Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre a violencia e o terror

Cos poderes verbais de Karina Sainz Borgo

A escritora venezolana Karina Sainz Borgo (1982), autora de "La hija de la española" (2019).

Nunha entrevista feita á escritora venezolana Karina Sainz Borgo, confesaba esta que non coñecía “outra cosa que non fora a violencia”. A violencia é, nos países de Hispanoamérica, na vida política, social e individual, un tópico que os envolve como unha sombría e mortífera maldición que non son quen de superar e que constitúe unha rémora perigosa sometida a un eterno retorno. Foi, dende logo, o motivo de que en 2006, cando era unha rapaza de vinte e catro anos, chegara como exiliada a Madrid, onde vive actualmente. A partir daquel ano comezou un labor escriturario nos terreos da literatura narrativa e do xornalismo, tan semellantes para uns (os da “nova crónica”, por exemplo) e tan distantes e diferentes para outros. Hoxe mesmo prosegue traballando en numerosos xornais e revistas de distintos países como colaboradora independente, particularmente en páxinas culturais. En "ABC" e mais "El País" aparecen hoxe mesmo as súas crónicas. En 2019 reunía en un volume as súas Crónicas barbitúricas. Porén, xa en 2007 publicaba, co título de Caracas hip-hop, o seu primeiro conxunto xornalístico.

Violencia e represión nas rúas de Latinoamérica.

A sona, o éxito viñéronlle do eido da novela, concretamente de La hija de la española (Lumen, 2019), premiada en Francia e distinguida pola revista "Time" como unha das mellores do ano 2019. Entre nós representou un reencontro coas letras venezolanas, das que levabamos moitos anos case desconectados ou con mínimas novidades. O afastamento político da belixerante República bolivariana motivou tamén o afastamento editorial que xa coñecera mellores anos cando a venezolana Monte Ávila era unha frecuente presenza.

Cando en 2019 aparece a que era a primeira novela dunha escritora que ata entón era unicamente xornalista, Venezuela atopábase nunha situación en caída libre, inexorábel, cara á destrución social, á ruína económica, a violenta confrontación social nas rúas, ao angustioso incremento da escaseza de alimentos e da fame, e aquí falábase da connivencia de certos líderes de Podemos co goberno de Maduro, enfrontado aos líderes da oposición ao seu goberno, á procura dos disidentes para chegar ao exilio, á expansión do medo, da crise xeralizada e aínda da mortandade criminal sen control. Neste contexto xorde unha panorámica, urbana cen por cen, onde unha muller, Adelaida Falcón, percorre a perigosa xeografía dunha cidade sen control. A historia posúe raíces autobiográficas, mais o trasfondo político e a escenografía latexan ausentes dunha identidade clara e definida. A trama, desenvolvida de xeito lineal, manifesta unha estrutura en forma de percorrido de fuxida, pola que a narradora-protagonista, con perspectiva sempre crítica, observa e analiza feitos, situacións e episodios diferentes.

Mais posiblemente, unha das mellores virtudes da novela sexa a súa prosa narrativa, a súa forza verbal e o seu poder sonoro e semántico das palabras. Doutra banda, é convincente a veracidade do narrado e a verdade humana dos personaxes; mágoa que, no enfoque, non exista algún elemento discordante ou contrario á ollada na que a narradora-protagonista se instala e inmobiliza. A dimensión máis frouxa da novela é o plano técnico que a autora, quizais por herdanza do xornalismo, non controla co necesario coidado. Porén, salienta a ben asentada actitude da escritora que, polo intermedio da protagonista e narradora, enfronta circunstancias que crean unha atmosfera de ameaza e perigo, de medo e soidade.

El Tercer País

Ano e pico tarda a novelista en presentar unha nova novela, El Tercer País (Lumen, 2021), que constitúe, certamente, unha variante complementaria da que vimos de comentar. Nesta segunda, a xeografía narrativa é telúrica, unha xeografía de miseria e violencia, que discorre por rotas alucinantes de pequenos e solitarios pobos que sobreviven entre montes, ríos e camiños, que atravesa unha natureza así mesmo violenta e hostil, mais radicalmente contraria á urbana. Velaquí que agora todo é atraso e primitivismo, aínda que a guerrilla (os criminais “irregulares”) e o corrupto poder municipal son expoñentes dunha modernidade de intensa degradación moral pola que tamén a droga, a vinganza criminal e outras manifestacións da perversión humana circulan constantemente.

Neste caso estamos diante dunha historia aterradora e fantasmagórica, dunha peripecia de terror e sobrevivencia. Trátase do periplo de Angustias Romero (unha muller radicalmente maltratada pola vida), para saír dun inferno, chegar a un cemiterio (el Tercer País) para soterrar os corpos dos seus nenos e conectar coa temible figura da súa xefa, Visitación Salazar, que fai negocio de todo canto no mundo pode ser negociado. Chegados aquí, a historia fica asolagada nun aterrador mundo alucinante de medo e terror, de morte e violencia, do macabro e da superstición, de ritos e cerimonias e bruxerías referidas ao alén; da manipulación dos corpos e do escatolóxico. A prosa posúe unha rotundidade xenesíaca e a existencia mesma chega a niveis de dura irracionalidade. Seres, escenario e materia narrativa integran un conxunto singularmente impactante. Radicalmente impactante.


Compartir el artículo

stats