Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cartografía dunha paixón

Un libro que é un segredo

Detalle da portada do libro "Rascamasseiras".

Laura R. Cuba, autora de A situación actual (Premio Vitoriano Taibo, 2018), obtivo con Rascamasseiras o accésit do XV Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas. Poemas que poden ser o diario dun amor, mais que por riba de todo veñen configurar a cartografía dunha paixón.

Febre que nos leva da man a través das rúas de Compostela, das incertezas, dos atrevementos e das altas temperaturas dun verán que todas imos recoñecer porque están connosco e case podemos ver algunhas das sensacións que se conteñen en Rascamasseiras, saír do noso interior e colocársenos diante dos ollos cando por dentro latexamos e dicimos “penso que poderia / viver neste momento para sempre.”

“É uma frecha ou é uma âncora?” Aquí é a poesía “numa viagem de prazer aos teus olhos”. É un libro que tamén é un segredo, un misterio, porque estamos no terreo do que non se dá dito. Se a paixón é a enerxía maior do ser humano, a poesía é o abraio ante o milagre da existencia e aquí estamos ante o desafío de escribir -e de lermos- o abraio do desexo. Navegar un desexo sen fronteiras, un deses que se deixa ir e non se ocupa en facer demasiadas preguntas. E así decorre ata irmos concluíndo. Algo aparece a xeito de postdata, case coma quen chisca un ollo. Revélasenos unha sinatura ou unha advertencia, pero non vaian pensar naquela Advertencia de León Felipe que coloca a sombra da neve, dese abandono estarrecedor, sobre os nosos corazóns. A de Cuba é unha advertencia de ventás abertas. De ventás compartidas, mais abertas, de vento que zoa ceibe.

Cómpre entrar en Rascamasseiras para descubrir o significado verdadeiro deste título.

CUBA, Laura R., Rascamasseiras, Caldeirón, Malpica, 2021, PVP. 11,40 €

Compartir el artículo

stats