Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roteiros rebeldes

Xornalismo e historiografía

Todas as iniciativas político-militares desenvolvidas polo réxime franquista entre os anos 1968 e 1978 estaban encamiñadas a garantir a supervivencia das elites do réxime, tanto as económicas como as políticas, militares, xudiciais, académicas e eclesiásticas, unha vez rematada a Transición cara á democracia. Neste sentido, era fundamental neutralizar as aspiracións rupturistas dunha boa parte do pobo, para o que era preciso lograr a implicación da principal forza de oposición ao franquismo: o PCE e as súas estruturas sindicais e culturais no proxecto das elites, o que se logrou definitivamente en 1974 cando o PCE promoveu a Junta Democrática de España; obviamente, esa neutralización non foi gratuíta: velaí están os dereitos e liberdades recollidos na Constitución de 1978.

Porén, non todas as organizacións políticas que loitaban pola ruptura democrática estaban dispostas a aceptar unha renuncia aos principios revolucionarios que as inspiraban; unha destas organizacións, que dende 1964 viña pulando por unha vía revolucionaria na Galiza foi a Unión do Pobo Galego (UPG), na que Moncho Reboiras desenvolveu un papel dirixente de primeira orde.

A andaina que levou a Moncho Reboiras asumir a dirección política da UPG, desenvolver unha intensa actividade de concienciación polo país e de organización da rebeldía, como propagandista e activista, asumir a dirección do brazo armado dos Irmandiños..., está recollida no libro de Xurxo Martínez González e Xosé Manuel Pereiro Reboiras: o camiño da rebeldía (Aira, 2021), escrito a medio camiño entre o xornalismo e o historiografría a partir da súa obra e dos seus feitos, así como da memoria oral das persoas que o coñeceron e loitaron con el. Un libro imprescindible para comprender que Moncho Reboiras foi vítima dunhas elites que non estaban dispostas a perder os seus privilexios trala morte do tirano, para o que exerceron unha violencia exemplarizante sobre todos os loitadores que representaban unha seria ameaza para os seus intereses.

MARTÍNEZ GONZÁLEZ, X./PEREIRO, X.M., Reboiras.O camiño da rebeldía, Aira, Santiago, 2021, PVP. 18,95€

Compartir el artículo

stats