Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Francisco R. Pastoriza Xornalista

“Torrente Ballester afiliouse á Falanxe por supervivencia”

“Torrente Ballester afiliouse á Falanxe por supervivencia”

Doutor en Ciencias da Información e colaborador de FARO, Francisco R. Pastoriza vén de publicar Torrente Ballester: os anos na Falanxe (Ed. Concello de Bueu), adianto dun proxecto maior para o que ten reunido todos os escritos do escritor ferrolán na súa etapa de militancia neste partido de ultradereita.

–Que foi o que o animou a pescudar e recopilar os textos falanxistas de Torrente Ballester?

–Un grupo de amigos organizamos unhas xornadas dedicadas a un monllo de personaxes que coincidiron en Bueu,en vésperas da Guerra Civil: a pintora Maruja Mallo, o fotógrafo José Suárez, o artista Federico Ribas, o escritor Rómulo Gallegos, o poeta e xornalista Johan Caballeira e o escritor Torrente Ballester. Investigamos o que fixeron durante eses anos e tamén durante a guerra. Eu ocupeime de Torrente Ballester, que se afiliou á Falanxe cando voltou de París, onde estaba traballando na súa tese de doutoramento cando se produciu o golpe de Estado de 1936. Coa Falanxe colaborou escribindo artigos en periódicos e revistas controladas polos nacionales, e ese foi fundamentalmente o obxecto da miña investigación.

–Por que se afiliou á Falanxe: simplemente por medo ou acaso influíu moito o consello do seu pai, que era militar da Armada?

–Todo semella indicar que a súa situación familiar foi a infuencia máis decisiva, xa que tiña muller e dous nenos pequenos, e non podía arriscarse a ser asasinado polos fascistas, como lle pasou á maioría dos seus amigos, nacionalistas, socialistas e anarquistas. Se non se afiliaba á Falanxe, seguramente sería detido e... quen sabe o que lle esperaba despois! Aínda que non teño testemuños nin documentación ao respecto, coido que loxicamente debeu contar coa axuda e mais a protección do seu pai, que era o responsable da Axudantía de Mariña de Bueu, e que respaldou o golpe dende os primeiros momentos.

–Cales foron as principais publicacións nas que escribiu Torrente os seus artigos falanxistas?

–Sobre todo en El Pueblo Gallego, o xornal que incautaron os nacionales, que era propiedade do político liberal Portela Valladares, e que fora no que escribira, até que foi detido, o seu amigo Johan Carballeira. Tamén noutros xornais como Amanecer e Arriba España, aínda que moitos dos artigos publicados aquí eran repetición (ás veces con outros títulos) dos que publicara en El Pueblo Gallego. Tamén en revistas falanxistas como Jerarquía e Escorial, que estaban controladas polo chamado Grupo de Burgos, unha serie de intelectuis entre os que estaban Dionisio Ridruejo, Pedro Laín Entralgo, Antonio Tovar, Luis Rosales... e que foron dos primeiros en desmarcarse do franquismo.

–Ademais de en diversos medios de prensa, Torrente deixou pegada da súa etapa falanxista nalgunhas novelas. En cales se nota especialmente?

Sobre todo nas primeiras: Javier Mariño, El golpe de estado de Guadalupe Limón, a primeira parte de Los gozos y las sombras…

–En Torrente Ballester: os anos na Falanxe quere deixar Vde. moi claro que o seu traballo non pretende desprestixiar a traxectoria ddo escritor, senón axudar a completar a súa obra. Quixera que me falara deste cuestión.

–Da miña parte, sinto un grande respecto pola persoa de Torrente Ballester, ao que tratei con certa frecuencia nos derradeiros anos da súa vida, e tamén pola súa obra literaria, unha das máis importantes da literatura española do século XX. Pero dun escritor hai que coñecer toda a súa obra, literaria e xornalística, e coido que os artigos de Torrente Ballester dos seus anos na Falanxe están practicamente inéditos dende que foran publicados na prensa da época. Procuro contribuír a que se teña, polo tanto, unha visión máis completa da obra de Torrente, sen que iso supoña descalificación ningunha.

“Nos seus artigos falanxistas eloxiou moito a figura de José Antonio Primo de Rivera pero non tanto a de Franco”

decoration

–En xeral, nestes artigos aprécianse grandes eloxios a José Antonio Primo de Rivera e moi poucos a Franco. A partir dese feito, dúas preguntas: a primeira é se Vde. cre que Torrente Ballester, aínda que disentise politicamente de José Antonio, acaso admiraba a súa, chamémoslle “coraxe”?

–A lectura dos artigos dedicados a Primo de Rivera lévanme a pensar que, dalgún xeito, Torrente Ballester quedou fascinado pola figura do fundador da Falanxe, fascinación na que posiblemente tivera certa influencia a súa morte. E tamén que atopou na doutrina nacionalsindicalista unha certa identificación con algúns dos seus ideais, como a nacionalización da banca, a reforma agraria, a crítica ao imperialismo e o respecto pola relixión católica.

–E a segunda: tal vez eses poucos eloxios ao seu paisano Franco débense a que, para Torrente, o caudillo era unha figura odiada incluso “persoalmente”?

–Torrente non podía criticar a Franco directamente, porque iso custaríalle quedar á marxen de todo. Pero non son frecuentes os eloxios ao personaxe de Franco, e tampouco a Falanxe estaba de acordo coa deriva do franquismo, xa durante a guerra. Ao falanxismo, por exemplo, non lle gustou o decreto de unificación cos requetés e co carlismo, ao que consideraban reaccionario.

–Cando, xa na democracia, lle preguntaban nas entrevistas pola súa etapa falanxista, que adoitaba responder Torrente? Evadía o tema? Algunha vez confesou que o fixo por medo?

–Non evadía o tema. Recoñecía o feito como un erro de mocidade e atribuíao á sua situación familiar e persoal. Nunca dixo que o fixera por medo, pero dalgunhas das súas declaración hai que concluír que o medo foi un elemento fundamental, loxicamente, naquela situación.

–De momento, este estudo sobre o Torrente falanxista saíu publicado nun opúsculo. Ten Vde. pensado editalo nun libro no que se recopile toda esta obra?

–De feito, este opúsculo do que Vde. fala, que constitúe o texto da miña conferencia nas xornadas das que falamos ao principio desta entrevista, vén ser, en realidade, o resumo dun libro que estou a preparar sobre a pegada do falanxismo na obra xornalistica e literaria de Torrente Ballester. Sen esquecer que el mesmo escribiu varios opúsculos nos que sintetiza a ideoloxía falanxista, para a sua divulgación. E tamén os textos que se utilizaban no Bachelerato para a materia de Formación del Espíritu Nacional. É un traballo que está practicamente rematado, en busca de editorial que se poida interesar polo tema.

Compartir el artículo

stats