Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con talento e con oficio

Na Sonora de Los Eternos

Desde Cedeira e desde o mundo, a Sonora lección de rock´n´roll de Los Eternos Cortesía dos músicos

Van moitos anos aló dende a primeira vez que os vin e que os escoitei. Foi nun festival, estreando século, nalgún lugar desta nosa tan fermosa Galiza musical que tan pouco entende de aramados culturais ou de valados de absurdos prexuízos, polo menos no que a músicas se refire. Lembro a sensación, ao escoitalos en directo, de sentir con eles a convicción de estar ante unha banda que semellaba non ser de ningún sitio ou, e por dicilo doutro xeito e coa medida que lles corresponde, de estar diante dun grupo que ben podería ser de todo canto lugar existise e prestase de boa música, de bo rock and roll e de paladas interminables de area, calidade, cal, e mil fronteiras enleadas en cada un daqueles acordes de steel, lixa e mel. De Cedeira si, pero tan do mundo como son os ecos do country rock de cheiro americano e dianas espetadas nos corazóns de todo un universo case sempre rendido aos seus magníficos encantos.

Los eternos Los eternos

Os Eternos alí estaban coas súas camisas charreiras, as botas de coiro de punta longa e os axustados, e ben pranchados, vaqueiros amarrados con cinto de fibela de metal, relucente e xenerosa. Unha clara declaración de intencións sobre que carreiros transitarían, xa incluso antes de escoitar, aquelas cancións a medio camiño entre o wenster, o country, o rock, o folk americano e tamén, e por momentos, dese tan prezado pop cando se executa con tanta clase e gosto. Todo tocado con extrema calidez e sobrada calidade.

Despois pasaron os anos e perdínlles a pista até que outra vez cadramos polo mundo adiante. Unha entrevista na radio co gallo da presentación dalgún dos seus discos, o “Discalzos polo Festival” na súa Cedeira, no recente 2019, e pouco máis até que estes días nalgúns portais de internet lemos que os eternos tiñan novo disco. Achegueime a el obviamente con todo o interese e confirmando a sensación de que Sonora chega neste 2021 para poñelos outra vez como unha das referencias imprescindibles do xénero no noso país, moito máis aló das correntes das modas das que nunca tiveron tino nin da procura da popularidade mal entendida como éxito.

Trátase, pois, de dez cancións que transitan entre emocións altamente costumistas e unha certa e estraña nostalxia luminosa que falan do paso do tempo, da vida, de paisaxes sonoras e de resurrecións. “Bienvenido a casa, deja que te mienta” ou “no seré tu mejor amigo pero ahora estás aquí” cantan en “Bienvenido” a peza que abre o traballo. Medos, sortes esquivas, soños e intencións, bicos, silencios e eternidades deixanse caer peza a peza, en cancións tan fantasticamente facturadas como “El vals de los quebrantos”, a atemporal “Inexorable”, as spaghettis “Borracho” ou “Sonora”, que ademais dá título ao traballo, e por suposto que a miña preferida, por luminosa e latexante, “Dioses en la pared” dándolle un empaque e unha sólidez á escoita propia do resultado do empaste dunha banda con oficio, talento e dende logo que ideas ben claras.

Producido por eles mesmos, con gravación e masterización de Víctor Gacio nos Estudios Bajocero, o LP traenos de volta a uns Eternos de lírica coidada e unha delicada instrumentación no que a steel guitar pon a guinda a un prato que resulta ben delicioso. A crítica especializada está a deixar claro a viciosa debilidade que supón para calquera melómano, sexa cal sexa a súa tribo, poñer este Sonora a dar voltas no seu reproductor e nós, dende logo que, non iamos ser menos.

 

Rescoldos, Ego MC

 

 

Rescoldos de Ego MC

  “Rescoldo” é a nova canción e o novo videoclip de Ego MC. A peza fala do que acontece cando se van apagando os focos do escenario, cando o tempo pasa ao xeito pero implacable, a vida “achucha” e as experiencias poñen cada cousa no seu sitio e a cada un de nós no seu lugar. Ego Mc sabe ben do que fala despois de toda unha vida rimando versos e apuntalando a escena rapeira, pois detrás do seu nome artístico traballa Abel Taboada Penide, un dos membros fundadores da xa mítica formación hiphopeira compostelá, de mediados dos noventa, Actos Urbanos. Tamén foi vocalista daqueles metaleiros Octubre 28 que tanta leña despacharon nos seus directos, de apisonadora e distorsión, ao longo duns anos na capital galega. Despois de desfacerse o grupo aló polo 2007 comezou a súa andaina en solitario, uns anos nas Canarias e un regreso a Compostela onde formou os Orate xunto a Josu Cruces. Despois máis cousas por aquí e por aló e xa no recente 2020 volve traballar co productor vasco PAES (Pablo Escajedo, de Vitoria-Gasteiz) co que xa fixera unha maqueta no 2004 e así comezan a traballar e armar músicas de novo xuntos.

Desta maneira xorde un disco baixo o título de Añejo no que Paes produce e mestura mentres Abel pon a palabra, escribe e compón. O traballo xa está dispoñible en formato físico e no mes de decembro promete estar pendurado en todas as plataformas dixitais, pero mentres aquí nos deixa no youtube este “Rescoldo”, tema por certo non incluído no disco, no que fai balance do que foi e, sobre todo, do que queda de todo o moito que xa pasou. “Rescoldos” de resistencia e compromiso sobre aquela evocadora secuencia de acordes de Noel Gallager (Em7 G D4 A7) que propoñen un acubillo perfecto para a palabra clara de Ego MC nun exercicio caralludo de rap humano, honesto, de enerxías positivas, de vida, de amor e de pura resistencia cultural.

“Continúo a ser un neno atrapado na cuncha daquel Mc que disfrutaba baixando á praza”, conta na canción. A nós quédanos escoitalo, agardar a decembro polo disco todo e quen sabe se facer tamén balance e contaxiarnos de tantas boas sensacións.

Compartir el artículo

stats