Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Camiños de peregrinación

Santuario de Santa María do Val, Gomesende

Vista do santuario de Nosa Señora do Val.

Na comarca de Terra de Celanova, a xeografía de Gomesende combina os vales que forman os ríos Deva e Arnoia cos perfís da Serra de Leboreiro. Ao seu patrimonio natural, este concello ourensán suma un amplo legado monumental que ten no santuario de Nosa Señora do Val de Poulo un dos seus máximos expoñentes, un fermoso templo que destaca no alto pola súa factura e dimensións.

Na parroquia do Val, onde agora se levanta este santuario, houbo unha vella capela da que quedan restos de muros, baños e fontes termais como testemuño. O edificio, que combina elementos barrocos e renacentistas, quedou inconcluso sen que estean claras as razóns polas que non se rematou o proxecto orixinal, que se supón incluiría un convento. A zona onde se asenta o camposanto podería ser parte dun claustro sen acabar. Que, porén, íntegro o templo mariano en cuxo interior destaca o retablo labrado en pedra e composto de tres corpos, presidido o central por unha imaxe de Nosa Señora do Val. Na estrutura exterior sobresae o dobre cimborrio –o posterior de maior altura e diámetro-, de forma octogonal e con lanternas a través das que pasa a luz do día. Polo demais, arredor da igrexa sitúase unha área recreativa con carballos e castiñeiros na que cada mes de maio ten lugar unha concorrida romaría, como centro de peregrinación mariana que é este territorio situado no cumio. A escasos metros do templo atópase unha casa do ano 1710, tal como reza o cartel de pedra sobre a fachada.

Detalle dun cimborrio.

Suponse que a construcción foi pousada de peregrinos, o que relaciona o lugar cun dos diversos camiños de peregrinación que desde Portugal ían cara a Santiago. Por aquí pasa o PRG-143 (Roteiro do Río Arnoia), ademais do Roteiro do Leboreiro, un itinerario comarcal que enlaza a Terra de Celanova. A edificación sería usada tamén como taberna durante a realización da feira de gando, os días 28 de cada mes. Exercía o mesmo labor os días de festa.

Ademais de Santa María do Val –hai quen lle chama tamén santuario de Transportela-, magnífico edificio polo seu enclave e dimensións, Gomesende ten outro lugar santo, a igrexa da Guía, patroa dos emigrantes e venerada polos habitantes da comarca e do Norte de Portugal. A orixe do templo actual é unha obra do século XVII, levantada coa axuda dos bispos de Santiago e Ourense, que concederon indulxencias parciais a cuantos co seu traballo e donativos permitisen a construción. A súa posible cronoloxía desvélaa un perpiaño da ábsida, onde parte dunha frase di que a obra foi realizada con doazóns dos devotos no ano 1701. Crese que con anterioridade había no sitio unha capela dedicada á Virxe e a San Paio. Pola súa orografía e relevo, algunhas hipóteses sosteñen que baixo ela hai oculto un vello asentamento castrexo da Idade de Ferro.

Área exterior do templo.

Erixida sobre un outeiro, a igrexa está rodeada dun grande adro asfaltado no que sobresae un monumental cruceiro moderno feito dun só bloque de granito. O templo coroa a súa fachada cunha espadana de dous corpos. O interior é dunha soa nave dividida en tres tramos. Entre os elementos notables destaca o retablo, que representa na súa parte central a Fuxida a Exipto.

No nivel inferior onde se sitúa o santuario destaca un conxunto de hórreos tradicionais en pedra e madeira restaurados que engaden atractivo ao lugar. Gomesende ten outros puntos de interese como a igrexa de San Pedro de Poulo, edificación barroca patrocinada pola nobreza e a curia, o mesmo que a de San Lourenzo de Fustáns. A zona estaba cruzada por un camiño real que desde Arnoia pasaba por O Val e o seu santuario, baixaba por Poulo e conectaba con Celanova e Pontedeva.

Devoción mariana

O santuario do Val está situado nun alto desde onde se contempla a beleza e fertilidade do Val do San Francisco, río afluente do Deva. Os terreos circundantes ao templo foron cedidos en 1821 polos fregueses de Poulo e Refoxos, para “honra da Virxe Santísima do Val”, como documentan os escritos da época. O día 3 de maio celébrase unha romaría na área recreativa que rodea o edificio, e que constitúe unha obra exemplar de repoboación do monte comunal. Nos traballos de mellora ambiental dos terreos apareceron restos dun depósito arqueolóxico con elementos megalíticos. Preto desta zona atópase outra igrexa, a de San Pedro de Poulo, templo barroco que conserva unha bóveda de cruceiría cos nervios pintados e un retablo neogótico. Tamén abundan os cruceiros e os petos de ánimas, como os de Dornelas, Matamá ou o de Souto do Bispo. A comarca de Terra de Celanova destaca pola presenza de santuarios marianos, cada cal coa súa particular lenda e romaría. Do percorrido forman parte, entre outros, o santuario da Virxe do Cristal e da Virxe de Armada (Celanova), a basílica de Nosa Señora das Marabillas e o santuario de Santa María do Mundil (Cartelle), ademais dos de Gomesende.

Compartir el artículo

stats