Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha nova reserva da biosfera

Pola Ribeira Sacra e as Serras de Oribio e do Courel

Vista de Monforte de Lemos.

O pasado 15 de setembro, o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere proclamou a candidatura integrada pola Ribeira Sacra e as Serras de Oribio e O Courel como nova Reserva da Biosfera, cun total de 306.534,77 hectáreas e dezaoito concellos da provincia de Lugo e cinco de Ourense. A UNESCO destacou que se trata -xunto coa riqueza cultural- “dun refuxio único para a diversidade”: nada menos que o 52% da diversidade florística de Galicia, cun total de 1214 especies de flora vascular e 277 especies animais. Botemos, pois, unha ollada ás particularidades de cada unha destas zonas:

Vista parcial dos viñedos da Ribeira Sacra. E.R.

Para comezar, a Ribeira Sacra, situada nas ribeiras dos ríos Cabe, Sil e Miño, marca a divisoria ao sur da provincia de Lugo e ao norte da de Ourense e ten como capital Monforte de Lemos. O seu clima atlántico continental, unido a esoutro microclima mediterráneo, trae como consecuencia unha gran biodiversidade e un espazo excepcional para o cultivo do seu produto máis famoso: a uva. A chamada viticultura heroica, polas condicións extremas do seu cultivo en socalcos, é un dos sinais de identidade: labores que se veñen facendo xa desde o tempo dos romanos, continuados polos monxes cristiáns, e na actualidade motor económico da comarca. Canto ao patrimonio cultural, a zona tamén presenta unha inmensa variedade (parte do mesmo pódese visitar no Ecomuseo de Arxeriz): barcas tradicionais, muros de pedra seca, o Entroido Ribeirao e o Oso de Salcedo, as fachas ou fachós, queimados en diversos actos festivos, o Sábado Longo de Xunqueira de Espadañedo, as Feiras do Viño en diversas poboacións… Se falamos de restos romanos, cómo non citar o túnel de Montefurado; e, desde logo, os mosterios (mención especial ao de Santo Estevo de Ribas do Sil) e igrexas a inzaren o territorio e que probablemente deron lugar ao nome de Ribeira Sacra, aparecido xa por primeira vez en 1124.

A segunda zona en cuestión é a Serra do Oribio, que comprende os concellos de Samos e Triacastela. Composta por unha serie de montes alombados, foi atravesada na época prerromana polo Camiño Real do Oribio, do que aínda se atopan vestixios, e supuxo a principal vía de acceso dos romanos para chegar a Lugo. Posteriormente coñeceuse como o Camiño de Castela e converteuse nunha importante vía comercial nas rutas dos maragato. Hoxe en día é un dos principais camiños de peregrinación a Compostela. A maiores da fermosura das súas paisaxes, da inmensa biodiversidade que presenta, da marabilla que supón o mosteiro de Samos ou dos interesantes restos castrexos como son o Castro de Viladonga ou o de Formigueiros, podemos destacar un elemento probablemente menos coñecido: a cova de Eirós, pois supón un xacemento paleontolóxico de suma importancia. A gruta, que resulta importante para o estudo do oso das cavernas, estivo ocupada nada menos que por Neanderthais e Homo Sapiens e conserva unha serie de paneis de arte rupestre con noventa e tres motivos pictóricos e gravados.

Paisaxe do Courel. E.R.

Completa a terna a Serra do Courel, que se espalla polos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga e Pedrafita do Cebreiro. Supón a reserva botánica máis importante de Galicia, cunha das xoias da nosa terra: a devesa de Rogueira, que reúne ata vinte e un tipos de bosques diferentes nun espazo moi reducido, o que a converte na unidade territorial de maior variedade floral de todo o noroeste peninsular. A zona das aldeas de tellados de pizarra -unha boa mostra temos na Aldea de Froxán, declarada como Ben de Interese Cultural- conserva da época romana restos de asentamentos relacionados coas explotacións a ceo aberto de ouro (hai teorías que afirman que o nome do Courel vén precisamente de aí), e da Idade Media templos e outros vestixios. Pero o máis característico do lugar acaso sexan as famosas pallozas de planta circular ou ovalada que reciben o seu nome seguramente pola palla empregada nos seus teitos. Destacan tamén as albarizas, construcións circulares ubicadas nas pendentes das montañas para gardar as colmeas do ataque dos osos; os sequeiros,lugares para secar e gardar as castañas; ou mesmo as pontellas, pontes de madeira características para cruzar os ríos.

Xacios e xacias. Apalpador

Conta a lenda que nas terras de Chouzán viven uns seres máxicos chamados Xacias ou Xacios, metade corpo humano, metade corpo de peixe, que habitualmente moran nas profundidades do río Miño pero que de cando en vez poden saír e vivir tamén en terra firme. Son seres fermosísimos, pero é esta beleza, precisamente, a que os volve enormemente perigosos, xa que ás veces deciden namorar aos barqueiros e levan os mozos do lugar á perdición, convencéndoos de que vaian con eles. Parece que aló no fondo do río agochan inmesos tesouros, pero ningún dos que marcharon con eles volveu para contárnolo.

Disque a noite do 24 e 31 de decembro o Apalpador, un carboeiro de profesión; habitante da Serra do Courel; gordecho, barbudo e enorme; cunha pipa na boca, camisa a cadros e pantalón cheo de remendos, baixa das montañas a tocar a barriga dos nenos e nenas para ver se comeron suficiente durante o ano. Ao lado das súas camas deixa un monllo de castañas e algún agasallo feito por el mesmo para desexarlles a todos un bo ano, cheo de diversión e fartura. Chegaron ata nós cancións sobre o apalpador como a que recolle José Andrés López: “Vaite logo meu neniño/ marcha agora para a camiña/ que vai vir o Apalpador/ a palparche a barriguiña.” Nos últimos anos a figura do Apalpador está a ser recuperada e a súa viaxe exténdese xa as casas dos nenos e nenas da Galicia enteira.

Compartir el artículo

stats