O Naturismo xorde a mediados do XIX como resposta á transformación política, económica, social e tecnolóxica da Revolución Industrial, na que o vexetarianismo e a práctica do nudismo eran alternativas na procura dunha fraternidade sen privilexios entre humanos. O pontevedrés José Castro foi pioneiro da medicina naturista en España. Formouse en dietética en Nova York e Uruguai e retornou a Vigo en 1923, acompañado de Daniel Capo, para difundir a Trofoloxía, unha dieta que rexeitaba a dixestión conxunta de alimentos con cargas eléctricas contrarias.

En 1925 creou a Escuela de Naturismo Moderno en Barcelona e asentou en Torrent (Valencia) onde publicou o Manual práctico de alimentación racional y crudívora ou La nueva ciencia de comer. En 1930 impartía conferencias no Ateneo e a Sociedade Recreo de Vigo: “La medicina moderna y la nueva ciencia de comer” e “Las enfermedades artríticas y el estreñimiento, sus causas y su curación por la trofología”.
En 1934 Lucio Vergas organizou un ciclo de conferencias en “La Oliva” sobre naturismo, no que Ruíz Ibarra defendía a alimentación vexetal fronte á inxesta de carne, que consideraba un campo abonado de microbios: o frutismo como medio para liberar o home da enfermidade e a muller da escravitude da cociña. Tamén se incidía nas bondades da exposición ao sol, a luz e o ar. Vergas creaba a Sociedade Naturista Viguesa, acompañado por Augusto Espinosa, Andrés Enríquez, Ramón Costafreda, Manuel Santiso, Castro Enríquez e Pablo Barrientos. A sociedade foise ubicar na rúa Elduayen, no local de teas Paños Vergas, e tiña como obxecto a promoción da medicina natural e a dieta vexetariana, ademais de organizar excursións para fomentar a vida sa e comunitaria.