Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xogos sensoriais

Substancioso e sabedoiro

Ilustración da cuberta de "Paleta planeta".

Baía Edicións vén de publicar o último poemario que Yolanda Castaño dá ao prelo e no que a compostelá se serve da gama de cores que resulta da combinación das tres primarias para presentar unha natureza dura e agreste, sinxela e amable, colorida e triste ou mesmo parda e rexia que expresa o estado de ánimo dun glaciar, os sentimientos da area dourada do deserto, o esoterismo das flores ou a tranquilidade que evoca a idade cando se tingue de gris nunha sorte de imaxes sinestésicas que procuran acubillo nos sentidos que non lle son propios onde as papoulas cantan ópera, o silencio é de algodón ou as linguas bailonas chimpan contentas no medio do lume.

Son os sentidos os que referencian vida e é a vida a que flúe entre sensacións, sentimientos e estímulos que permiten a precepción da realidade dunha forma particular ao establecer relacións inusuais que o lector, en virtude da ficción, é quen de imaxinar. O obxectivo de embelecer e realzar a forma na que se transmite a mensaxe está nos dezaseis poemas que conforman Paleta Planeta amplamente cuberto, ademais a expresividade do texto poético fica garantida coa escolla das verbas: unhas veces, coidadas e cultas -primavera saudosa na paisaxe antártica/púrpuras lóbregos farrapos de bruxas-; outras, menos formais -nesa tinta enchoupan as palabras/melena suave de mamá-; outras, coloquiais e desenfadadas -Piiii! soa o chifre da tarxeta/Chof! fai no meu prato o bote de mostaza- establecendo así un xogo sensorial co lector substancioso e sabedoiro.

Pola súa parte, a interpretación plástica que Xosé Tomás realiza dos textos permite unha lectura paralela e profunda dos versos xa que o trazo, acompañado da cor e da imaxe, crea escenarios marabillosos que van máis alá do significado real das palabras evocando mundos fantásticos certamente interesantes.

  • CASTAÑO, Yolanda, Paleta Planeta, (Ils. Xosé Tomás), Baia, A Coruña, 2021, PVP. 16,34€

Compartir el artículo

stats