Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

100 anos de Francisco Pradilla

Unha escolma no Museo de Pontevedra

Flores acuáticas silvestres.

No vindeiro mes de novembro cúmprense cen anos da morte do pintor aragonés Francisco Pradilla (Villanueva de Gállego, Zaragoza, 1848-Madrid, 1921), figura central na arte española da segunda metade do século XIX e primeiras décadas do XX. Para lembrar a súa traxectoria, o Museo de Pontevedra deseñou unha exposición cunha escolma de catorce obras representativas do seu traballo artístico, datadas entre entre 1873 e 1918 e pertencentes aos fondos da propia institución pontevedresa. Entre elas destacan cinco pezas ao óleo, un caderno de apuntamentos e variados debuxos elaborados ao ar libre en Galicia aínda que tamén se poden ver traballos realizados en Cataluña, Aragón, Italia ou Francia. En xeral, trátase de pequenas pezas onde se recollen lugares, ambientes, costumes e personaxes populares, moi característicos da realidade artística do seu tempo.

Francisco Pradilla tivo unha estreita relación co noso país xa que coñece Galicia moi novo e despois casa, en 1878, coa viguesa Dolores González del Villar. Este feito vai levalo a pasar longas tempadas en Vigo e a reproducir con frecuencia cidades, portos, rías e motivos costumistas de diferentes lugares de Galicia. En especial as nosas costas van ser escenario de ducias de obras do artista, velaí as súas abondosas escenas de peiraos, como as do Berbés, coa chegadas de barcos e venda de peixe; de feiras e de romarías.

Ribeira do Berbés.

O pintor aragonés foi un defensor do realismo académico decimonónico, formado, no esencial, en Madrid e Roma. Nesta última cidade foi bolseiro da Academia de España en Roma e durante a súa estadía pintou, cando era aínda moi novo, a súa obra mestra, a coñecidísima Doña Juana la Loca (1874, Museo del Prado), un óleo de grande formato que sinala o plenitude do xénero de historia e que, en certo xeito, anuncia tamén a decadencia deste tipo de modelos de representación. Asemade, Pradilla foi tamén un grande paisaxista, que mostrou sempre un interese notábel pola pintura tirada do natural, algo ben visíbel na exposición agora presente no Museo de Pontevedra, velaí, por exemplo, o óleo Flores acuáticas silvestres. Monasterio de Piedra (Zaragoza), ca. 1904. Desde moi novo pintou e debuxou monumentos arquitectónicos e, sobre todo, tipos e costumes, non poucas veces en Galicia, onde como xa dixemos mantiña uns intensos vínculos familiares.

Vista dun porto italiano.

O paisaxismo do pintor aragonés, como a totalidade da súa obra, cómpre entendelo en contacto co desenvolvemento estético e político español da segunda metade do século XIX e coa nova valoración dos temas de costumes e a evolución do paisaxismo, temas e xénero ligados intensamente ao intento de crear unha imaxe nacional, con elementos contextuais de enorme relevancia. A súa é unha obra que, como a doutros artistas coetáneos, nos leva a un dos argumentos que pairan sobre toda a cultura do momento: a reformulación dos valores identitarios. Cómpre lembrarmos que as identidades culturais van construíndose colectivamente a partir da experiencia, a memoria, a tradición e tamén da variedade de prácticas culturais, sociais e políticas.

Estamos a falar, entón, de procesos nunca autónomos, senón interdependentes, cunha lóxica non allea ás relacións de dominación que rexen as diferentes culturas, os mundos simbólicos en conflito. Toda a pintura de historia, mais tamén a costumista e de paisaxe é un espello destas preocupacións.

Fenómenos lumínicos

Do punto de vista técnico, na súa obra, desde ben cedo, percíbese o interese polo fenómenos lumínicos, cunha factura solta e bosquexada. Adoptou este estilo -aplicando ás veces simplemente a sensacións de cor, con abundancia de luces efectistas- a moitas das súas obras dos anos finais.

No noso país Pradilla realizaba frecuentes visitas a aldeas e vilas coa vontade de captar do natural os máis diversos temas. Xa en 1872 elabora unha acuarela intitulada Plaza de Vigo, típica escena costumista con pormenores de anecdotismo ben evidentes. No ano 1874 dá a coñecer un debuxo ao buxo, que leva o título de La Ribera de Vigo, e con el gaña o primeiro premio que convoca a revista La Ilustración Española y Americana, a publicación gráfica máis importante desa altura. Trátase dunha escena de chegada de barcas de mariñeiros, coas pescas que se achegan e a xente que acode á venda do peixe. O xurado salientou na obra a claridade de expresión, a espontaneidade dos agrupamentos e actitudes, a variedade e a enerxía do tipos humanos e a verdade e graza do debuxo. Mais, sobre todo, e visto cos nosos ollos, sobrancea o testemuño dunha concepción estética que documenta o noso pasado e amosa os valores que se destacaban no seu momento histórico.

A fidelidade a estes temas (Ribeira do Berbés, Vigo; Reixa da entrada do Hospital Real de Santiago de Compostela...), como se pode observar na selección de traballos que expón o Museo de Pontevedra, vai estar presente ao longo de toda a súa vida. De feito, xa iniciado o século XX seguimos encontrando obras do noso pintor en que se plasman escenas costumistas de temática popular galega. Unha temática que terá continuidade, aínda que sen o mesmo nivel de calidade, na pintura do seu fillo Miguel Pradilla (Madrid, 1884-1965).


Compartir el artículo

stats