Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un reloxo parado

Multitude de defectos

Ilustración na cuberta de "A forma de Célebes", de Iago Méndez.

Carmiña, unha profesora de instituto retirada, e o seu marido, Anselmo, volven a Galicia para viviren os seus derradeiros anos. Mais ao pouco de se instalaren, un dos seus fillos, Suso, comunícalles que acaba de romper coa súa moza e vai mudarse canda eles. A acción desenvólvese entre os anos 1997 e 1998.

Así comeza A forma de Célebes, editada por Galaxia, unha novela que supón o debú en lingua galega de Iago Méndez. Esta obra ten multitude de defectos e un acerto, quizais froito do denominado paradoxo do reloxo parado, que se resume en que incluso un reloxo parado dá a hora certa dúas veces por día. E é que, realmente, n’A forma de Célebes case nada funciona. É unha novela asentada sobre os diálogos, mais sempre son artificiais, inverosímiles, anódinos, que nin reflicten a oralidade natural nin axudan a desenvolver a trama. A pesar de que as súas intervencións van definir en gran medida os personaxes, todo é neutro, practicamente inerte; un rosario de frases fáticas que constrúe momias, non persoas que falan.

A técnica narrativa do libro é máis ben esquemática. Isto é algo que se agradece. O autor non recalca as situacións a base de adxectivos nin ensaia falso lirismo. De feito, a pesar de que a obra cabalga por situacións extremas, hai un control estrito do sentimentalismo. Mais o problema é que Méndez propón unha trama previsible e algo eivada desde o primeiro parágrafo. Nótase preso dun realismo costumista superficial de máis. Átase voluntariamente aos espazos coñecidos: a casa, o bar, o niño de quinteiros dunha vila calquera de Galicia.

E a pesar de todo isto, A forma de Célebes ben puido ser outra cousa. E, na práctica, éo. Porque a pesar de que as agullas literarias da obra están quietas, non funcionan, Méndez consegue que albisquemos no fondo de todo, á marxe desa trama avariada, unha elipse que ten potencia para brillar. O autor, a través dun camiño ben retorcido, achégase, sen acadalos, a autores como Iván García Campos ou Eva Moreda na proposta dunha obra narrativa que, consciente de que a literatura non serve xa para revelar a alma humana, se conforma con albiscala, con compartir cos lectores o seu magmático latexo.

Méndez crea dous personaxes, Anselmo e Suso, unidos pola traxedia, polo medo, polas secuelas do pasado, pola incapacidade de liberarse das regras da súa masculinidade. E a pesar de contarnos a súa autodestrución a base de diálogos de bazar chinés consegue transmitirnos, se temos paciencia para velo, a esencia de ambos.

É mérito do escritor vigués aforrarnos determinadas explicacións sobre o comportamento dos seus protagonistas. Mais a sospeita de que todo foi un achado está moi presente, dada a precariedade técnica que amosa páxina tras páxina.

MÉNDEZ, Iago, A forma de Célebes, Galaxia, Vigo, 2021, PVP.14,01€

Compartir el artículo

stats