Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Regresar ao comezo

Coa alegoría da extinción

Portada de "Nas pulsacións".

Portada de "Nas pulsacións".

Nas pulsacións, do poeta noiés Manuel López Rodríguez, foi recoñecido co XXIII Premio de Poesía Concello de Carral. Un conxunto poliédrico que deixa abertas non poucas portas para o lector interpretar. Percibimos un fluxo de conciencia que se desenvolve en catro partes –“A gravidez estética”, “Triste melodía espectral”, “Xogos de luz” e “Laxes lixadas”- non porque esteamos diante desa técnica narrativa que pretende reflectir a corrente de pensamento dos personaxes nunha novela, senón porque estes poemas, habitualmente longos, dos que o xurado xa destacou a súa riqueza léxica e estilística, fannos avanzar a través do longo río da nosa mente mediante as imaxes que se nos van ofrecendo na travesía.

Atopamos, ademais, múltiples referencias que nos levan a distintas tradicións: dende o poeta inmortal da literatura chinesa, Li Po, até o célebre representante da xeración beat norteamericana, Kerouac. Conviven, ao mesmo tempo, numerosas alusións indirectas á historia e á memoria de Galicia, polo que non deixamos de ler aquí unha sorte de poema épico de longo alento: Somos idioma ergueito, xenreira astuta, / pobo a ser exterminado / pobo a ser exterminado / pobo a ser exterminado. Porén, os poemas de corte íntimo tamén se dan cita -Se agora estiveses, Bea / como de seguro estarás, cavando vales- nun libro en que se desenfoca o protagonismo da voz poética para centrarse no latexo, no motor da vida, nas pulsacións.

En fin, estando as portas da interpretación abertas, entramos nunha alegoría da extinción co pouso melancólico e decadente daquilo que está enchoupado de humidade. Quizais tamén, e sobre todo, haxa unha despedida: Nada ficará agás o aire, nada regresará ao comezo.

LÓPEZ RODRÍGUEZ, M., Nas pulsacións, Espiral Maior, A Coruña, 2021, PVP.12,50€

Compartir el artículo

stats