Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Zapatilla":The Turre’s Band

Cos sabores da 'ghalisian music'

Desde as terras de Mos, os The Turre’s Band tocando en "Zapatilla".

Ano 2001, xa vinte aló. Na parroquia de Torroso, en Mos, xermolaba a The Turre’s Band, unha banda de metais e percusión única no país. Todos eles, daquela aínda rapaces e todos alumnos da escola de música de Mos, xuntábanse para facer concertos na propia escola e comezar dese xeito unha longa historia que agora vén celebrar o seu XX aniversario.

Dende o primeiro momento, a música dos Turres foi polos carreiros da festa, do convite ao baile e de enerxías positivas tamén cargadas de moito humor, arranxando, versionando, reaquelando e levando ao seu terreo cancións ás veces tan imposibles como impoñentes. Tamén, ás veces, temas orixinais aínda que ese camiño explorárono en moita menor medida. Vénme agora á cabeza 'Non me móva-los marcos', do seu terceiro e recente último disco, no que se atreven a darlle incluso unha volta, e vaia volta!, ao clásico 'Killing in the name' dos Rage Against the Machine, para que vos vaiades facendo unha idea da estética dun grupo que non contempla repugnancias nin cancelas pechadas no seu ideario nin no seu itinerario musical. Tamén se atreven coa 'Oda ao futbolín' e co mestre Xurxo Souto colaborando con eles nas voces dese estalo bravú, xa tan clásico, de tanto cheiro a país e que tanta saudade reparte para todos e especialmente para os que somos tan bos, e perdoen a falta de humildade neste ministerio, nas pancas do matraquiño. Tamén 'Sweet dreams', ou 'Born to be wild' por citar algunhas das dezanove cancións que conforman a colección, baixo o título de Zapatilla. Cal é o segredo? preguntan na capa interior, “pois máis sinxelo do que pensades” din: “Disfrutar da música e os colegas como o primeiro día, sen moita carallada pero con moita carallada. Churrascos, partidas de futbolín, moitas cervexas, e tamén moito ensaio.” Eu engadiría tamén moita calidade e horas de partitura e instrumento que fan que as cancións, os arranxos e mais a particularidade do proxecto non te deixen indiferente mentres atrapan toda a túa atención.

Issac Palacín foi o responsable da gravación e de darlle acubillo no disco á sensibilidade e bo facer musical de catorce intérpretes militantes da receita do salpicón musical de ben diversos ingredientes e gustos: ska, moito diso, swing, tamén moito, e igual tamén grandes pingas de jazz, balkan e de todo o que eles chaman ghalisian music. Zapatilla xa está aquí e igual, e polo que me comentaron membros da banda non hai moito tempo alí por Torroso, teremos axiña un disco en directo onde se recolla o espírito deste último traballo e tamén o dos dous anteriores: Algho hai (2005) e A última verbena (2010), nunha ansia boa de levar aos nosos reproductores toda a festa que xa repartiron por infinidade de torreiros, de salas e festivais do noso país, de Portugal e tamén polo resto do Estado español dende o ano 2001.

Tamén me contaron que sempre se consideraron un grupo de escenario pero que tamén lles presta, e moito, axeitaren o traxe de pasarrúas e poñer ao persoal a bailar e a brincar nas distancias máis curtas e intensas, con mascarilla, casco, airbags ou traxe de astronauta se tal cousa fose necesaria. En calquera caso o que si que temos que facer nesta pequena nota é darlles os parabéns por seren teimudos no proxecto, por facérnolo pasar tan ben nos seus concertos e por promover, compartir e ensinar con enerxía e lucidez que a música é cultura, é festa, é universal e ademais é sempre sanadora. Parabéns polos vinte e que sexan moitos máis cargados de tanto e tan bo traballo, tanto nesa The Turre´s Band tan bonita como dende a escola de música de Mos, alí na parroquia de Torroso.

Anxo Araújo.

Anxo Araújo

Plan de urbanismo para un novo Couto Mixto é o disco debut, e en solitario, de Anxo Araújo, a quen coñecemos hai anos, involucrado en proxectos como Gremio de Maleantes, Sufridos, Indana, Medomedá, os Invisibles ou Lila Dice, entre outros, e que agora, e despois de meses de introspección e tempos para a reflexión e a maldita, pero inspiradora, pandemia decidiu emprender o seu camiño particular por carreiros pop moito máis íntimos e persoais.

Trátase de dez cancións que falan de supervivencia, de vida cotiá, de dobregar pantasmas, rachar cadeas e voar cara a máis sinxela e evocadora das liberacións. Cancións fecundas e oníricas que xogan a apertarse e a expandirse nun xogo melódico emocionante, melancólico, alegre e optimista. Música feliz para tempos de crise, ou en palabras do propio Anxo: "Un saír dos buratos máis profundos con confianza e ilusión. Un reforzo da auto estima. Un aprender a bailar deixando marchar a carraxe acumulada. Un mirar cara a cara ao mundo. Unha absoluta liberación". Un disco independente de principio a fin, composto, deseñado, gravado e mesturado por el mesmo aos mandos no seu estudio Unha Casa Calquera en Poio e masterizado por Víctor García no seu Ultramarinos estudio na Costa Brava (Barcelona) e que unha vez máis vén prendernos da luminosidade absoluta que a música galega transmite nestes vizosos tempos creativos dende cada curruncho do país.

No seu sitio web, nas súas redes e en todas as plataformas podedes achegarvos para gozar deste Plan de urbanismo para un novo Couto Mixto e deixarvos arrolar por unha pequena alfaia en forma de colección de cancións cargadas de sinxeleza, melodías fermosamente asubiables e poesía vital tinguida de costumismo fiestras abertas, ventos mainos e rutinas, tamén ás veces bonitas, nestes tempos de claros e escuros nos que toca vivir.

Compartir el artículo

stats