Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Relato de afoutezas

O pouso amargo da invisibilidade

Ilustración da cuberta de "A luz dourada", de Jorge de Ortúzar.

Coa lembranza dunha luz dourada comeza a súa narración José, protagonista dunha historia que, poñendo a súa vida como exemplo, podería ser o relato de centos de emigrantes que cara a mediados do século XIX abandonaron Galicia para buscar fortuna en América, aínda que para sermos máis exactos habería que falar de aliviar a familia e aliviarse un mesmo das gadoupas da pobreza que por aquel entón asolaba a nosa terra.

Uns cadernos de follas cuadriculadas e tapas de hule negro que conteñen un texto escrito a lapis conforman o substrato deste exemplar de Jorge de Ortúzar que a editorial Dos Acordes vén de publicar como homenaxe a un ser querido e, por extensión, a toda unha colectividade que antes e agora representa quizais o éxito individual, tinguido de tristeza a pesar da riqueza material aparente, e do fracaso social que supón para un país que se desangra porque a súa mocidade debe abandonar a terra na procura simplemente de futuro.

A ollada que o transcriptor deita sobre as páxinas do relato recolle o pouso amargo de quen sofre e padece de invisibilidade, pero tamén a afouteza de quen camiña coa fronte ben alta porque a dignidade, a honradez e a autenticidade non poden ser arrebatadas por ninguén -“a verdade, coma o sol, non é patrimonio de ninguén a para todos produce luz e vida”- .

O relato que comeza con José mozo e a piques de embarcar cara a Arxentina esténdese ata que é adulto e decide non escribir máis, asegurando que el non deixou as terras, senón que foron elas as que o abandonaron. Polo medio a morte dos irmáns cativos, os preparativos da primeira viaxe, as emocións, os sentimientos esgazados, a soidade, as outras viaxes, as xuntanzas e as despedidas deseñan a súa confesión feita palabras, a súa vida feita de lembranzas e retallos.

DE ORTÚZAR, Jorge, A luz dourada (ils. Ana R. Jular), Dos Acordoes, Baiona, 2021, PVP. 15€

Compartir el artículo

stats