Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cenit:thriller e experiencia

Non é fácil vivir sen lembrar que fixeches á noite

Viñeta da novela experimental 'Cenit', de María Medem.

Xa falara nalgunha ocasión de Apa Apa Cómics, unha pequena gran editorial independente e valente. Naceu hai máis de dez anos en Barcelona, fundada por tres menorquinos: Toni Mascaró, Gabriela Miciulevicius e Fani Manresa. Enfocada de primeiras a importar e traducir a banda deseñada dos autores estranxeiros preferidos dos fundadores, en 2012 deciden modificar o enfoque e mirar para dentro, conscientes de que existe moito talento local: artistas cun traballo moi interesante que merece ser publicado.

Obra tras obra foron gañando en visibilidade, collendo posición na mente do público como garantía de bo criterio e publicando cómics que sorprendían pola súa calidade e pola súa boa acollida. Deste xeito, na súa canteira contan con autores galegos de nivel: Andrés Magán (Fragmentos seleccionados, 2017), Begoña García-Alén (Nuevas estructuras, 2017) e Los Bravú (La Furia, 2015).

En setembro deste mesmo ano estreaban unha nova colección, "Abrigaditos", edicións cun formato de menor tamaño, tapa branda con sobrecuberta e un prezo aínda máis económico: e para inagurala non puideron escoller unha obra mellor: Cenit, de María Medem (Sevilla, 1994) que xa publicaran nun formato tapa dura hai tres anos e que xa vai pola súa terceira edición. A autora, para a cal “(Apa Apa) posibilita que outras maneiras de narrar, que normalmente se moven máis contorna ao fanzine, poidan existir nun libro con ISBN”. Fíxose co Premio Artista Revelación no Salón do Cómic de Barcelona do ano seguinte, en 2019. En fin, este novo formato, curiosamente, encaixa coa concepción estética inicial de Medem para este cómic e é unha opción moi portable que facilita a lexibilidade.

María Medem (Sevilla, 1994).

Cenit, como moitas das obras publicadas pola editorial, é unha novela experimental, cunha narración evocadora e ambigua, que se sitúa no ámbito do sensorial. Parece difícil facer unha sinopse, así que velaquí un intento: cando o sol está no cenit, dous amigos, un oleiro e un vidreiro, reúnense nunha longa mesa rectangular no centro dun espazo desértico. Cada un ao carón da mesa. Sempre manteñen conversas sobre o medo que lles produce durmir, algo que tentan evitar sen conseguilo. Ambos padecen sonambulismo, ningún sabe que fai mentres dorme. Cada un deles vive nunha casa que está máis aló do lado no que senta. A mesa e ese momento do día convértense no nexo desta amizade; a tensión acerca de qué pasa durante as súas noites vai crecendo.

Trátase dunha novela experimental, cunha narración evocadora e ambigua, que se sitúa no ámbito do sensorial

decoration

Cenit conforma, daquela, un thriller psicolóxico que utiliza esta estraña conexión entre personaxes misteriosos para "falar", sempre desde a inconcreción e a sutileza, do descoñecemento dun mesmo e do outro, as fisuras na comunicación, o medo ao descontrol e a aceptación das nosas accións. Certamente, cada lectura, cada nova perspectiva de quen le, engade novas capas á historia.

A trama desenvólvese só neses tres lugares (a mesa e as dúas casas) e aparecen principalmente dous personaxes sen nome dos que non sabemos nada. O tempo e mais o espazo son indefinidos. Todo iso contribúe a unha sensación de onirismo na que se mesturan os soños e temores coa realidade, potenciada por espazos minimalistas e unha paleta de cores fortes e contrastadas, con algún degradado puntual. Medem sinala o fotógrafo Cody Cobb (Luisiana, 1984) como influencia directa para a creación destes ambientes, aínda que a xeracións anteriores probablemente nos retrotraia lixeiramente á obra de Moebius, pseudónimo de Jean Giraud (Francia, 1938-2012).

Viñeta de "Cenit". María Medem

A composición da páxina é sinxela e reticular, cunha secuenciación lineal, recurso que serve á autora para xerar expectativa e suspense a través de pequenas variacións nas viñetas. Polo demais, toda a obra está caracterizada por unha gran sutileza e opresión, algo que pode non ser do gusto de todo o público, pero se valoras as historias extremadamente ambientais e incómodas, nas que non todo está mastigado e hai espazo para a interpretación e a equivocación, gozarala moito.

MEDEM, María, Cenit, Apa Apa Cómics, 2021

Bono Cultura

Para aquelas persoas que cumprisen xa os 18 anos, o pasado 23 de setembro a Xunta de Galicia anunciou que activará un Bono Cultura este outono. O bono terá un valor de 50€ por usuario e trátase dun programa de descontos orientado ao sector da cultura. Será válido para a compra tanto de produtos (cómics, libros, música, películas, series ou videoxogos en formato físico) como de servizos (museos, cinema, artes escénicas, concertos…) a condición de que o establecemento onde se adquiran estea adscrito á iniciativa.

Poderán optar ao bono as persoas maiores de idade que teñan residencia en Galicia, ata un máximo de 39.000 persoas por orde de inscrición. A inscrición realizarase a través dunha web, onde se xerará un código QR para descargar e levar no móbil. O importe de cada compra contará cun 50% de desconto ata esgotar os 50€ de saldo do bono. O período de validez dos mesmos comeza o 1 de novembro e finalizará o 31 de decembro.

Con esta medida preténdese reactivar a demanda cultural co obxectivo de fortalecer ao sector tras o impacto económico sufrido pola COVID-19, así como ofrecer unha axuda económica aos consumidores.

Compartir el artículo

stats