Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Iberos: historia e enigma

Memoria dos devanceiros peninsulares

Na imaxe pequena: a Dama de Elx. Na fotografía grande: ruínas de orixe ibero-grega nas proximidades de Empúries (Xirona).

Durante os séculos anteriores á chegada dos romanos, a península Ibérica estaba dominada por dos grandes grupos: os iberos e mais os celtas. Sendo os primeiros de orixe norteafricana e os segundos indoeuropeos, podemos establecer que os celtas penetraron polo norte da península aproveitando os baleiros que os iberos non chegaran a ocupar, para un posterior establecemento na faciana atlántica, mentres que outros pobos –que formarían os denominados celtiberos- quedaron instalados arredor do Sistema Ibérico.

Iberos:
 historia e enigma

Iberos: historia e enigma Joaquim Ventura

A penetración dos iberos polo sur e o seu avance cara ao norte –excedendo incluso os Perineos orientais- resulta evidente se atendemos á concentración de asentamentos atopados, boa parte deles constituíntes de auténticas cidades. Non foi ata finais do século XIX (a arqueoloxía española sempre foi por detrás das europeas) cando diversos investigadores da zona mediterránea comezaron o estudo sistemático dos xacementos iberos. Especial fita foi o achado da Dama de Elx en 1897, inmediatamente comprada polo Museo do Louvre e sacada ilegalmente de España, a onde non regresou ata 1941 no marco dun acordo entre os reximes de Franco e de Petain.

Foi xa na segunda metade do século XX cando o interese pola cultura ibera pasou a consolidarse. As diversas coleccións que teñen os museos cataláns, valencianos e andaluces, especialmente, culminaron coa transformación do museo provincial de Xaén nunha institución dedicada exclusivamente á cultura ibera. En canto a exposicións, despois da que patrocinaron as autoridades españolas e catalás co patrocinio da Fundación La Caixa en 1998 –que viaxou a Francia e Alemaña-, agora o Museu Arqueològic de Catalunya (MAC) presenta ata xaneiro de 2022 L’enigma iber. Arqueologia d’una civilització.

Se ben o conxunto ibero estaba formado por pobos diversos –que en ocasións xa deron nome ás terras que ocupaban-, as escavacións permitiron establecer uns patróns comúns. Cómpre salientar, en primeiro lugar, a calidade que acadaron as súas esculturas. A canda da Dama de Elx citada, temos o exemplo da Dama de Baza ou o conxunto escultórico de Porcuna, unha de cuxas partes orixinais pódese admirar na exposición do MAC.

Outro dos aspectos que cómpre salientar é que os iberos foron capaces de escribir as súas modalidades lingüísticas, empregando un sistema gráfico derivado da escritura fenicia. Podemos situar as súas falas, polo oeste central, entre a celtibera, e polo oeste setentrional a vasco-aquitana, coa que gardaría semellanzas que aínda hoxe poden seguirse na toponimia. En paralelo a dispoñer dun sistema de escritura, os diversos pobos iberos tiveron tamén un sistema monetario, o que indica unha organización aritmética. Outro ámbito singular vén ser o mundo da morte, tanto polas necrópoles como polos enterramentos de nenos fóra delas, cuxas orixes poderían seren anteriores á súa chegada. Pero a organización dos mortos en necrópoles actuaba en paralelo á organización humana en cidades. Coa romanización, moitas desapareceron sen deixar rastro do seu nome pero outras das que sobreviviron vírono modificado coa latinización (Tarraco, Barcino).

O motivo principal da supervivencia da cultura ibérica incluso despois da latinización foi a ausencia de conflitos cos chegados: fenicios, gregos, romanos. Deles aprenderon novas técnicas agrícolas e manufactureiras, o cal facilitou unha mellora da vida cotiá. Pero se enfrontaron contra Aníbal, quen na súa campaña contra Roma cruzou as terras mediterráneas da península. Conquistou a actual Sagunto e, despois de atravesar o río Ebro, derrotou a diversos pobos iberos.

Cando as escavacións comezaron a dar luz sobre o pasado dos iberos, estes pasaron a seren considerados os primeiros devanceiros españois, salientando a resistencia de Sagunto e Numancia. Incluso unha das primeiras moedas que acuñou o réxime franquista, a de dez céntimos, reproducía un xinete ibero. Tal vez por iso e porque a pegada de Roma foi moi forte, o iberismo –a diferencia do celtismo- nunca foi unha panca de vindicacións irredentistas.

Compartir el artículo

stats