Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un país erguido agrolos

Breve crónica da Lei Seca

Na imaxe grande: escena dos primeiros meses da prohibición (abril de 1920).

Se apelamos á cultura popular americana, sen dúbida que asociamos a chamada “Lei Seca” –en realidade a XVIII emenda constitucional entrou en vigor o 16 de xaneiro de 1920- coa proliferación da mafia en Nova York e Chicago e mais os nomes de Al Capone e Eliot Ness e os seus “intocables”. Tal modificación lexislativa supuxo un vorcallón na vida cotiá, na política e na economía.

Agora dispoñemos dunha análise minuciosa dos trece anos nos que estivo vixente e das súas consecuencias. Así, Daniel Okrent vén de publicar Last Call. The Rise and Fall of Prohibition -El último trago, na versión española-, un detallado, e cabe dicilo tamén, apaixonante estudo que o escritor e editor presenta á maneira dunha obra dramática, cos antecedentes, o nó e mais o desenlace dun período insólito na historia norteamericana.

Na fotografía pequena: Eliot Ness (1903-1957).

Se imos aos sectores que promoveron a prohibición do alcohol nos EUA, houbo unha estraña alianza entre puritanos evanxelistas, progresistas –que consideraban o consumo de alcohol un andazo para os obreiros- e mais importantes sectores nativistas (wasp) que vían na proliferación da produción alcohólica –especialmente cervexa por inmigrantes alemáns- unha invasión dos costumes do país. Ademais, unha parte importante do sector prohibicionista estaba formado por mulleres, que en paralelo esixían o sufraxio universal.

Como a aplicación da XVIII emenda supoñería eliminar os gravames sobre o alcohol, o goberno federal impulsou o imposto sobre a renda, de carácter distributivo. Pero á hora de aplicar a emenda houbo que aprobar unha norma que a regulase: foi a chamada lei Volstead, que á prohibición de destilar e consumir bebidas alcohólicas de máis de 0,5 o puxo tres excepcións: a elaboración doméstica a partir de froitas, os viños destinados a uso sacramental (para católicos e xudeus) e mais as bebidas que fosen vendidas en farmacias. En tanto que houbo un período entre a aprobación da emenda e a súa entrada en vigor, diversos sectores puideron prepararse para este momento. En primeiro lugar, os beneficiarios legais: almacéns nas Bahamas (Reino Unido) e na illa de Saint Pierre (Francia), turismo en Cuba ou destilerías en Canadá. A principal destas, propiedade duns inmigrantes xudeus rusos, estaba situada canda a fronteira cos Estados Unidos e “exportaba” –de acordo coa lexislación canadiana- a Cuba e México pero apenas os barcos estaban nas augas do río Detroit, descargaban en centos de pequenas embarcacións. Pola súa parte, un importante viñateiro francés establecido en California subministraba –con bendición cardinalicia- viño para as liturxias católica e xudía en cargamentos extensivos ás respectivas congregacións ata cantidades que multiplicaban por millóns os usos nas misas. E en paralelo, e aproveitando outra excepción da lei Volstead, houbo unha comercialización masiva tanto de uva californiana como doutros produtos derivados de froitas (algúns indicando como non se debía de proceder para así evitar a fermentación). En fin, a terceira excepción era a venda de produtos de farmacia, negocio que medrou como a escuma para vender milleiros de litros de whisky medicinal servido con receita médica. E por rematar con algunhas prácticas fraudulentas, pero legais, estaba a venda de barcos en Bahamas que eran rebautizados con bandeira británica e recomprados, para así poderen operar.

Entre os contrabandistas, estaban os que tiñan unha licenza legal fóra dos Estados Unidos –que transportaban ata a fronteira de terra ou de mar- e as organizacións criminais xa existentes, que pasaron a controlar a elaboración de cervexa, especialmente, e a súa posterior distribución. Organizacións formadas, fundamentalmente, por gángsteres de orixes italianas, irlandesas e xudías europeas que desde Nova York pasaron a outras cidades. Tal foi o caso dos coñecidos Al Capone, o seu xefe John Torrio, Meyer Lansky ou da Banda Púrpura de Detroit, nas súas orixes uns matóns de barrio. Non foron os maiores contrabandistas pero si tal vez os que máis beneficio tiraron (á marxe comercial engadían a marxe fiscal). As liortas entre bandas remataron cando acordaron o reparto das zonas, establecendo a Corporación, entidade mafiosa que dominaría a escena nos seguintes cincuenta anos.

 

Compartir el artículo

stats