Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Comprendendo a luz náufraga da madrugada

Visións antagónicas da vida

Detalle da portada de "O rosario e a buguina".

O escritor, investigador e profesor Xosé Ricardo Losada volve profundar na súa nova entrega literaria sobre a vida de Manuel Antonio, o gran poeta, rianxeiro coma el, mais desta vez dun xeito diferente. E esta presentación novelada valeulle gañar o Premio Torrente Ballester 2020 baixo o título O rosario e a buguina. Xa que logo, estamos diante dun novo achegamento á biografía e obra do autor de De catro a catro, mais desta volta desde a ficción. Para iso o autor toma os tres últimos meses de vida do poeta, que volve desde Cádiz gravemente enfermo para morrer na súa casa de Asados onde o acolle a nai. Desde a primeira páxina imos asistir e tamén reflexionar sobre a difícil relación entre esta, mestra profundamente relixiosa, e mais o seu fillo, cunha espiritualidade non antagónica, pois non chega a abandonar totalmente o catolicismo, pero si moi aberta para a época. Así, nunha estrutura de capítulos alternos curtos, ambos van describindo en primeira persoa a situación derivada de o fillo pedirlle á proxenitora unha derradeira encomenda: recitarlle o primeiro e último poemas de De catro a catro para poder explicarlle por que decidiu ser poeta, iso que a muller nunca entendeu e mesmo desprezou.

Estes son, polo tanto, os dous piares básicos da novela: o conflito que produce a relixión mirada desde dúas perspectivas moi afastadas e que a nai, ademais, emprega como chantaxe emocional, e a vocación incomprendida do poeta que el mesmo sente que debe explicarlle a ela: “(...) non penso deshonrar a miña morte buscando a salvación do arrepentimento fácil e interesado dos católicos. Debo conseguir que miña nai me entenda e me perdoe e, máis difícil aínda, que eu (...) a entenda e a perdoe”.

Deste xeito, estamos ante o rosario da nai, que vive obsesionada porque o fillo reciba a extrema unción para morrer en paz con Deus despois dunha vida disoluta e de costas á fe, e a buguina do fillo; ese instrumento de conexión co mar mais tamén fío que une este mundo co alén. Así avanzamos nunha novela onde se tocarán temas como a incomprensión da figura do artista, as relacións familiares, a transcendencia da vida e a morte e, como non, as liberdades persoais. Deste xeito asistimos a situacións de enfrontamentos interiores constantes: a nai navega entre a súa rexa relixiosidade e o deber que ten como nai de asistir o fillo e tamén de intentar entendelo; o fillo debátese entre o grande amor que lle profesa á nai e as súas crenzas, que chegan a crear un choque de vidas. É o intento vital de comprender o incomprensible e de querer achegarse ao outro: Como é posible que non entenda a luz náufraga da madrugada e si entenda Deus feito home en Xesús?”.

Co avance da lectura iremos comprobando se o desexo do poeta se cumpre e en que medida. Un labor nada doado pois mesmo Lelo, Leliño ou Manuel Antonio se decata da súa dificultade xa que De catro a catro só atopou indiferenza, desprezo e incomprensión. Mais “cando sabes que a Poesía está contigo, pouco importa que os demais estean contra ti”.

  • LOSADA, Xosé Ricardo, O rosario e a buguina, Galaxia, 2021. PVP. 14,25€

Compartir el artículo

stats