Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O liberalismo político no Século das Luces

Historia do pensamento (XXII)

Vista da Illa de Rousseau (Xenebra).

En 1796, logo de sete anos implicado na “revolución popular” francesa, Babeuf -quen se facía chamar “Graco Babeuf” ou “Tribuno do Pobo”, en referencia á cabeceira do seu xornal revolucionario-, participa na Conspiración dos Iguais, unha rebelión popular e democrática fronte á república burguesa do Directorio, que este non dubidou en reprimir duramente: o 27 de maio de 1797, logo da súa detención e unha vez rematado o seu xuízo-farsa, Babeuf quitábase a vida ao coñecer a súa sentenza á morte. A burguesía non fixera a revolución para perder o poder a mans duns radicais defensores da abolición privada, fonte das desigualdades sociais, e da propiedade colectiva e a igualdade real!

De Locke a Montesquieu: todo o poder para a burguesía: En 1689, logo de pasar unha tempada exiliado nos Países Baixos e de regreso a Inglaterra -tras o triunfo da Revolución Gloriosa (1688)-, John Locke (1632-1704) publica os Dous tratados sobre o goberno civil, que constitúen unha crítica total á monarquía absolutista (Hobbes) e unha defensa do liberalismo, que fai xirar arredor de tres principios fundamentais: a división de poderes (executivo, lexislativo e xudicial), que servirá de inspiración a Montesquieu; o contrato social, unha idea que vai retomar Rousseau, e a defensa da propiedade privada -non en van Locke foi secretario da Xunta de Comercio e Plantacións-. Neste sentido, no seu intento de lexitimar a liberdade e a igualdade no dereito á propiedade privada burguesa, como sostén o economista australiano Quiggin, Locke estaba sustentando eses dereitos na “expropiación das clases populares, a escravitude e a servidume”.

Pola súa banda, a defensa que o barón de Montesquieu (1689-1755) realiza no Espírito das leis (1748), escrito logo de viaxar por Inglaterra, de estudar a obra de Locke e de implicarse no debate entre xermanistas (defensores dunha monarquía primitiva, na que o rei é elixido entre iguais) e romanistas (defensores da monarquía absoluta), da división de poderes -lixeiramente diferente da que expuxera Locke-, constitúe unha xustificación da toma do poder pola burguesía; de feito, no Espírito das leis afirma que “no goberno [incluso no popular, escribe ao falar da democracia], o poder non debe caer nunca nas mans do baixo pobo”. Ao mesmo tempo, Montesquieu afástase da tradición contractualista iniciada por Hobbes e Locke e continuada por Rousseau, ao rexeitar en nome da lei, que define como a relación necesaria á natureza das cousas, a existencia dunha xénese histórica, xa que, en palabras de Montesquieu, as leis configuran unha estrutura xurídica intemporal que é a “expresión necesaria da unidade interna do Estado, entendido como unha totalidade”. Así, baixo esta concepción materialista da lei e do Estado, non é preciso un contrato social entre o pobo e o soberano, xa que Montesquieu interpreta a sucesión de estruturas xurídicas nunha “cadea dialéctica” na que non precisa de orixe contractual ningunha.

Gravado da Revolución Inglesa (1688).

Roussseau e o contrato social: En contra da opinión sostida por Montesquieu, a cuestión das orixes é fundamental en Rousseau (1712-1778), quen en 1755 procura responder ás preguntas: cal é a orixe da desigualdade entre os homes? Está esa desigualdade respaldada pola lei natural? Para responder, escribe Discurso sobre a orixe da desigualdade entre os homes, no que sostén na primeira parte que o home é bo por natureza, polo que foi a sociedade -concretamente o xurdimento da propiedade-, quen o corrompeu. Na segunda parte dese discurso, no que anticipa os conceptos do Contrato social (1762), Rousseau resolve a cuestión da autoridade política mediante o contrato social, que busca unha forma de asociación fundada na igualdade e na liberdade dos seus membros. Daquela, aínda que Rousseau senta as bases dun discurso que retomará Babeuf, os seus conceptos fundamentais: asemblea democrática, vontade xeral, soberanía nacional..., serán o soporte teórico da democracia burguesa, que o capitalismo asume como expresión política de seu ao fundar as institucións políticas que lexitiman o poder da burguesía e garantir o dereito á propiedade privada.

Charles Montesquieu (1689-1775).

A construción do estado burgués

Todas as revolucións liberais supuxeron a conquista do poder político pola burguesía, que a partir dese momento se atopou ante a imperiosa necesidade de construír un estado acorde aos seus intereses de clase. Velaí están os sistemas electorais e representativos que serviron para limitar o acceso ao poder ás clases propietarias e o sufraxio censatario; e mais as declaracións de dereitos, entre os que figuraban nun lugar destacado o dereito á propiedade, a liberdade de mercado, a igualdade perante a lei...

Neste sentido, os revolucionarios burgueses atoparán no concepto rousseauniano de soberanía e vontade xeral o elemento central do seu discurso sobre a nación, que agocha un proxecto colectivo de carácter interclasista no que predomina o elemento identitario (raza, lingua, cultura, relixión...) fronte ao elemento de clase.

Ora ben, no momento en que a burguesía conquista o poder en diferentes contextos políticos, deberá desenvolver tres estratexias ben diferentes de construción nacional (transformadora, disgregadora ou unificadora) inspirados en dúas ideas de nación diferentes pero, ao cabo, complementarias: a perennialista, que sostén que a nación é unha entidade obxectiva allea á vontade humana, e a construtivista, que sostén que a nación é unha entidade xurdida da vontade xeral.

Compartir el artículo

stats