De certo que hai en Galicia unha nova faciana no século XXI, conformada polos sectores económicos innovadores e creativos como son a moda, a enoloxía, a gastronomía e mais o deseño. Todas elas son actividades con valor engadido, apoiado por unha dose importante de tecnoloxía e coñecemento. Ademais, o sinal que subliña estes sectores puxantes é o estilo. Acadan sona e vendas os produtos e servizos que incorporan á súa natureza e branding aquilo que é cool ou tendencia. Dito doutro xeito, seducen os mercados, as creacións nas que se recoñece o espírito do tempo ou Zeitgeist.
Dous deses sectores, o gastronómico e o artesán, foron obxecto dunhas xornadas de enxalzamento e reflexión na Cidade da Cultura -convocadas por Artesanía de Galicia e Galicia Calidade- nas que tiveron lugar obradoiros e debates nos que, a modo de espazos de pensamento ou think tank, se puxeron en común os logros dos creadores e se analizaron tendencias cara ao futuro. Baixo o rótulo Artesanía no prato, convocouse o 21 e 22 de novembro a gastrónomos, artesáns e público para tomar pulso do deseño das mesas e das viandas contemporáneas.
A restauración é un dos eixos nos que se constrúe a imaxe dunha nova Galicia exportadora de talento e valor engadido, nun tempo onde os consumidores valoran as experiencias de inmersión para os sentidos. Á alta calidade das materias primas, engadiron os dez chefs convidados ao encontro receitas innovadoras que incorporan dende espumas até cocción a baixa temperatura pasando por esferificacións e deconstrucións. Ademais de exhibiren todos eles altas doses de espectáculo e xenio creador.
Na mostra aparecen representados once oficios
De antigo coñécese que os romanos comían lamprea do Miño en salmoira; que dende a Real Escabecharía de Arcade se servían ostras en escabeche para a capital do reino; que o polbo seco se exportaba a toda a península; e que o mexillón fresco ou en conserva é un produto de referencia mundial. Tamén os viños galegos teñen agora un espazo salientable nos mercados. Eses antecedentes gastronómicos, e outros moitos que se poden citar, serven para a construción da cultura do espectáculo do xantar no século XXI, onde a madurez dos mercados e cultura dos consumidores facilita que a demanda dunha constante capacidade de innovación sexa a chave para o éxito, chegando a converter a eses cociñeiros con flow en verdadeiras estrelas dos medios. E iso mesmo aconteceu xa no 2007, cando se celebrou en Kassel, Alemaña, a exposición Documenta 12, un grande encontro das artes con sólidas raíces nas propostas vangardistas da segunda metade do século XX. O daquela director Roger Buergel convidou a participar na mostra de arte ao cociñeiro de El Bulli, Ferrán Adriá. Logo de causar ríos de tinta, aquela rompedora presenza do cociñeiro como artista na convocatoria foi consistir en convidar diariamente a un almorzo no El Bulli, en Xirona, a dúas persoas afeccionadas á arte. Aquel xesto disruptivo puxo énfase na necesidade de termos unha escena artística transversal e integradora na cal vellas e novas formas de creación se recoñezan como manifestacións culturais de importancia semellante. Xa que logo, celebrar o espectáculo da nova cociña no museo de Cidade da Cultura non pode ser máis acertado.
O segundo dos eidos creativos e produtivos que se expoñen e debaten nestes dous días de encontros, mostras e showcooking na CDC é o da creación artesá de obxectos de deseño; nesta ocasión achegados especialmente á arte da mesa e o xantar. Expóñense seleccións de pezas de trinta e tres obradoiros da marca Artesanía de Galicia. E aparecen once oficios representados: cerámica, cestería, coiro, madeira, olaría, vidro, téxtil, escultura, estampaxe, xoiaría e forxa. Porque Galicia conta con non poucas marcas comerciais emblemáticas no sector da decoración e a arte da roupa de mesa, louza e porcelana. Arestora, aparte da renovación dos oficios artesáns que se está a producir, grazas tamén ao traballo de Artesanía de Galicia, atopamos unha xeración de novos creadores e artesáns que manufacturan outros tipos de vaixelas, pratos, coitelos e cestos para unha cultura gastronómica dos nosos días. Son pezas máis conceptuais onde o forte sinal do pensamento do autor aparece representado en pequenos matices na materia ou nas formas. Aínda que podemos atopar asemade entre as propostas pezas máis achegadas á mesa clásica, con decoracións xeométricas ou de fantasía realizadas con fortes cores e formas máis convencionais.
A bagaxe cultural
A análise e estudo en conxunto da arte gastronómica xunto á arte da mesa é cousa tradicional, e nalgún tempo pasado serviu para forxar unha das máis solventes propostas de estilo de vida e comercio de calidade. Na Francia do século XVII foi cando se concibiu o sector francés do luxo: así, en 1651, un cociñeiro chamado Françoise Pierre asinou, baixo o pseudónimo La Varenne, un libro titulado Le cuisinier français. O volume converteuse na referencia internacional da cociña francesa que se presentaba como unha lectura de inmersión que convertía o lector nun gastrónomo de seu. Dese libro de grande éxito xurdiu a haute cuisine francesa que se completou logo no 1674 co volume asinado por L.S.R. titulado L'Art de bien traiter. Ou sexa, a arte de agasallar. Dende entón a gastronomía francesa e mais as louzas e decoracións no estilo galo teñen sido referentes principais en todo o mundo, compartindo un pouco de espazo co estilo inglés, que aparece máis axeitado para as formas de campo.
En décadas recentes apareceron novos referentes do estilo de vida, e xunto ás xa mencionadas capitais Londres e París, xorden outros ámbitos como Anveres, Tokío, Milán, Nova York, A Coruña ou Barcelona. É agora o momento de Galicia para seguir mostrando as súas novas formas gastronómicas e mais os novos xeitos de artesanía e deseño, tal e como se ve nestes encontros promovidos por Fundación Artesanía de Galicia.