Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os medos do cotián

Literatura e cinema, de novo, da man

A nova publicación do escritor e guionista de cinema coruñés, Héctor Carré, non vai pasar desapercibida por varios motivos que iremos debullando nestas liñas. O autor de Diario dun impostor (2007), Febre (2011) ou Hai que matalos a todos (2015), todas elas publicadas en Xerais, suma nesta mesma casa un novo título que vén afianzar un momento de plenitude literaria para o escritor.

De fixarnos no título, a primeira vista, podemos pensar que estamos diante dunha novela de terror, e aínda que poida haber algunha pasaxe terrorífica, algunhas arrepiantes e moitas que cren en nós momentos de desasosego e calafríos, a obra non é en esencia un libro “de medo” senón máis ben “sobre o medo”, isto é, os distintos medos que pode chegar a ter unha persoa pola súa mesma condición humana. E deste xeito atopámonos con doce relatos sobre os diferentes medos que poderiamos chegar a padecer calquera de nós diante dunha situación de perigo ou inseguridade, medos reais e cotiáns presentes na vida de calquera persoa.

Non agarden, pois, relatos históricos nin aventuras de ficción. Non hai nada disto nas historias dos diferentes protagonistas, e aínda que algunhas contén con matices fantásticos e certa mestura entre o aquén e o alén, todas reflicten o mundo de hoxe. Ambientadas moitas delas na cidade da Coruña, achégannos unha realidade próxima, actual e urbana intrínseca nos protagonistas das historias. Persoas que levan como poden os seus medos a situacións como ir ao médico, padecer enfermidades, perder o traballo, recibir ou ter que dar algunha mala noticia, o paso do tempo, perder a memoria, medos aos seres do alén...

O autor sérvese de dúas ferramentas poderosas para nos atrapar nese sentimento; dunha banda a proximidade co mundo do lector, e doutra, o estilo cinematográfico serán dous elementos clave á hora de conseguir facernos sentir.O autor, así mesmo, é quen de ofrecer unha situación que somos capaces de imaxinar de xeito milimétrico e así recreamos os pasos pola rúa Linares Rivas co piso mollado e sentir mesmo o abafo do frío. A chuvia, o frío e o xeo, con abondosa presenza nos textos, desempeñan unha función que vai máis alá da propia ambientación das escenas e convértense en axentes opresores que conducen a aumentar a agonía das personaxes e tamén a nosa como lectores.

Recrearemos situacións cando menos desacougantes con solucións moitas veces sorprendentes, que poñen en práctica a teoría do conto indicada por Rafael Dieste en Dos arquivos do trasno (1926): “A unidade emotiva conséguese no conto pola obsesión do que ten de sobrevir”, técnica que conxuga maxistralmente cun texto moi depurado.

Dicía Sófocles que para quen ten medo, todo son ruídos, Héctor Carré enche a nosa cabeza de ruídos para que nos perdamos nos seus universos do medo. Para non perder!

Medos.

CARRÉ, Héctor, Medos, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 17,38€

Compartir el artículo

stats