Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Varias historias, un pasado

Das nosas orixes

Cando xurdiu o pobo galego? Esta pregunta ten moitas respostas, polo menos a historiografía galega deulle varias. Os celtas, para os creadores da conciencia galega agrupados arredor da Cova Céltica, cumpriron ese papel; o mesmo que tiveron os castrexos, un pobo sen alma étnica, para as correntes historiográficas de finais do século XX, que mudaron a alma celta pola galaica. Os romanos, asemade, tamén adoitan cumprir esa función de fundadores do pobo galego, non en van, o cristianismo e a nosa lingua son o máis importante legado cultural que os romanos nos deixaron aos galegos como pobo e..., como se dixo moitas veces, ‘se aínda somos galegos e por obra e gracia do idioma’, do galego.

Ora ben, todas esas respostas partillan unha mesma idea: a existencia dun pobo uniforme, o mesmo antano ca hogano. Porén, esa imaxe do pasado é falsa.

O pobo galaico, que ocupaba un territorio que excedía os límites da Nosa Terra e ao que os romanos diferenciaron dende o primeiro momento con respecto a outros pobos peninsulares, nunca configurou unha unidade monolítica no pasado prerromano. Acaso a Prehistoria galega foi uniforme no tempo dos megaliteiros? Por que non hai petróglifos por todo o territorio galaico? Que diferenzas agocha a aparentemente uniforme ‘cultura castrexa’? Que hai detrás dos nomes romanizados e dos indíxenas en tempos nos que Roma dominaba estas terra do confín galaico? Como se desenvolveu a romanización? Que diferenzas hai entre Burbida (Vigo) e Flavium Brigantium (A Coruña)? Por que en Oímbra aproveitaron un menhir para facer unha estela e en Aquae Flaviae (Chaves) chimpárono no fondo da ponte na mesma época?

Todas estas preguntas teñen respostas comúns: todos estes procesos cómpre entendelos como a manifestación dos diferentes pobos que coexistiron nun espazo xeográfico que non se pode reducir á Galicia actual. Eis a tese do profesor Francisco Xavier González García no libro Celtas, castrexos e romanos: á procura dun pasado na historia de Galicia que vén de publicar Edicións Xerais.

Celtas, castrexos e romanos.

GONZÁLEZ GARCÍA, F.X., Celtas, castrexos e romanos, Ed. Xerais, Vigo, 2021, PVP. 16,20 €

Compartir el artículo

stats