Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fotogramas de noso para o mundo

Cinema galego na Mostra

Cartel de 'Tres' (2021).

Hai unhas semanas, a produtora Beli Martínez, galardoada co primeiro Premio Chano Piñeiro no Ourense Film Festival, declaraba nunha entrevista que o feito de que en Cannes se anuncie “un cineasta galego” implica que sexa recoñecida unha cultura propia. Beli facía esta declaración despois de que a súa produtora, Filmika Galaica, presentase na Quincena de Realizadores do festival galo a curtametraxe Sycorax, dirixida por Lois Patiño e Matías Piñeiro. De certo que, nos últimos tempos, grazas á época dourada do coñecido como “Novo Cinema Galego”, a nosa identidade experimenta unha explosión divulgativa que está a esparexerse polas ágoras máis prestixiosas do panorama mundial, a través da exhibición de filmes en Festivais de todo o mundo.

Fotograma de "Eles transportan a morte" (2021).

Na recente Mostra de Venecia, inaugurada por Pedro Almodóvar con Madres paralelas, participan outras tres cintas do estado en diversas categorías. Eles Transportan a morte (Filmika Galaica), longametraxe dirixida por Helena Girón e Samuel Delgado, regresou do Festival cun Premio á aportación técnica na Semana da Crítica. Un galardón que augura unha brillante carreira que continuará proximamente no Festival de San Sebastián. Rodada en galego, narra unha historia ambientada en 1492, a partir da experiencia de tres condenados a morte que deciden embarcarse na viaxe de Cristovo Colón coa finalidade de evitar seren axustizados, mentres no continente aínda por “descubrir”, unha muller pretende por todos os medios evitar esoutro falecemento da súa irmá.

"Eles transportan a morte" (2021).

A outra fita con selo galego é Tres, producida polo estudo “Frida Films”, a cargo de Luisa Romeo. Esta longametraxe é dirixida polo cineasta catalán Juanjo Giménez, que conta no seu haber nada máis e nada menos que unha Palma de Ouro en Cannes grazas á súa excelente curtametraxe Timecode (2016), que tamén acadou o Premio do Cine Europeo e un Goya na mesma categoría. Tres pretende xogar coa percepción do espectador por medio dun personaxe que, inexplicablemente, perde a sincronía entre o son e a imaxe que entran nos seus ollos.

Ambos os títulos redundan no arrebato creativo do audiovisual galego, postos en pé cunha obstinación redobrada por parte dos seus impulsores, debido á escasa atención que estes produtos merecen nos circuítos comerciais da industria cinematográfica. De aí que o labor de figuras imperiosas e vitais como Beli Martínez e Luisa Romeo deban ser revalorizadas nos ámbitos culturais, industriais, académicos e, incluso, lingüísticos do noso país.

Outra mostra da naturalidade coa que o Festival de Venecia acolle a variedade lingüística do Estado español, cunha naturalidade que ben poderiamos importar, é a curtametraxe rodada en euskera, Heltzear, dirixida por Mikel Gurrea e proxectada na sección “Horizontes.” A peza vasca apoia a súa narrativa nunha carta enviada por unha escaladora ao seu irmán ausente, membro de ETA. Nestas obras artísticas reflíctense esa riqueza que sempre resulta aditiva, nunca subtrativa, e que, como adoita acontecer na esfera cultural, atopa nos foros alén das nosas fronteiras ese recibimento favorable.

Jean-Paul Belmondo (1933-2021).

Belmondo, 'pour toujours'

O máis natural á hora de identificar unha corrente artística cunha figura física é apelar aos artistas que poñen en pé as obras de arte. No caso dos movementos cinematográficos, polo tanto, resulta lóxico e habitual que sexan os directores ou, en menor medida os guionistas, os referentes dese modo de filmar e montar un filme. Cando falamos da Nouvelle Vague, de inmediato asociamos a corrente aos nomes de Jean-Luc Godard, François Truffaut ou Alain Resnais, entre outros moitos. Porén, a pegada autoral da cámara non actúa sobre un universo baleiro, senón que profunda nun modo de representación que precisa duns corpos que, neste caso, encarnan os intérpretes. Deste xeito, a asociación interpretativa que os amantes da sétimo arte realizamos sobre as películas da “Onda” francesa desembocan, irremediablemente, nos rostros de actores como Jean-Pierre Léaud, Jean Seberg ou o recentemente falecido Jean-Paul Belmondo.

O historiador cinematográfico Lino Miccichè chegou a realizar un acertado e minucioso análise do modo interpretativo dos actores-fetiche “gordianos” —Seberg e Belmondo—, radicalmente contraposto ao modelo hollywoodiense hexemónico desde a década de 1910. Do mesmo xeito que as historias de Godard respondían a un modelo explicitamente aberto, onde se disolvían as nocións de trama e de personaxe. O fundamental neste cine era que o actor deberían ofrecer pinceladas do sentimento das cousas, ata acadar un status de actante-actor que non buscaba ser cómplice dunha posta en escena, senón dunha “posta en situación”. Belmondo foi algo máis que un corpo acollendo unha historia, era un actor capaz transmitir esa esencia que afanosamente buscaba a Nouvelle Vague, a cal non só xerou unha forma nova de contar historias, senón que xerou tamén intérpretes novos aos que modelou en función dos seus intereses. Aínda que, anos despois, Jean-Paul Belmondo acabaría reciclándose cara o cine comercial, a súa interpretación en À bout de souffle (1960) e Pierrot le fou (1965) continúa emanando todo un torrente de sentimentos que, máis de seis décadas despois, non ameaza con esgotarse.

Compartir el artículo

stats