Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Procesos, materiais, formas

Deseño e moda na era da emerxencia

Vista parcial da mostra 'Port Design Biennale'.

O deseño industrial é, con certeza, unha das manifestacións máis relevantes dos últimos lustros ao tempo que a moda, da súa parte, veu converterse nun eixo da vida cotiá. Nesta tempada desde Galicia contamos con senlleiros acontecementos que nos relacionan con ambas formas creativas. Así, ao longo de outubro vaise celebrar o IX Encontro Nacional de Deseño. Canto á moda, Adolfo Domínguez, a moi influinte compañía galega en cuestións de estilo, presenta novidades de importancia estética e sobre todo ética.

O deseño industrial acompáñanos, ingrávido, dende os mobles de madeira curvada de Michael Thonet na corte imperial vienesa. E atopámolo máis preto de nós dende o troco da moblería do carpinteiro pola fervenza do postmodern na década dos anos 1970. A cadeira Butterfly de Antonio Bonet; a lámpada Cesta de Milá; a aceiteira de Rafael Marquina ou o cinceiro Copenhagen de André Ricard son algúns dos obxectos que definiron a senda cara o deseño absoluto actual. Canto á moda moderna, vai canda nosa dende mediados do século XIX, coas xenialidades do modisto Charles Frederick Worth, dando na mercancía sociocultural que hoxe recoñecemos na década dos anos 1980 cando a cultura pop se estableceeu por medio dos deseñadores de prêt-à-porter europeos e xaponeses. As creacións de Jean Paul Gaultier, Azzedine Alaïa, Claude Montana, Thierry Mugler, Armani, Martin Margiela, os 6 de Amberes, Sybilla, Adolfo Domínguez... trocan as siluetas, invitando á flexibilidade con roupa sen estrutura, tecidos tecnolóxicos e volatilidade nas tendencias.

Escultura de Idoia Cuesta nas instalacións de Adolfo Domínguez.

Tanto no deseño como na moda, nos anos 80 pensábase en clave de forma e función, con evocacións perennes á Bauhaus e á máquina para habitar, cunhas pretensións de deseño total ou absoluto que abrangue dende o edificio até cada moble ou obxecto. E na vestimenta acontecía algo semellante, pois o referente da alta costura e da xastrería a medida concibíanse coas propostas de completos por parte dos creadores; vestíase dende o chapeu até os zapatos, dende a garavata até o reloxo. Ademais, os creadores andaban errantes no labirinto da función e da forma do racionalismo, do “menos é máis” do minimalismo e do “todo vale”, antepoñendo a forma á función de Grupo Memphis e o postmodern.

Hoxe os deseños son máis individualizados e, polo tanto, fragmentarios. Na actualidade o contexto de “emerxencia” climática, social, económica e sanitaria impón novas fórmulas aos creadores, outorgando maior relevancia aos procesos creativos, ás materias primas naturais e recicladas, os produtos sostibles e a segunda vida dos obxectos e os materiais coa reciclaxe e circularización; subliñando primeiro o material e logo a forma e a función. Atopamos, daquela, una vocación hermenéutica e colectiva nos creadores. Un exemplo está no modelo empregado polo deseñador Virgil Abloh (Off-White, Louis Vuitton). Este famoso e influínte creador réxese polo achegamento do 3% ao traballo de deseñar. Logo de cuestionarse se realmente se necesita o obxecto ou a moda na que se traballa, afronta o deseño cunha interpretación doutro previo ou modificación substancial dun preexistente. E insiste nunha nomenclatura de tourist ou purist , algo así como participar ou mirar, ser profesional ou afeccionado.

Tecido con algas.

Tecido con algas.

Destas e doutras cuestións vaise falar no Encontro Nacional de Deseño, en Santiago de Compostela, en outubro: reunións e convocatorias centradas nos materias e no proceso, tal e como se viu recentemente, a carón da Porto Design Biennale, na mostra Museum of vibrant matter na cal se desenrolou un encontro transfronteirizo sobre deseño e as materialidades locais biolóxicas, técnicas e híbridas. Baixo o título Materia e Territorio debulláronse as facianas do deseño futuro. Malia a brevidade da reunión, as coordenadas foron claras: o sustentable como prioridade, a reciclaxe como inspiradora, a circularidade referida á natureza como guía da vida dos obxectos. Daquela, na mostra comisariada por Alastair Fuad-Luke atopamos copos e vasos feitos a partir de algas mariñas; xerros de vidro feitos a partir de area da praia; tecidos e camisetas de algas; calceta feita de vellos xerseis; lámpadas e téxtiles de cortiza; vidro derivado de barro sometido a altas temperaturas: creacións onde priman o proceso e mais os materiais fronte ás formas.

"O Baleiro"

Unha das mellores propostas en deseño internacional dende Galicia aconteceu en 1982, coa empresa Adolfo Domínguez evidenciada no seu leitmotiv “la arruga es bella”. As modas de Domínguez eran, e son ,investigacións de formas, materiais e procesos que dan nun estilo capaz de crear unha nova silueta intelectual, deconstruída e dúctil. As evocacións á Bauhaus evidéncianse no estilo da firma que é notablemente sinxelo, sen emprego de decoración ou luxo. O interese polos materiais naturais é característico da firma que favorece exercitar un gusto por aquilo mellorado polo paso do tempo. As cores monocromas, inspiradas na terra, na pedra e na auga xunto con estampados abstractos son as características dos deseños da casa.

Arestora son Tiziana e Adriana Domínguez quen coordinan os equipos creativo e de xestión da compañía. Para acentuar a filosofía sostible, abondan en novos materias, en propostas de reciclaxe e na idea de esvaecer a barreira entre artesanía e industria. Desta volta, a presentación dunha nova arquitectura de interior na tenda flagship en Ourense aparece tellada por unha grande escultura ingrávida da creadora Idoia Cuesta, feita en vimbio coa técnica das marañas. Outra colaboración está no deseño de accesorios con Alfarería Agustín de Niñodaguia, a cal crea xerros en miniatura para levar como xoia, parecendo de seu un pequeno poema en barro cocido. A colección chámase “O Baleiro”, mais está chea de contido.

Compartir el artículo

stats