Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da obra deAlbino Fernández

No centenario dun gravador galego-arxentino

"El puente III" (1957), unha das obras do artista Albino Fernández.

Celébrase este ano o centenario do nacemento do pintor e gravador Albino Fernández (1921-2014), un artista cunha vida que podería ser un exemplo máis da ringleira da emigración galega en América que recrean nos seus poemas escritores como Lorenzo Varela ou Luís Seoane, creadores que, por certo, tiveron unha relación de amizade co noso artista. De feito Albino chegou a colaborar estreitamente con proxectos da diáspora galega na Arxentina.

Albino Fernández naceu en Cuba, fillo de galegos que aos oito anos, en 1929, o trouxeron de volta a Galicia, en concreto para aldea paterna de San Pedro de Viana (Chantada). A seguir, os pais emigrarán á Arxentina para despois, en 1932, facer chegar o meniño Albino a Buenos Aires, reuníndose a familia. Así pois, a formación artística de Albino Fernández vai facerse neste nun contexto cultural porteño marcado a grandes trazos por dúas tendencias plásticas, por dúas maneiras de entender a acción artística desde a contemporaneidade: unha, a dunha modernidade avanzada, e a outra, a da vangarda abstracta.

Albino Fernández.

A modernidade dos mestres e amigos de Albino é a primeira, a de artistas como Antonio Berni, Lino Enea Spilimbergo ou Raquel Forner. Trátase dunha arte que poderiamos inserir inicialmente nos realismos de entreguerras, con evidentes preocupacións sociais, unha plástica modernizadora mais non radical no formal, que no Buenos Aires dos corenta vai ter un dos seus referentes populares nos murais das galerías Pacífico, inaugurados en 1946.Neste cadro é onde Albino Fernández desenvolve a súa formación e onde vai procurar o seu espazo no contexto cultural arxentino. Despois dos estudos elementais e do paso por unha escola nocturna de debuxo e pintura, o noso artista entra en 1940 na Academia Nacional de Belas Artes, onde vai ter, entre outros, a Antonio Berni como profesor. En 1946 Lino Enea Spilimbergo será o seu profesor, establecendo unha relación intensa co mestre, modelo ético e estético para Albino, que unha vez acabados os estudos vai acompañar a Spilimbergo a Tucumán onde o pintor porteño dirixe a sección de pintura do Instituto Superior de Artes da Universidade de Tucumán. Os dous anos supuxeron unha intensa experiencia e a influencia de Spilimbergo percíbese na obra de Albino desta altura, finais do corenta, e nos primeiros anos cincuenta.

Obra "Homenaje a Vigo" (1964).

Outra influencia notábel que se vai manifestar no obra de Albino nos anos cincuenta é a de Torres-García, figura referencial para a comprensión da modernidade plástica en toda América. Este influxo cómpre situalo na permeabilidade a un contexto universalista que é moi influente no Uruguai e na Arxentina, e que ten en Torres-García e Xul Solar os seus máis claros expoñentes. Ambos realizan unha síntese de trazos americanos precolombianos e universais, cunha sintaxe vangardista, para crearen linguaxes arquetípicas, baseadas na abstracción xeométrica e construtiva.

Obras de Albino como El puente III (1957) deben situarse nesta liña e con esta linguaxe Albino capta escenas urbanas, laborais e sociais de intensa vontade construtiva e dunha moderna plasticidade antitópica no tratamento da temática laboral ou social: Opresión (1956), inserindo un sentido social, sempre presente na súa obra, e creando unha tensa rede de liñas xeométricas de forte potencia expresiva que camiñan cara a abstracción no formal mais que, por medio dos títulos, evitan a pura especulación formalista.

"Opresión" (1956).

"Opresión" (1956).

A comezos dos sesenta, as xilografía da serie de “Cantos” van modulando a linguaxe formal nunha tendencia expresionista, con ecos da abstracción informalista, mais estamos sempre perante obras que delatan reflexións humanísticas intensas e preocupacións sociais recorrentes e onde os ecos expresionistas e goyescos van gañando terreo.

Labor docente

Todo este labor plástico hai que poñelo en relación co traballo docente, xa que despois da experiencia de Tucumán, será profesor en Buenos Aires na Escuela de Artes Gráficas, na Escuela Nacional de Bellas Artes e no Instituto Argentino de Artes Gráficas. No entanto, o máis destacado será o seu papel na creación do Club de la Estampa en 1965 unha iniciativa excepcional que reuniu os principais gravadores arxentino para favorecer a creacion de coleccións de obra gráfica para un público amplo. Tratábase dunha iniciativa que Albino entendía orientada á creación dunha conciencia en relación coa importancia do gravado na difusión da cultura plástica arxentina.

En 1963 Albino visita Galicia e España, o que inspira unha serie de obras, da que é bo exemplo Homenaje a Vigo (1964). Son traballos que responden formal e tematicamente ao expresionismo con trazos informalistas que caracteriza o seu labor nesta altura. Xa nos anos setenta destaca a súa serie “América”, entre 1971 e 1975, e diversas homenaxes a artistas amigos, como a que dedica a Luis Seoane e nos oitenta cómpre destacar a serie dedicada ás Malvinas (1982) onde o dramatismo adquire unhas variacións cromáticas máis acusadas que en obras anteriores.

Un aspecto moi importante da etapa madura de Albino Fernández é o seu labor como editor de coidadísimas publicacións ilustradas con obra gráfica, así nace Albino y asociados, editores que nos anos setenta e oitenta dá ao prelo un número importante de libros de extraordinario valor con xilografías orixinais como a colección de gravados Imágenes de Galicia (1979) de Luís Seoane ou os catro volumes de Senos de Ramón Gómez de la Serna.

Compartir el artículo

stats