Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Retratos románticos

Da obra de Francisco Sobrino Iglesias

Retrato de Antolín Faraldo (1845).

No número 43 do Anuario Brigantino (Betanzos, 2020), recentemente presentado, o investigador Ángel Nuñez Sobrino deu a coñecer un traballo sobre os Sobrino, unha saga familiar estreitamente ligada ao mundo cultural galego dos séculos XIX e XX. A publicación ten particular interese para a historia da nosa arte ao fornecer información moi valiosa sobre a figura de Francisco Sobrino Iglesias (Santiago, 1824- Madrid, 1881), médico de profesión mais cun notábel dominio do pictórico no campo do retrato, o que o converte nun artista de interese nun momento particularmente escuro para o desenvolvemento da arte galega.

O contexto formativo do noso artista é o da Galicia da primeira metade do século XIX, un ambiente onde asistimos ao nacemento dunha arte romántica e costumista que pretende ofrecer unha visión burguesa da realidade. No caso galego, debido a que a burguesía estaba lonxe de se asentar como clase dominante, xa que non ostentaba aínda o dominio económico, vaise producir unha importante decadencia nas artes. Só a partir de mediados do século a arte comeza a saír do marasmo e a manifestar a visión burguesa da sociedade, xusto cando galeguismo cultural e político dá os primeiros e importantes pasos, que serán decisivos para axudar a construír unha imaxe propia do país. Este fenómeno, que se manifesta primeiro no mundo literario, superará con moito este marco ao incidir no modo de ver a cultura propia e na preocupación polo legado histórico-artístico que comezou a xurdir entre os intelectuais galegos na segunda metade do século XIX.

Retrato de dona Clara Rivas Neira.

A obra de Francisco Sobrino cómpre situala neste contexto e, primeiramente, entre os pintores románticos galegos, como Juan José Cancela del Río ou Jenaro Pérez Villaamil. Lembremos que con eles vai dar os primeiros pasos unha escola galega de pintura, que devagar se irá configurando en medio de grandes dificultades ligadas á debilísima tradición da que se parte, ao ambiente social e á falta de escolas, situación que aínda ben avanzado o século denuncia recorrentemente Manuel Murguía. En xeral neste período asístese en todo Occidente, como xa indicamos, ao auxe da burguesía, que tenta por medio da arte, en especial da pintura, reflectir a súa imaxe como clase xa que non se sente representada pola que dan os sectores tradicionais, ligados ao Antigo Réxime, e quere, ao mesmo tempo, transmitir a súa visión ao conxunto da sociedade, crear unha imaxe burguesa; os xéneros pictóricos serán reflexo deste proceso: paisaxe, natureza morta, escenas costumistas e retrato.

Retrato do naturalista don Juan Lembeye (1844).

A obra que coñecemos de Francisco Sobrino Iglesias fundamentalmente se adscribe ao último xénero. Son retratos, en ocasións miniaturas, que hai que situar na mesma liña da retratística romántica que entre nós representa á perfección Juan José Cancela del Río (1803-1886), artista de formación académica elabora neste formato traballos debedores da roupaxe neoclásica. No caso da obra de Francisco Sobrino temos exemplos como o Retrato de dona Clara Rivas Neira (Coleción privada) ou o Retrato do naturalista don Juan Lembeye (1864, depósito no Museo de Belas Artes da Coruña). Dentro desta serie do efixies cómpre destacar, polo que ten de documento histórico relevante, o Retrato de Antolín Faraldo (Colección particular) realizado arredor de 1845. Como é ben coñecido Antolín Faraldo foi un dos lideres do pronunciamento liberal de 1846 que rematou cos fusilamentos dos chamados “Mártires de Carral”, un feito que se acabaría por converter en referente histórico para a tradición galeguista que levaría ao nacionalismo galego moderno.

Antolín Faraldo

Antolin Faraldo (Betanzos, 1822-Granada, 1853) foi un xornalista liberal que en 1843, na asemblea federal celebrada en Lugo, mesmo propuxo debater a independencia de Galicia. A súa proposta non chegou a ser aprobada apenas por un voto. Entre febreiro e outubro de 1845 -posibelmente na época en que foi retratado por Francisco Sobrino- funda e dirixe, xunto con José Rúa Figueroa e Antonio Romero Ortiz, El Porvenir. A revista, cuxo subtítulo era Revista de la Juventud Gallega, e que na súa cabeceira lucía o lema Todo para Galicia, serve a Faraldo de plataforma para expor o seu modelo político de Galicia, sempre consonte cunha liña liberal e rexionalista. O devandito modelo veríase concretado coa súa participación na chamada Revolución de 1846, o levantamento de Solís, para a cal redacta o 15 de abril de 1846 a proclama de constitución da Xunta Provisonal de Goberno de Galicia, da que foi secretario.

Fracasado o intento de revolución, o 26 de abril dese mesmo ano vese obrigado a exilarse en Portugal, xunto a outros compañeiros, a bordo do buque Nervión. O 8 de setembro é condenado en rebeldía polo citado levantamento, aínda que ao ano seguinte conseguiría a amnistía, instalándose en Madrid. Alí dirixiu durante un breve período a publicación La Europa, para perderse despois a súa pista histórica até o seu pasamento en Granada, cando só tiña trinta anos.

Compartir el artículo

stats