Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ana e nosoutras

Coas pegadas do cinema

O escritor vigués Álex Mene (1969) adéntrase na ficción biográfica con Ana e as súas irmás, unha novela que tamén é o que parece. Se, nunha rapidísima ollada, calquera pode ver no título unha rendida homenaxe ao filme de Woody Allen, o diálogo e mais a comedia permanecen ao longo da lectura aínda que dun xeito discreto, non explícito, case coma unha sombra. Case como a mesma sombra de Marylin Monroe que, a xeito de antagonista, aparece por tras da figura principal desta narración. Podemos ou queremos ver unha mostra decidida de sororidade na que Marylin dá pulo á muller que nos desvela o relato da súa vida: Ana, para quen o seu corpo sempre foi, literalmente, campo de batalla.

E a pegada do cinema vai moito máis alá de Allen. Está Rebecca, está Coixet, están Todas as mañás do mundo e como non ían estar Wilder ou Rhomer ou a nostalxia polos Multicines Norte de Vigo. Como non, se o relato da vida de Ana, a muller con espiña bífida que se fai a si mesma grazas á súa determinación e aos coidados dunha rede de afectos ineludible, é a reconstrución da vida dunha muller con arestas, con dúbidas e contradicións, con olladas furtivas e pensamentos ás veces inconfesabeis, ás veces simplemente dolorosos, como tamén acontece nas protagonistas dos grandes filmes que desfilan diante dos nosos ollos nesta novela.

A chamada para un inminente segundo transplante coloca a Ana diante do espello desa longa carreira de obstáculos que comezou o mesmo día do seu nacemento, en 1969. Axiña, mais coa demora necesaria para facérmonos unha idea da súa personalidade e comezar a querela, imos vendo pasar as dificultades e tamén os infortunios que foron acontecendo en Ana e na súa onda expansiva. Non está a comedia coma no filme de Allen, pero si sobrevoa o sorriso dunha muller resolta a querer facer o seu propio camiño.

Ana e as súas irmáns

Ana e as súas irmáns

MENE, Álex, Ana e as súas irmás, Ed.Tandaia, A Coruña, 2021, PVP. 16 €

Compartir el artículo

stats