Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gonzalo Navaza Académico da RAG

“A toponimia galega esconde aínda moitos segredos”

O novo académico numerario da RAG, Gonzalo Navaza. Eli Regueira

Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) é escritor, tradutor, estudoso da toponimia galega e profesor titular de Literatura na Universidade de Vigo. Agora, Navaza vén de ser elixido membro numerario da Real Academia Galega

Como escritor, Gonzalo Navaza ten cultivado diversos xéneros. Dirixiu a elaboración dos dicionarios de galego de Edicións Xerais de Galicia no ano 1988, chegando a crear o máis vendido da historia do galego, O pequeno Xerais. Por outra banda, o seu labor de investigador da toponimia callou na publicación de Fitotoponimia galega, un voluminoso volume editado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza no que analiza os topónimos do sueste galego procedentes de nomes de plantas. Neste campo de traballo tamén desenvolve a súa actividade na Asociación Galega de Onomástica (AGOn, na que xa colaborou na organización de dous congresos internacionais) e na Comisión de Toponimia, encargada oficialmente pola Xunta de Galicia de fixar as formas escritas dos topónimos de Galicia. No ano 2012 xa se incoporara á Real Academia Galega como académico correspondente. Na actualidade é profesor na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

–Que sensación lle produciu ser elixido como académico numerario da RAG?

–Síntome moi honrado. Eu xa viña traballando co Seminario de Onomástica da RAG, na miña condición de académico correspondente, de xeito que interpreto este nomeamento como unha aceptación do meu traballo por parte de colegas a quen recoñezo como mestres.

–É Vde. un todo-terreo da literatura e, en xeral, da lingua galega. Pero vaiamos por partes. Ten escrito poesía, narrativa, ensaio, literatura infantil... En cel destes xéneros se sinte Vde. máis a gusto a estas alturas da vida?

–Supoño que depende dos momentos e dos asuntos. Todos os xéneros teñen máis en común do que podería parecer. Nos extremos, a creación literaria ten a vantaxe ou a comodidade de que te podes desviar das verdades obxectivas convencionais e xogar coas palabras, liberado da necesidade de informar. A prosa académica ten tamén a súa comodidade, pois en principio non buscas o bonito ou o emocionante, senón o convincente; abonda con aterse ao fío lóxico da argumentación.

Tamén é tradutor. Á marxe, loxicamente, do coñecemento da lingua que se traduce, cal é a outra cualidade imprescindible que debe ter un bo traductor?

–O coñecemento da lingua de partida suponse requisito necesario, pero unha boa tradución maniféstase na lingua de destino. Depende moito da clase de texto. Creo que a tradución de poesía é a que require maior esforzo e maior destreza por parte de quen traduce.

–Por outra banda, Vde. dirixiu a elaboración dos dicionarios de Edicións Xerais. Tendo en conta a situación do galego aínda hoxe, cales foron (ou son) as principais dificultades para artellar un bo dicionario?

–Os dicionarios inscríbense nunha tradición lexicográfica, aliméntanse uns doutros. Non sei que lexicógrafo dixo que a historia dos dicionarios dunha lingua é a historia dun plaxio por orde alfabética. Cando se elaboraron os dicionarios destinados ao ensino, partiuse dos dicionarios anteriores filtrándoos e adaptándoos ao estándar do galego moderno cun coñecemento científico da lingua.

"Todos os xéneros da escrita teñen en común máis do que poida parecer"

decoration

Cre que o labor de investigación sobre os topónimos de Galicia xa está rematado ou aínda hai que rescatar (e re-difundir) moitos topónimos?

–A enorme riqueza toponímica de Galicia ofrece moita máis información histórica do que podería pensarse e esconde aínda moitos segredos. Centos de miles de nomes que constitúen un manto de memoria, identificando cada ferrado da superficie de país. Sempre queda moito que facer. Tamén na divulgación do valor patrimonial dos topónimos.

–Hai unha faceta moi especial en Vde. que é a “confección” dos palíndromos. Cal é o truco (se o hai) para poder escribir todo un poemario de versos palíndromos, como é o caso do seu libro A torre da derrota (Xerais), por poñer un exemplo?

–Son xeitos de experimentar coas palabras, de xogar con elas. Retorcelas para que solten o seu zume. Sometes a linguaxe a unha condición e ás veces os resultados aparecen cargados de profundidade lírica. É algo azaroso. Pode parecer cousa de virtuosismo do autor pero son virtualidades da lingua.

–Disque a mocidade galega cada vez emprega menos o galego. Que habería que facer para darlle volta a esta situación?

–Non teño a solución, pero sei que os poderes públicos e mais as institucións non sempre fan todo o que poderíanlevar a cabo para fomentar unha concienciación da súa importancia. En calquera caso, se o galego sobrevive ou non vai depender da vontade dos falantes. E hai exemplos de como unha comunidade pode revitalizar por completo a súa lingua en dúas xeracións.

–De que vai tratar o seu discurso de ingeso na RAG?

–Pois aínda non o decidín, ándolle dando voltas a tres ou catro asuntos posibles.

–E despois do acto de ingreso, xa ten pensado de que vai tratar a súa primeira iniciativa a presentar na primeira sesión da Academia á que Vde. acuda xa como numerario?

–Imaxino que cando teña que intervir, será por cuestións relacionadas coa onomástica (antroponimia e toponimia), dentro do Seminario de Onomástica, onde xa veño traballando desde hai tempo

Compartir el artículo

stats