Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Patrimonio

Bendita espiritualidade

Mosteiro de Vilar de Frades, Barcelos

Vista aérea do mosteiro e mais as súas instalacións

Rúas antigas de séculos, edificios señoriais, soares, igrexas e outros monumentos conforman parte do nutrido patrimonio de Barcelos, cidade fidalga e brasonada, berce do galo máis famoso de Portugal e célebre pola súa tradición ceramista. Entre o longo pasado do concello destaca unha construción singular, tanto polo seu tamaño como pola súa antigüidade: o mosteiro de Vilar de Frades, na parroquia de Areias de Vilar, cuxa fundación podería remontarse ao século VI en tempos de San Martiño Dumiense. Tras moitos séculos de vida e restauracións diversas, mostra a quen penetra nos seus espazos toda a súa beleza e grandiosidade.

Pertenceu primeiro o mosteiro á orde benedictina ata que as invasións musulmás o levaron á ruína. A súa reconstrución románica tivo lugar ao redor de 1070, manténdose baixo a regra de San Bieito deica 1425. A reedificación foi posible polo especial apoio de nobres locais, que pola súa participación na Reconquista cristiá recibiron os favores dos primeiros monarcas portugueses. Foi o caso de Godinho Viegas ou de Beringeira Aires, entre outros.

Veñen ser, as manuelinas, as obras máis senlleiras do edificio

No século XV o edificio é entregado a unha nova congregación, dirixida polo Mestre João Vicente -futuro bispo de Lamego e Viseu –, os cóengos de São Salvador de Vilar de Frades, chamados Lóios por serlles doada a igrexa de Santo Elói, en Lisboa. Por iso é que sexa coñecido igualmente como Mosteiro dos Lóios. É entón cando se acomete unha nova campaña de obras de ampliación e remodelación que acabarían por alterar o deseño románico da estrutura e do templo, do que queda deste estilo a portada con tres arquivoltas ornamentadas con elementos naturalistas e xeométricos, ademais dalgunha xanela e motivo decorativo. Nesta nova época xorde unha segunda torre ao norte, os dormitorios, a cociña, o refectorio, a biblioteca e o claustro no centro. A igrexa tamén renova o cadeiado do coro, o órgano e mais o retablo do altar maior. Con todo, veñen ser as obras manuelinas as máis impresionantes, visibles na bóveda nervada da nave principal ou a do brazo sur do transepto. A autoría destes traballos foi atribuída –non hai moitos anos- a João Lopes o Velho, famoso arquitecto que dividiu o seu traballo entre Galicia e o Norte de Portugal. Tanto a igrexa como o mosteiro están catalogados como Monumento Nacional.

Vista parcial do órgano

Existen no templo diversos motivos de interese, como os paneis de azulexos dos séculos XVII e XVIII, posiblemente de fabricación rexional. O altar maior, barroco, é unha peza de gran tamaño datada en 1697 e atribuída aos mestres Antonio Gomes e Domingos Nunes. Destacan tamén dúas teas de Pedro Alexandrino na sancristía (construída no século XVIII) e algunhas esculturas notables. O fermoso chafariz, localizado anteriormente no patio do convento e clasificado como Monumento Nacional, foi situado en Barcelos en 1967, fronte á igrexa do Bom Jesus dá Cruz . O chafariz actual foi mandado construír polo reitor Joaquim Lopes da Costa cara a 1790.

Sacristía

A igrexa e o mosteiro experimentaron obras de mellora nos anos 2006 a 2010. Ademais dos edificios, os mobles e pezas artísticas tamén foron obxecto de restauración. Xunto ao mosteiro, situado á beira do Cávado, existen unhas laxes de pedra pertencentes ao antigo camiño romano que ligaba Braga con Barcelos.

Unha vez atravesado o muro de entrada, sobre cuxa porta loce a imaxe de San Lourenzo nunha hornacina, o percorrido por este gran conxunto inclúe a visita á sala capitular, con mobles da época, para continuar cara ao claustro, con lenda propia. Din que aquí estivo enterrado un santo abade ao que acudían devotos en busca de curación para os seus males, aínda que se un animal tiña a mala fortuna de pisar a súa tumba, quedaría lisiado dunha pata para sempre.

Perspectiva do claustro

Patrimonio do Norte

O mosteiro de Vilar de Frades forma parte do Roteiro do Patrimonio do Norte de Portugal, no que se inclúen monumentos como o Pazo dos Duques de Bragança en Guimarães ou o mosteiro de Tibães en Braga. É tamén unha das grandes construcións do municipio de Barcelos, que ten no seu centro histórico outro dos seus emblemas, o Museu de Olaria, nun edificio do século XVIII –Casa dos Mendanhas– cuxo espazo expositivo se distribúe ao longo de tres andares.

Ademais de coleccións locais, perpetúase aquí a memoria cerámica de todo o pobo portugués. Os seus fondos suman máis de nove mil pezas representativas tanto da cerámica lusa como doutros países, entre os que se atopan Angola, Alxeria, Brasil, Timor, Chile, España e Cabo Verde. A súa superficie expositiva ocupa máis de dous mil metros cadrados. O acervo do museo posúe pezas de porcelana, azulexos, cerámica arqueolóxica e diversos instrumentos de traballo. Alberga tamén interesantes exemplos de louza utilitaria e recreativa e moitas pezas de carácter folclórico, auténticos retratos de usos e costumes da rexión, algúns deles xa desaparecidos. E, por suposto, o galo de Barcelos aparece representado en múltiples ocasións, así como as pezas de Rosa Ramalho e da súa neta Júlia, entre as doutros coñecidos artesáns portugueses.

Compartir el artículo

stats