Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xisco Feijoo Cantante e bailador

“Aínda hai tesouros por recoller na música tradicional”

Colaborador nunha vintena de discos e espectáculos dos máis salientábeis artistas galegos da música de raíz, Xisco Feijoo fálanos de Peixe, un disco no que plasma un traballo de recolleita de cantigas tradicionais desenrolado ao longo de trinta anos

Xisco Feijoo nunha imaxe de promoción Cedida

–Que o seu disco estea contido nun pen, e que se presente dentro dunha lata de conserva, é toda unha xenialidade. Como se lle ocurreu tal idea?

–O da lata de conservas ocorréuseme a min, foi unha teima miña. Ao titular Peixe o disco, quixen presentalo nun formato que simbolizara a revolución industrial galega, como foi o do sector das conserveiras; pareceume o ideal aínda que recoñezo que foi unha loucura, si, e ademais custoume moito que este disco sairá así, incluso retrasouse a súa saída ata que conseguín o formato que quería.

“Tiña na cabeza facer este disco dende hai dez anos,pero só atopei tempo durante o confinamento”

decoration

Xisco Feijóo en una actuación durante las Fiestas de la Peregrina, este año, en Pontevedra Rafa Vázquez

–Vde. leva xa moitos anos traballando no eido da música tradicional. Por que esperou tanto a gravar e publicar o seu primeiro álbum propio?

–Non é que estivese agardando o momento;digamos que o saquei porque xa me tocaba. Estiven moi liado con moitísimos proxectos musicais que me quitaban o tempo, porque, de feito, hai dez anos que tiña este disco na cabeza, até coa meirande parte do repertorio preparado, pero non puiden empezar a facelo realidade, paradoxicamente, ata que chegou o da pandemia. Foi durante o período de confinamente cando atopei por fin o tempo que necesitaba para poder plasmar un proxecto destas caraterísticas.

–Por queo título de Peixe?

–Inspireime nalguén que eu coñecín, pero que poidamos ser calquera de nós, unha desas persoas que teñen unha especie de dúas vidas. Unha de cara aos demais e outra cara a si mesmo. Recordoume un peixe dentro dun acuario. E se reparas ben, o peixe que aparece na portada está fóra do acuario.

–Ademais de interpretar e actuar, Vde. tamén se dedica á recolleita de cantigas. Nestes tempos, en pleno seculo XXI, aínda se poden atopar na Galicia das aldeas auténticos tesouros nunca antes recollidos?

–Levo toda a vida facendo ese labor e dígoche que sempre se poden atopar cousas marabillosas. É certo que os vellos e as vellas que os tiñan memorizados van desaparecendo, pero quedan os fillos e as fillas, os netos e as netas, e moitos deles lémbranse destas cantigas ou recordan momentos que foron inesquecíbeis. E, por outra banda, aínda queda moita xente viva e nova que fai o que eu facía cando tiña dezaoito ou vinte anos e continúa atopando verdadeiros tesouros que permanecían agachados.

–Lembra especialmente algún encontro, ou encontros, cunha persoa ou grupo de xente das que atopa nas súas andainas de recolleita polas aldeas?

–Teño moitas lembranzas dos encontros e da xente, porque coñecín a centos de persoas, e acórdome de cáseque todas elas. Unha vez veume ver unha rapaza que eu coñecera cando tiña un ano de vida. Agora tiña vinte e dous, e xa a súa avoa, á que eu gravara, morrera; recoñecina ao mesmo instante de ollala. Quedou abraiada a emocionouse moito!

–Por que é máis doado atopar cantigas e danzas tradicionais nas vilas do interior que nas da costa?–

Pois porque ás vilas costeiras chegou antes a revolución industrial, e iso está moi ben dende o ponto de vista do benestar, claro, pero iso fixo que axiña se esquecesen as cantigas tradicionais no seu estado máis puro. Malia iso, aínda se conservan cousas en vilas achegadas ao mar, tanto nas Rías Baixas como nas Altas. E tamén nas illas. En Ons, por exemplo, fíxose no seu día un traballo de recolleita moi interesante.

–Vde. é cantante e bailador tradicional. Coida que están o suficientente difundidos e dignificados os bailes e mais as danzas tradicionais de Galicia?

–Cantadores e bailadores son dignos de seu, non fai falta dignificalos. E en Galicia, diante do perigo de extinción, estamos a ter sorte neste senso. A mocidade está traballando moi ben e hai moitos mozos e mozas que queren aprender a bailar e a cantar, do cal me alegro moito porque houbo un momento no que eu tiven medo pola supervivencia deste patrimonio tan noso.

Xisco Feijoo nunha imaxe de promoción. Cedida

–Ás cantigas recollidas, dálles Vde. un aire de modernidade, de contemporaneidade. Como consegue esta “fusión” entre o vello e o novo sen perder a esencia das formas tradicionais?–

Eu son partidario de establecer pontes entre a xente xove de hoxendía e as anteriores xeracións. Para este disco, por unha banda escollín unha serie de cantigas vellas que a min me soaban moi actuais mentres que, por outra, hai pezas que están compostas con letras miñas, pero letras baseadas á súa vez no xeito que tiñan as letras antigas. E abofé que cando as escribín, saíro de xeito moi natural.

–No disco reúne unha auténtica selección de magníficos músicos galegos.

-Non están todos os que eu quixera pero, vaia, moitos deles si. En realidade, o núcleo do traballo fíxeno con xente moi achegada, e as colaboracións son de xente que está na miña vida. Son amizades que fun coñecendo ao longo da miña traxectoria e, como no caso de Rodrigo Romaní,o soño feito realidade de contar cun dos meus ídolos da infancia.

–Tamén está o violinista escocés Alasdair Fraser, todo un luxo. Como o coñeceu?

-Coñecino unha noite de troula en Vigo, hai doce anos. Dixéronme que o atendera, comunicámonos chapurreando en inglés nun bar, e acabamos montando unha actuación improvisada para facer festa. Daquela eu no sabía quen era. Entereime o día despois. Dende entón levo dez anos traballando con el no seu talleres musicais de verán.

–Supoño que os concertos de presentación de Peixe serán todo un espectáculo musical e visual.

–Iso é o que pretendo alomenos para os concertos de estrea, pero aínda hai que esperar a que se relaxen as restriccióms do Covid. E si, será un espectáculo moi visual, persencial e participativo, con performance, teatro e música en directo cunha banda de nove músicos.

Compartir el artículo

stats