Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O voo nocturno do Paxaro Pi

Eugenio Granell no Metropolitan Museum

Detalle de El vuelo nocturno del Pájaro Pi (1952), de Eugenio Granell (1912-2001). CORTESÍA DA FUNDACIÓN GRANELL (SANTIAGO DE COMPOSTELA).

O vindeiro 11 de outubro o Metropolitan Museum de Nova York inaugura unha exposición dedicada ao surrealismo, que leva o título de Surrealism Beyond Borders [“Surrealismo alén das fronteiras”], unha mostra que presenta como obxectivo curatorial a reconsideración do movemento surrealista a través das fronteiras da xeografía e a cronoloxía e inserido nun embeleñado tecido de redes de contacto cultural que abranguen desde Europa do Leste até o Caribe, desde Asia até África do Norte e desde Australia até América Latina.

Neste contexto, e pola súa incidencia no ámbito caribeño, o Metropolitan Museum incorpora á exposición unha relevante obra do pintor galego Eugenio Fernández Granell. Trátase, en concreto, de El vuelo nocturno del Pájaro Pí, óleo realizado en 1952 e que é parte da colección permanente da Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela.

El vuelo nocturno del Pájaro Pi (1952), de Eugenio Granell (1912-2001). Cortesía da Fundación Granell (Santiago de Compostela).

Como é ben coñecido, a obra de Granell foi fundamentalmente realizada no exilio americano e está ligada ao surrealismo, movemento en que o noso artista participa desde que coñece a André Breton en 1941 durante unha estadía do escritor francés na República Dominicana, camiño dos Estados Unidos, onde residirá fuxindo da Europa en guerra. Granell fai parte, pois, dese segundo surrealismo recolocado no continente americano e froito dos exilios europeos, un contexto que moitos dos seus protagonistas van percibir como parte dunha crise do modelo cultural europeo.

O exilio activa nestes creadores unha especie de “viaxe iniciática sen fin”, usando a brillante apreciación de Juan Larrea. No caso de Granell esta nova realidade vai influír tanto na súa pintura que sería difícil concibir a súa obra sen a impronta da nova terra en que se instala como exiliado e do contacto directo co movemento surrealista. En consecuencia, o artista galego vai elaborar un surrealismo influído de maneira absoluta pola realidade física e cultural caribeña, colorista e con referencias antropolóxicas, o que fai que no seu traballo se poidan detectar puntos en común con outras estéticas de América Latina, como a do seu amigo Wifredo Lam en Cuba ou a de Remedios Varo en México. É o seu o que a crítica denominou “surrealismo caribeño”, produto dun duplo abraio: pola vida e cultura “primitiva” -de usarmos un termo caro ao surrealismo deses anos- e pola modernidade formal de matriz europea. A influencia nel dun libro como Martinique, charmeuse de serpents (1948) de André Breton e André Masson é, nese sentido, bastante evidente e pódese rastrexar no libro Isla cofre místico (1951) e no conxunto da pintura do artista galego.

A obra de Granell está ligada ao movemento surrealista

Eugenio Granell vai ir procurando progresivamente unha linguaxe que o conecte coa realidade americana de herdanza indíxena e africana, o que o leva a unha peculiar lectura da modernidade, en contacto en moitos casos co étnico como un dos resortes temáticos e formais. Así, nas primeiras obras as referencias formais a Picasso son evidentes, mais estas ligazóns son interpretadas cunha sólida referencia ao mundo indíxena, que se manifesta nos trazos físicos, nas tatuaxes, abelorios e plumas. A visión surrealista da relación persoal co contexto americano vai ser unha constante na súa obra, en especial o tema do encontro entre o europeo e o universo americano, argumento xenérico de diversos traballos do artista e tamén da súa novela surrealista La novela del indio Tupinamba.

En obras como a que nos ocupa, El vuelo nocturno del Pájaro Pi, podemos percibir unhas formas debedoras do cubismo, sintetizadas con outras influencias vangardistas e tratadas cun cromatismo contrastado e brillante e unha planimetría espacial poboada de seres e obxectos, que delata a influencia do ambiente tropical. O óleo pertence a unha serie, dedicada ao “Paxaro Pi”, unha formulación poética e mítica do artista.

Estamos, entón, perante dun modelo de creación elaborado a partir do mecanismo surreal dos misterios que provocan estrañas confluencias, nun mundo primixenio de forte carga poética.

Metamorfose e mito

En traballos como El vuelo nocturno del Pájaro Pi o proceso de fixar imaxes do subconsciente consegue unha atractiva síntese do pictórico e o poético e crea auténticas metáforas plásticas, con ese paxaro de ecos totémicos inserido nun universo primordial e edénico, unha floresta/xardín que favorece a eclosión de pulsións abisais, onde o Paxaro Pi cumpriría un rol de enlace co noso mundo, transportando a voz dun universo primixenio. Neste sentido o Loplop, o pai superior dos paxaros, presente en moitas obras de Max Ernst non se encontra moi lonxe da creación do artista galego.

No estilo de Granell, como demostra esta pintura, o mito e a metamorfose tórnanse elementos centrais. Fusiona o vexetal e o animal, cun tratamento achegado á abstracción, cun barroquismo moi remarcado, e remite a un mundo telúrico, que se afasta da convención figurativa. A evocación do título, sempre importante para o artista, sitúa esta obra dentro do que a crítica ten denominado “paisaxes máxicas”. Trátase de títulos que estabelecen coas obras unha relación analóxica, que nos levan a un ámbito poético, sempre referencia para o artista, nun mundo que, como el mesmo afirmou, sempre o acompañou pero que o trato con grandes figuras do surrealismo como Breton, Benjamin Péret ou Wifredo Lam fixo “desencadear”.

Compartir el artículo

stats