo como exemplo máis notábel do esforzo por pensar unha cidade e unha Galicia con proxección e futuro e ao tempo con alicerces ben asentados no seu pasado cultural.

stats