Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Consecuencias do poema

Espellos cónvacos ou convexos

O poeta coruñés Óscar García Ramos gañou o XXIV Certame Francisco Añón de Poesía, convocado polo Concello de Outes, con Consecuencias; unha peza vertixinosa que pode deixar sen alento mesmo á avezada lectora. Dende o título, sabemos que imos entrar no territorio dos conceptos con ese substantivo abstracto como protagonista; pero aínda descoñecemos que esta prosa poética dividida en tres partes -consecuencias dos espellos, consecuencias do tomate e consecuencias do bacilo- vai decorrer con ritmo e humor desenfreados, así como tamén con inmensa riqueza léxica. Pecha cada parte un soneto e reproduce unha combinación característica do poemario: formas clásicas con expresións coloquiais ou, viceversa, referencias cultas con estruturas cotiás.

Unha voz intelectualizada conduce os versos e dialoga con espellos cóncavos ou convexos, ironiza coa realidade deformada e desprega multitude de referencias, directas e indirectas, ás artes, aludindo, como non, ao xefe Valle Inclán: “A dama de Shangai no seu abismo / o canellón dalgún gato convexo. “Concordamos co autor do prólogo, Xosé Luís Mosquera Camba, en que é na segunda parte onde brilla con máis potencia a reflexión existencial, o humor, o amor… E, ao mesmo tempo, abrolla un certo surrealismo con asociacións arbitrarias ou inesperadas: ademais xa puxen o cóbado ao baño maría como me pediches ou (gustará seguro a filólogos) como sorprender a Giuseppe Tavani afociñado na fonte u os cervos van beber.

Péchase este libro coas consecuencias dun bacilo que traslada maior verdade, menor ironía, a luz de William Turner entre os versos e o pouso de querermos seguir lendo novas consecuencias, ou o que for, de García Ramos.

Consecuencias.

Consecuencias.

GARCÍA RAMOS, O., Consecuencias, Caldeirón, Malpica, 2021,PVP. 8,55€

Compartir el artículo

stats