Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Contedores de pintura

Manuel Quintana Martelo no MARCO

Unha das obras que integran a exposición "Containers", de Manuel Quintana Martelo. Eli Regueira

A nova obra que presenta Manuel Quintana Martelo (Roxos, Santiago de Compostela, 1946) na planta baixa do MARCO, practicamente toda ela inédita e elaborada desde o ano 2012, parte dunha manifesta opción pola figuración aínda que levada a cabo cunha linguaxe e personalidade singular, na cal o peso fundamental está no ollar, na planimetría, de usarmos un termo cinematográfico que lle acae á perfección á maneira de definir o espazo da representación pictórica por parte do pintor, e onde a luz, dun luminismo para nada convencional, consegue balizar unha percepción que en chave realista constrúe un universo persoal. Alén diso, Containers, a exposición que presenta como temática única a reprodución de contedores de obra de diferentes cidades, permite enxergar algunhas das chaves da ollada contemporánea, dominando a preocupación pola configuración ou consistencia do motivo captados, unha actitude que non deixa de ter unha dose de forte voluntarismo nun contexto social como o actual en que as conexións humanas xa non son “vividas directamente” senón que se distancian na súa relación cara a ese modelo de “sociedade do espectáculo” que describe o pensador francés Guy Debond.

Pezas de Quintana Martelo que se mostran no MARCO. Eli Regueira

TÍTULO

Containers

AUTOR

Manuel Quintana Martelo

COMISARIO / PRODUCIÓN

Juan Manuel Bonet / MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

LUGAR

MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Rúa do Príncipe, (Rúa do Príncipe, 54)

DATA

Até o 27 de febreiro de 2022

A súa obra, daquela, insírese nun dos principais temas de interese de moitos artistas do contexto actual como é a ligazón co medio urbano, ou a cultura do cotián. As pezas de Containers trazan un elo de unión entre o marco urbano ou o tema representado e o espectador concreto, un espectador dun ámbito histórico real, que nos resulta tan cómplice a moitos dos que compartimos co autor experiencias xeracionais, viaxes e/ou lecturas. Percibimos, daquela, que o pintor se interesa polo ollar do espectador e pola súa resposta, e utilizo o termo “ollar” no sentido en que o facía o psicanalista Jacques Lacan, para designar o que antes se chamaría “punto de vista”, entendendo que a mirada expresa unha actitude mental da que o autor e o espectador non teñen por que ser necesariamente conscientes, mais que é un elemento plenamente actuante. Este aspecto é ben evidente na maneira de recortar eses contedores que ocupan toda a mostra do artista, de enfocar, produto inequívoco dunha educación visual instruída e familiarizada cos medios de masas.

Materiais empregados polo artista. Eli Regueira

Non se entenda esta reflexión nun sentido reducionista, senón máis ben como constatación dun proceso que se pode percibir nas artes desde hai ben anos, mais que adquire na sociedade actual unha xeneralización absoluta e no cal que os artistas se ven inseridos.

As obras de Manuel Quintana Martelo, neste sentido, suxírenme a idea de ambigüidade de figuración –o que non deixa de ser curioso xa que a primeira sensación é, evidentemente, nitidamente realista-. A respecto desta cuestión, cómpre lembrarmos que desde que irrompeu a fotografía -auxiliar para o noso artista-, esta inaugurou unha nova forma de entender e comunicar, que non deixou de transformar e medrar, e transformarnos á súa vez. A pintura, e en especial as correntes figurativas, non son alleas a esta influencia. Sería difícil entender a obra do pintor compostelán sen este referente –e sen o da historia da pintura- nesa vontade de desenvolver unha captación que agacha toda unha reelaboración dunha tradición, pasada pola peneira dunha ollada contemporánea. Nesta liña argumental, a pintura de Quintana Martelo reflexiona desde a tradición, dominando nel o xogo de liña, planos e luz e a preocupación pola relación espazo, plano e volume.

Unha mirada selectiva

Para o pintor é esencial a ollar selectivo que lle permite a captación dun anaco do medio urbano, tratado en xeral con sobriedade e visión analítica da realidade, para o que parte da tradición figurativa e influído pola mirada contemporánea.

O que nos ofrece Quintana Martelo, coa súa singular realización, é unha achega múltiple que vai desde as bosquexos preparatorios até a escala monumental, pasando por debuxos e acuarelas de variadas escalas, que se sitúan entre a evocación da paisaxe urbana e a natureza morta, un ámbito este último moi presente no conxunto da obra do artista.

Manuel Quintana Martelo asume unha intencionada posición nun territorio ecléctico, entre a reflexión e a representación, tan característico de moitas propostas contemporáneas, un aspecto que podería moi ben estenderse como característica a moitos creadores que traballan no ámbito da figuración, situados todos nesa fronteira fulcral en que está a sociedade actual, co seu individualismo case levado ao límite, sen unha linguaxe común pero cunhas preocupacións compartidas e coa consciencia, como en todas as actividades culturais, literatura, música, etc, do peso da tradición, o que se acaba plasmando en analoxías, recreacións e disidencias da propia tradición, mais coa persistente conciencia da mesma.

Compartir el artículo

stats