Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O pasado é impredicible

Arredor do documental-thriller español

Fotograma de "El crimen de los Marqueses de Urquijo" (2009). Arquivo FARO

A mediados dos anos oitenta do pasado século, TVE emitía a primeira temporada da serie La huella del crimen, formato que ficcionalizaba os sucesos máis atroces da crónica negra nacional. Producida por Pedro Costa —autor do polémico filme El caso de Almería (1984)—, a serie contou cun cotizado elenco de directores para a súa posta en forma: Juan Antonio Bardem, Ricardo Franco, Angelino Fons, Vicente Aranda e Pedro Olea, entre outros. O éxito desta primeira entrega derivou nunha segunda temporada a principios dos noventa e, dúas décadas máis tarde, nunha terceira aparición moito menos exitosa que as anteriores —composta de tan só tres episodios— e con casos máis recentes como o crime dos marqueses de Urquijo ou o secuestro de Anabel Segura. Nos últimos tempos, estamos a asistir a un novo retorno a este tipo de historias, pero neste ocasión desde un enfoque documental e cunha serialización máis extensa. Series documentais sobre Asunta Basterra, Dolores Vázquez, Marta del Castillo e o crime de Alcasser confirman o interese por un xénero cuxas cotas de pantalla incitan a pensar que está a vivir unha nova idade de ouro.

Asistimos a unha sensación de imparcialidade no relato

decoration

Para que o ollarmos sobre unha paisaxe deveña nidio cómpre agardar a que a poeira levantada polos pasos dos viandantes que por alí transitaron acougue no chan, a fin de que a devandita paisaxe quede despexada e poidamos adquirir unha perspectiva axustada, unha mirada sosegada, abrindo deste modo interrogantes que carecen de respostas satisfactorias. O historiador Bill Nichols etiquetaba este tipo de documentais coa coñecida “modalidade interactiva”, a cal incide nas testemuñas e nas imaxes de demostración, desprazando deste xeito a autoridade textual cara aos protagonistas do suceso, deixando nun sibilino segundo plano —en parte, grazas á supresión da voice over— á instancia narrativa. Esta modalidade introduce unha sensación de imparcialidade; e recalco o de sensación, xa que as entrevistas forman un discurso xerárquico que se deriva da distribución desigual do poder. Como un historiador, os documentalistas non se contentan con rexistrar; senón que tamén corrixen, omiten, xulgan,, reorganizan, compoñen e, en última instancia, tamén interveñen, intentado sacar á luz a verdade multiforme que gravita en torno ao feito narrado. Neste aspecto, resulta ilustrativo o documental ¿Dónde está Marta?, estreada hai unhas semanas nunha plataforma dixital e dirixida pola realizadora galega Paula Cons, autora da notable A illa das mentiras. Neste documental, chegados a un punto, a entrevista acaba por se converter nun interrogatorio -duro e incisivo, case un interrogatorio xudicial-, rompendo así a suposta invisibilidade da instancia narrativa que logo aparecerá de forma máis explícita cara ao final do filme, a través dunha chamada telefónica que abre a porta a unha nova temporada, pero desta vez na vida real; concretamente, na carreira por atopar o corpo da rapaza asasinada.

Un dos efectos que máis chaman a atención deste tipo de produtos, baseados en acontecementos sobradamente coñecidos, é a capacidade para construír un relato onde non falta o suspense nin a sorpresa: elementos incompatibles, a priori, con esa cantidade de información recibida no seu momento por parte do espectador, o que vén demostrar que o déficit non estaba tanto na cantidade de información, senón na calidade coa que foi exposta polo entorno mediático. Cervantes deixou escrito na súa opera magna que a verdade é testemuña do pasado, exemplo e aviso do presente, e advertencia do que está por vir. Como dicía un dos personaxes da serie Fargo: “O pasado é impredecible”.

Frances McDormand en "Fargo" (1996). Arquivo FARO

‘True crime’

O auxe do true crime, eses documentais que analizan e recompoñen as pezas dun crime acontecido na realidade, semella situar o documental —considerado desde o nacemento do cine como un xénero menor respecto á ficción— nunhas cotas de audiencia que ata hai ben pouco resultaban impensable acadar en salas de cine ou en operadores de televisión convencional. A consolidación das plataformas dixitais alentou este tipo de formatos que, na maioría das veces, buscan o impacto mediante a impugnación do relato oficial ou, polo menos, na apertura de novas interrogantes arredor do caso tratado. Adoitan xogar coa memoria recente dunha sociedade que no seu día foi exposta a unha sobreinformación, e que desexa recompilar datos esquecidos ou atoparse con cuestións inexploradas.

Este tipo de documentais pretenden abastecerse de mecanismos narrativos presentes na ficción, concretamente naqueles filmes que gravitan en torno ao thriller, aínda que probablemente sexa co subxénero xudicial, pola exposición de testemuñas e probas, con quen garde máis similitude. Pártese dunha zona nebulosa que pretende deixar atrás unha interrogante, de feito, non é casual que o título dunha das series máis chamativas nos últimos tempos, ¿Dónde está Marta?, xire en torno a unha pregunta

Compartir el artículo

stats