Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Para alén das vaidades pop

Deseño e creación no tempo das iconas

Vista parcial da mostra de deseño do CGAC.

Non é sinxelo seducir o público das artes no século XXI, pois a profusión de imaxes na “Pantalla Global” na que vivimos e mais a confusión entre creatividade e mercado, provocada polo vixente “Capitalismo Estético”, converten nunha tarefa de Hércules gustar e emocionar a unha audiencia hiperinformada e volátil.

Atopamos, malia a dificultade da tarefa, dúas convocatorias arestora en Galicia que nos serven para pensarmos sobre a natureza da creación nos nosos días, a súas virtudes e se fose o caso, os seus capitais erros. A creación en deseño e a creación nas artes plásticas son, respectivamente, os dous ámbitos aos que nos referiremos citando sendas convocatorias expositivas. A primeira no CGAC e baixo a chamada da “Rede Española de Asociacións de Deseño”: FSWD From Spain With Design. A segunda no Auditorio de Galicia coa celebración do concurso e mostra do 12 Premio para Novos/as Artistas. Ambas veñen ser citas cheas de creación e pensamento.

A FSWD é unha gran reunión de obxectos, deseñados nos nosos días por máis de cen autores, que ofrece unha visión de conxunto do deseño contemporáneo vixente. A mostra acompáñase no título do leitmotiv “Identidade e Territorio” e preséntase estruturada en catro partes: “Interseccións”; “Internacionalización”; “Sustentabilidade”; “Complicidades.” Na visita á mostra pódese percibir a natureza funcional e a importancia dos materiais nos deseños do século XXI. No XX, e na era da Bauhaus, o debate era sobre forma e función e mais o emprego dos novos materiais para aplicacións no deseño de obxectos cotiás. Logo, nos anos 1980 e na era do postmodern o debate troca cara antepoñer a forma á función e incorporar o concepto de mal gusto ou gusto pop á bagaxe do de seño industrial de primeiro nivel. Na actualidade as preocupacións están enfocadas cara aos novos materiais que axuden a poñer fin á decadencia no espazo natural do planeta e aos procesos produtivos que garantan o respecto polos dereitos humanos e liberdades fundamentais.

Deseños de Raquel Brian&Ruf Briones.

Hai un século, os creadores buscaban cambiar o mundo por medio da arte das vangardas, tamén a través do deseño de mobles e casas na vontade da máquina de habitar e dunha medida maxistral, por medio do Modulor. Logo, nos tempos “do todo vale” postmodern tentábase romper os moldes do gusto burgués moderado con mobles de cores rechamantes e formas incómodas. Aínda no século XXI os deseñadores teñen de cambiar o mundo, pero agora por causa de Emerxencias humanitarias, climáticas, sociais e políticas. As tribulacións da humanidade non toman acougo endexamais.

Agora, o ‘leitmotiv’ outorga maior espazo ás materias primas empregadas

decoration

O leitmotiv da creación nestes tempos outorga maior espazo ás materias primas e aplica menos vehemencia ás formas, que teñen de estar condicionadas polo material mesmo. Pensando no deseño de prendas de vestir, moda e indumentaria -obxectos que non aparecen recollidos na mostra de deseño á que nos referimos pero que cómpre citar-, o creador ten de seguir a natureza do tecido para acadar unha forma concreta e non produce bos resultados quebrar a orde da materia. Logo nos deseños industriais de hoxe, cando o problema son as contaminacións, os residuos e as segundas vidas de obxectos e materiais, os deseñadores teñen de superar unhas coordenadas previas para acceder cun produto novo aos mercados. Hai quen pode pensar que eses garantes sempre existiron no deseño escandinavo e que as normativas e regulacións doutros países foron orientando as creacións polas boas prácticas. Malia eses esforzos, a situación canto á coherencia da produción e administración de materiais segue sendo de Emerxencia e todo o relativo á sustentatibilidade é un requisito previo para considerar calquera deseño novo.

Teresa Búa, "novos valores".

Na mostra podemos ollar cara esculturas flotantes feitas con madeiras lixeiras que recordan unha pluma dun paxaro. Hai traballos de cesteira feitos con materiais novos de aspecto aerodinámico. Hai lámpadas, cadeiras, pavimentos, mesas, leitos, bicicletas, xerros e gráficas sobre volumes ou carteis que proxectan un novo espazo para a habitabilidade, e que pretende ser máis esencial, transitado e poético. Quizais a necesidade e as emerxencias nos levan a un espazo de sedución na creación do século XXI máis afín ás tradicións místicas europeas e máis separado da vaidade do pop consumista americano.

Arte en contexto

Son arredor de trinta as obras que compoñen a mostra do décimo segundo premio Auditorio de Galicia para Novo/as Artistas. Atopamos, daquela, na sala Isaac Díaz Pardo un nonllo de labores de arte transversais e heteroxéneos. Obras que mesturan técnicas como pintura, debuxo, escultura, téxtil, vídeo, animación e filme. Non fican as persoas dedicadas á creación hoxe nos límites do cadro ou na altura do pedestal na escultura; moi lonxe diso todo é integrable no espazo visual da obra de arte.

Diego Vites coa instalación Rosa; Antía Vieiro Fernández cos debuxos Unha infancia sinistra e Christian García Bello coa escultura Lonxe, lonxe (coa sardiña no cinto) son os tres premiados da convocatoria e representan claramente polos contidos e formas das súas creacións a nutrida realidade cultural e artística do momento actual. Diríamos que ollamos cara a unha arte universal habitada por formas que ocupan aleatoriamente os espazos creativos que se xestionan con grande suceso por parte dos artistas, deseñadores, técnicos e artesáns. A mobilidade ou tránsito conforma tamén a faciana das artes máis novas; aínda que se debatan as cuestións fronteirizas na escena política dos dous mil, acontece que as novas xeracións amosan unha capacidade de trasladarse entre mundos, países e linguaxes artísticas que se reflicte de xeito claro no eido da creación nas artes e sen dúbida a convocatoria do Auditorio: unha mostra, pois, que emociona e gusta.

Compartir el artículo

stats