Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do telúrico ao existencial

Impecable creación

Marta Dacosta é autora consagrada. A súa traxectoria leva a esperar este seu último poemario con expectativas altas e con devezo pola lectura do mesmo. E a verdade é que non defrauda. Son arredor de oitenta poemas os que conforman este seu Notas sobre a extinción e iso de entrada crea certa dúbida de ata que punto a autora será quen de manter un nivel máis ou menos homoxéneo nun xénero como o lírico. Calquera esperaría de entrada un poemario irregular no que ás calidades se refire. Pois ben, para o noso abraio confeso, Marta Dacosta consegue unha regularidade neste seu libro que nos fai pensar na obra literaria desenvolvida con paciencia ao longo de moito tempo. Este poemario non é ningunha ocurrencia nin arroutada. É o resultado dunha obra pensada e esculpida con teimosía respectando os tempos pertinentes para non caer en erros do que enseguida quere publicar. Este é un dos valores primeiros que lle observamos.

No que respecta aos contidos, evocacións e demais sensacións regalía deste texto, expoñer que hai un percorrido que vai do telúrico ao existencial. Os elementos da natureza, aparentemente nimios, cotiáns, mais que son a causalidade para que modele o mundo, son a escusa para reflexionar o eu lírico sobre a súa posición no universo. Hai unha conexión entre ambos conceptos que tornan nun único posicionamento vital e filosófico que percorre o abondoso corpus poético de Notas…

Hai todo un manto de metáforas e imaxes que lle dan unha coherencia e unha cohesión notable. Percíbese a constancia dun eu lírico mergullado nunha serie de sensacións que todo o envolven e que van na procura dunha serie de preguntas que non sempre requiren resposta obxectiva. A propia reflexión, sentimento e relación co mundo xustifica unha poesía encamiñada cara a sabenza existencial.

Se a isto lle engadimos o lirismo, o ritmo e a melodía inherente, desexable en calquera texto destas características, chegamos á conclusión de que estamos perante unha creación complexa, completa, impecable. Hai en Notas… algún achado rítmico que enriquece considerablemente ao poema no que se desenvolve. Versos con ritmo, cadencia e ton de quen se manexa correctamente no versolibrismo En definitiva: táboas de poeta, capacidade creadora para unha obra das que dá gusto acoller no medio, moitas veces, de tanta mediocridade innecesaria, pero publicada.

Notas sobre a extinción.

DACOSTA, Mara, Notas sobre a extinción, Galaxia, Vigo, 2021, PVP. 14,25€

Compartir el artículo

stats