Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“O mito de Pepa A Loba ten verdade, relato e poesía”

“O mito de Pepa A Loba ten verdade, relato e poesía”

–De que xeito comezou Vd. a interesarse polo mito de Pepa A Loba?–

Comecei a interesarme por Pepa a Loba cando o Concello de Vilalba me encargou escribir una obra de teatro para celebrar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero o 18 de novembro de 2005 no Centro Dramático Vilalbés.Daquela pensei nun pequeno drama representado por personaxes da mitoloxía popular galega, que titulei cunhas palabras que dicía a mesma bandoleira “Home morto non fala, nin…”, (a conxunción copulativa de valor negativo “nin”, é cousa miña.)

–De qué fontes se surtiu para escribir sobre esta mítica bandoleira?–

–A primeira fonte foi a miña propia imaxinación, escribindo o romance de Pepa a Loba, que en parte aparece iniciando as escenas na obra de teatro e foi publicada pola Editorial Toxosoutos. Nun principio bebín da Mitoloxía Popular Galega e pensei se sería unha peeira, unha pastora de lobos. Pepa a Loba é unha bandoleira imaxinaria, xefa de bandoleiros, aos que eu lles puxen nome. Tamén hai quen ousa asegurar que viviu pola segunda metade do século XIX, e que en todas as provincias galegas que din que andou, existen noticias das súas andanzas. Pepa a Loba é a bandoleira máis famosa de Galicia e, aínda que Carlos Reigosa escribiu unha fermosa novela de carácter histórico, eu penso que escribiu un drama que nunca foi.

–Hainos que din que Pepa A Loba foron varias persoas, non unha soa. Que opina desta teoría?

–Existen andanzas doutras mulleres que se atribuíron a Pepa a Loba. Mesmo mediados do século XX, había cuadrillas de mulleres que asaltaban na Gañidoira aos que transportaban o peixe desde a lonxa de Celeiro deica Lugo. Roubábanos para levarlles de comer aos maquis que se refuxiaban nas montañas de San Simón.

–Vde. acredita, tal e como sosteñen algúns, que Concepción Arenal coñeceu a Pepa A Loba no cárcere de mulleres de A Coruña?–

–Sobre iso escribo nun dos meus 58 relatos para televisión. De Pepa a Loba din que está acreditada a súa existencia nunha carta de Concepción Arenal e nas Comedias Bárbaras de Valle Inclán. Pero non se pode tecer unha historia con fíos de sucesos que se gardan en arquivos case imposibles de atopar, senón cos fíos que saen dos beizos das xentes que lembran historias lendarias, sexan de Pepa a Loba ou doutras mulleres que se foron ao monte pola inxustiza dos poderosos, con fíos que procedían dos sucesos que se gardaban nos arquivos da súa memoria, cos fíos que atan os romances de cordel que difundiron as noticias destes bandoleiros e bandoleiras, noticias en verso que chamamos romances e que foron de praza en praza, levadas polos cegos, que a falta de lotería, tiñan o privilexio de vender estes pregos de cordel e, entretecendo historia, lenda e romance, construíron un texto que ten todo iso: verdade, relato e poesía. A tripla materia da que están feitas as cousas destinadas a perdurar na memoria dos homes e das mulleres.

–Como xa sinalou, agora está Vde. a escribir os guións dun proxecto de serie para televisión, aínda que neste caso recorre en moitos capítulos á ficción. Quixera que me contase como vai o labor e se lle chegou xa algunha oferta concreta.

–Estas aventuras ambientadas no mito de Pepa a Loba, poderían ser as primeiras 58 grandes curtametraxes sobre o bandoleirismo galego do século XXI. Hoxe teño firmado contrato coa entidade Interim Manager Consulting S.L para dereitos audiovisuais e penso que despois de xestionar a miña novela Lola Touza a Schindler galega, que me editou Toxosoutos, poderían levar a bo porto a comercialización dos dereitos audiovisuais de Pepa a Loba.

–Por que está tan convencido de que esa serie tería un grande éxito?

–As series sobre personaxes ou historias galegas favorecen a familiaridade e a inmediatez que o espectador pode sentir cos nosos veciños, sexan de agora ou de antes, e coa nosa terra. Estas historias e estes personaxes están máis tempo presentes nunha curtametraxe que nunha longametraxe e as posibilidades de conexión son maiores.

–A frase “o único home bo, é o home morto” que se lle atribúe a Pepa A Loba, de onde saíu?–

–A verdade é que non o sei. Dende logo, non está nas Comedias Bárbaras de Valle Inclán nin nas Cartas de Concepción Arenal. Puido saír dun escritor coma min, ou dunha muller maltratada. Antes dixen que a Loba escribiu o título da miña obra de teatro Home morto non fala. Tamén dixo frases como “Roubar é matar”.

–Segundo Vde. por quePepa A Loba se converteu nunha foraxida?

–Un día atopan asasinado o tendeiro daq vila, irmán dun tal Albeite que violara a Falucha e desa violación nace Xosefa, máis tarde Pepa a Loba. O tendeiro e tío, convértese en pai adoptivo de Xosefa cando súa nai morre dun mal parto, vítima doutra violación por parte do mesmo home, facéndose cargo dela nomeándoa herdeira única, mesmo contrata un estudante para que lle poña escola. Un día o tendeiro aparece morto cravado cun coitelo de cociña. O estudante e mais Xosefa son detidos. No xuízo, o rstudante queda libre e Xosefa é declarada culpable e encarcerada. Na trena mata o cura que a ía confesar, quítalle a roupa e foxe. Fóra espéraa o Lueiro, o seu lobo. Consegue unha pistola e vai á tenda que rexe o estudante e ese día non o atopa. O Lueiro mata a Albeite e ela foxe ao monte, organiza unha partida de bandoleiros que se dedican a asaltar viaxeiros, conventos, pazos e casas señoriais ata que un día volve a Xermade coa súa banda, e como nunha noite escura na que ouvean os lobos furiosamente dando avisos de morte, secuestra a vila e o seu Lobo mata o estudante vingando a súa desgraza e a morte do seu pai adoptivo. A partir daquel día convértese en fera agavelada que, á fronte dunha cuadrilla, libra unha e mil andanzas.

–E sábese como morreu?

–Morreu un día na Abelleira, instalada, viúva e coidando un fillo. Desde daquela xa non se soubo máis nada.

Compartir el artículo

stats