Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Literatura volcánica

Das letras e da lava

As ruínas de Pompeia, co Vesubio ao fondo

Dende as propias orixes da nosa civilización, os volcáns teñen sido unha fonte de fascinio e temor, de curiosidade e enigma, simbolismo e fabulación. A súa importancia está fóra de toda dúbida, ata o punto de que o propio termo volcán deriva de Vulcanus, o deus do lume na mitoloxía romana, fillo de Xúpiter e Xuno, que tiña o seu fogar baixo o Etna, onde forxaba os raios de seu pai.

Moitos foron os autores gregos e latinos que aludiron aos volcáns e a súa destrutiva actividade, describindo os montes que os acubillaban. E aí os están Homero e Píndaro, Hesíodo e Empédocles, Estrabón e Diodoro, Marcial e Ovidio, Lucrecio e Virxilio, Cicerón e Plinio o Novo. Este último, por certo, describiu con detalle nas súas Cartas a Tácito a erupción do Vesubio do ano 79 que sepultou en lava Pompeia e Herculano, un fenómeno que quixo ir estudar seu tío, Plinio o Vello, quen morreu no intento.

Descubren en Pompeya un hallazgo extraordinario, un "restaurante" de comida rápida

Descubren en Pompeya un hallazgo extraordinario, un "restaurante" de comida rápida Vídeo: Agencia ATLAS | Foto: EFE

Na Idade Media e ata o século XIX os máis grandes da literatura europea non deixaron de reflectir na escrita a forza imparable dos volcáns. Dende Dante (quen a principios do XIV nunha pasaxe do “Inferno” da súa Divina Comedia presenta o Purgatorio situado nunha montaña “alta tanto” que se cre que tomou como modelo para describila ao Teide) ata Goethe (quen relata en Viaxe a Italia as súas catro ascensións ao Vesubio), pero tamén Hölderlin, Shelley, Chateaubriand e o propio Quevedo, quen poetizaba incomparable o Etna: “Ostentas de prodigios coronado,/ sepulcro fulminante, monte aleve,/ las hazañas del fuego y de la nieve,/ y el incendio en los yelos hospedado”.Agora ben, a escrita que hoxe sentimos como máis propiamente volcánica nace, coido eu, coa novela Os derradeiros días de Pompeia (1834) de Edward Bulwer Lytton, narración romántica que relata os últimos días de Pompeia antes de ser esmagada polo Vesubio a través da vida duns cantos personaxes, unha ruína que algúns interpretaron como unha metáfora da decadencia da sociedade vitoriana.E inesquecible resulta tamén a Viaxe ao centro da Terra (1864) de Jules Verne, onde aparecen dous célebres volcáns: o cráter do Snaefellsjokull islandés, polo que descenden os aventureiros na súa expedición subterránea, e mais o Estrómboli, polo que, logo de mil peripecias, conseguen regresar á superficie o profesor Lidenbrock e o seu sobriño surfeando a lava nunha balsa.

Jules Verne (1928-1905)

O horror que é quen de desatar un volcán é o que espella O caos reptante (1921) de H. P. Lovecraft, onde o protagonista ten unha visión onírica da fin do planeta na que un océano de lava o devora todo nunha apocalipse extática con iridiscentes doncelas que entoan cánticos mentres se consuma a extinción.P orén, unha visión diametralmente oposta, ben máis amable e tenra, é a que achega un clásico entre os clásicos como é O principiño (1943) de Antoine de Saint-Exupéry, onde o pequeno monarca se dedica todos os días a arrombar con meco os tres volcáns que existen no seu fogar, o diminuto asteroide B-612.

Dous deles están activos e precisa telos ben limpos para que, coa calor que desprenden, lle quenten o almorzo. E o terceiro tamén o limpa porque, como di o sabio principiño, “nunca se sabe o que pode ocorrer”.

H.V. Lovecraft (1890-1937)

Ben célebre é igualmente Baixo o volcán (1947) de Malcolm Lowry, un relato que conta a caída en desgraza de Goeffrey Firmin, un exconsul británico alcoholizado que vive en Cuernavaca, preto do volcán Popocatépetl (literalmente “a montaña que fumega”, en náhuatl), que consuma o seu particular descenso aos infernos nos que arde en coladas de mezcal.

El volcán Popocatepetl, un espectáculo natural de fuegos artificiales

El volcán Popocatepetl, un espectáculo natural de fuegos artificiales Agencia ATLAS

E moi popular, sobre todo a partir da espectacular adaptación fílmica de Peter Jackson, é a presenza volcánica en O señor dos aneis (1954) de J. R. Tolkien, onde, como é sabido, o lugar no que se orixina todo o Mal é Monte Condenación, un témero volcán nas entrañas do cal foi forxado o Anel Único polo que devece Sauron para destruír a Terra Media. Xustamente a vitoria das forzas do Ben e a destrución do anel na propia lava do volcán supón o estourido deste e a fin definitiva da ameza do Mal.

Finalmente, cómpre lembrar aquí O amante do volcán (1992) da escritora estadounidense Susan Sontag, narración inspirada en personaxes históricos que relata ficcionalmente o triángulo amoroso protagonizado por William Hamilton, diplomático inglés considerado o pai da Vulcanoloxía, e mais a súa esposa Emma e o seu amante Lord Nelson. O primeiro vive prendido do ardor dos volcáns aos que ama, os dous últimos déixanse queimar por outros lumes.

Cráter

Na literatura galega non deixan de rexistrarse puntuais alusións á realidade volcánica, por máis que nas nosas terras non sexan unha realidade próxima. Secasí, o propio termo volcán xa aparece nalgunha poesía de 1860 de Antonio de la Iglesia e aínda hai pouco Xosé Ricardo Losada empregábao simbolicamente para titular o seu A casa xunto ao volcán (2019), servíndose dunha cita ao respecto de Nietzsche (“Construíde a vosa casa ao lado dun volcán”).

Porén, a poética máis volcánica entre nós é, sen ningunha dúbida, a de Olga Novo e o seu aplaudido Cráter, libro que no seu día recibiu o Premio da Crítica Española e que, como a propia autora declara no prólogo, significativamente titulado “Pequeno pensamento cráter”, é unha obra que: “contén unha serie de emanacións vitais que, coma no caso dos síntomas volcánicos, constitúen formacións de cinsa, pedra, lava e rocha metamórfica”.

Olga Novo (1975)

Compartir el artículo

stats