Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tres mulleres valentes

Emotiva, sinxela e eficaz

Detalle da ilustración de portada de "A trenza".

Velaquí tres historias que se entrelazan: a de Smita, muller da India que vive na periferia da humanidade e que traballa baleirando excrementos; a de Giulia, moza siciliana que descobre que a fábrica de perrucas da familia está a piques de botar o peche por unhas débedas que acaba de descubrir; e a de Sarah, prestixiosa avogada no Canadá entregada ao traballo ata o punto de ocultar as obrigas familiares e á que lle acaban de diagnosticar unha grave enfermidade. Son tres mulleres decididas, fortes, que deciden enfrontar o destino, conscientes da súa vulnerabilidade, pero tamén da capacidade para remar contra o furacán da vida. Smita ten unha filla e foxe para atopar un territorio no que a pequena poida aprender a ler e escribir. Guilia namora dun inmigrante e coa súa axuda busca un remedio para sacar adiante a empresa e asegurar o emprego das traballadoras. Sarah, malia o ambiente hostil e depredador do seu bufete, vai loitar por seguir mantendo un lugar no mundo. Son tres mulleres valentes que viven en xeografías que están moi lonxe unhas das outras, en situacións que a primeira vista non se parecen en nada, pero no relato, formado a base de breves capítulos que intercalan os seus problemas, as súas vidas van aparecer trenzadas nun destino final.

A autora, Laetitia Colombani (Bordeos, 1976), como Margueritte Duras, é novelista, guionista e directora de cine. Como a autora de O amante, emprega un estilo sinxelo, emotivo, eficaz. A trenza é a súa primeira novela; con ela gañou o prestixioso Prix Relay, e logrou un grande éxito internacional. O libro será levado ao cine pola propia autora, que se encargará do guion e da dirección.

  • COLOMBANI, Laetitia, A trenza, (trad. Moisés Barcia) Rinoceronte, Cangas, 2021, PVP. 17,10€

Compartir el artículo

stats