Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na “aldeia dasmaravilhas”

Centro Interpretativo da Paisagem Cultural de Sistelo, Arcos de Valdevez

Interior da Casa do Castelo.

Situado como está no Vale do Vez e na emblemática contorna do Parque da Peneda-Gerês, declarado pola Unesco Reserva Mundial da Biosfera, Arcos de Valdevez ten moito que ofrecer tanto pola natureza que amosa como polo seu patrimonio. Unha das súas parroquias é Sistelo, que pode presumir de galardóns. Ademais de ser unha das “7 Maravilhas de Portugal” na categoría de “Aldeias Rurais”, está catalogada “Monumento e Sitio de Interese Nacional.” Agora conta cun novo atractivo, o Centro Interpretativo da Paisagem Cultural do Sistelo, ubicado na Casa do Castelo, onde os visitantes poden gozar de maneira pormenorizada das “ maravilhas verdadeiras que juntam a doçura e a aspereza, a harmonia dos socalcos verdes e o pedregar das águas”, que describiu José Saramago no libro Viagem a Portugal.

Denominada “O pequeno Tíbet” pola súa similitude coa paisaxe deste país asiático, este territorio verde que é Sistelo ten nos socalcos de cultivo que descenden polas ladeiras da montaña os seus sinais de identidade. O Nobel portugués falaba de “a mais bela paisagem que cabe nas imaginações” ao chegar a unha das localidades máis fermosas do país. E é que as ladeiras do río Vez foron traballadas durante séculos non só para elaborar terrazas senón tamén un sofisticado sistema de regadío que vai de socalco en socalco como expresión exemplar de traballo colectivo e relación sostible co medio. Ademais de velo ao natural, no centro de interpretación é posible entender como se realizaron estas plataformas verdes co fin de obter proveito agrícola e gandeiro no abrupto terreo de montaña da Serra da Peneda.

Socalcos de Sistelo, Arcos de Valdevez.

A Casa do Castelo ou Castelo de Sistelo é unha das xoias do patrimonio edificado da aldea. Cando Manuel Gonçalves Roque regresou de Brasil a mediados do século XIX, dedicou parte da súa fortuna á construción dun pazo renacentista no lugar que o vise nacer. De planta rectangular, con dúas torres con almeas a cada lado da fachada, o conxunto domina unha paisaxe natural de innegable beleza no que habitou o primeiro vizconde de Sistelo, o propio Manuel Gonçalves. Hoxe é o centro de Interpretación da Paisaxe Cultural para recibir e informar os turistas das opcións que ofrece toda a zona.

A cultura do milho está tan arraigada aquí que os hórreos proliferan por Sistelo, outro dos símbolos da parroquia e garantes outrora do pan de cada día. Os muíños que salferen as marxes do río Vez completan a memoria cultural deste pobo. O gando de raza cachena e mais os garranos son auténticos sobreviventes neste territorio montañoso, traballadores da terra que aínda se poden ver camiñar tranquilos polos carreiros.

Interior da Casa do Castelo.

Arcos de Valdevez conta cunha ecovía desde o centro da vila ata Sistelo nun percorrido de gran beleza que atravesa lugares como o Paço de Giela, a praia fluvial da Valeta, o río Ázere, a ponte de Vilela ou a propia Casa do Castelo. A famosa Ecovía do Vez pasa polo Pequeno Tibet portugués a través dun sorprendente percorrido de auga, bosque e montaña.Asemade o muni municipio conserva outras aldeas tradicionais como Soajo, famosa polo amplo conxunto de hórreos erixidos sobre unha gran laxa granítica en Peneda- Gerês. Pola súa banda, o santuario de Peneda, situado na rocha, é outra das paradas indispensables na zona, do mesmo xeito que o paço de Giela, que mostra todo un percorrido pola historia de Portugal.

A torre é o elemento que integra un espazo musealizado con tres pisos dedicados, respectivamente, á arqueoloxía e ocupación humana do concello durante os últimos milenios, á evolución e historia do propio monumento e ao importante momento unido á formación de Portugal, o denominado Recontro de Valdevez, ocorrido en 1141, cando se enfrontaron os exércitos de Afonso Henriques e Alfonso VII de León e Castela.

Segredos do Gerês

Din que todos os amantes da natureza, sexan practicantes da camiñada ou non, teñen en Sistelo un punto de visita obrigada polo menos unha vez na vida, como en Santo Andrés de Teixido. Os pasadizos que percorren o pequeno Tibet portugués pasaron de ser un dos segredos mellor gardados do Gerês a converterse nun dos roteiros máis emblemáticos do norte luso. Son apenas dous quilómetros á beira do río que permiten comprender a relación que mantivo a poboación co terreo durante séculos.

Desde a aldea parten, ademais, outras opcións de carreiros de máis ou menos lonxitude. Moi preto está o santuario da Peneda, situado a case 1.400 metros de altura. Construído a finais do século XVIII en estilo neoclásico con reminiscencias barrocas, é unha réplica do Bom Jesús do Monte de Braga e aquí se celebra unha das máis concorridas romarías do noroeste cada 8 de setembro. Destaca a súa escalinata duns trescentos banzos e diferentes capelas con escenas da vida de Xesús. A tradición sitúa no lugar a aparición milagrosa da imaxe da Virxe a unha pastorciña de Gavieira. Nos arredores atópanse enclaves como o Penedo da Meadinha, de case 1.100 metros de altitude e cunha lagoa no centro. Desde aquí pódese apreciar a beleza paisaxística desta parroquia.

Compartir el artículo

stats