Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soberanos do orbe

Na xeira dos Habsburgo

Castelo dos Habsburgo no cantón suízo de Argovia. Na imaxe pequena: Carlos I de Austria e IV de Hungría (1887-1922).

Ata a creación dos estados nacionais no século XIX, seguindo o modelo da Revolución francesa, as historias dos países europeos son as das liñaxes reais que os gobernaron. Tal vez, máis ca de historia dos países cabería falar de historia das dinastías. E a vixencia destas, na maioría dos casos, non ía máis alá dos dous séculos. Entre esa condición relativamente efémera cabe salientar o vigor dos Habsburgo, titulares durante séculos da coroa do Sacro Imperio Románico Xermánico, sucesor a partir de 1157 do imperio carolinxio a partir da Francia oriental, unha das tres partes nas que foi dividido en 843 no tratado de Verdún. Pois ben; na zona meridional daquel territorio, en Argovia (na actual Suíza), a familia dos Habsburgo tiña un modesto castelo. Porén, obtiña importantes beneficios dos dereitos de paso das principais vías que comunicaban o norte de Italia coas terras xermánicas. Grazas a unha hábil política de matrimonios, a partir de 1273 Rodolfo I pasou a ocupar o trono imperial electivo en rivalidade con Ottokar II de Bohemia, herdeiro do derradeiro Hohenstaufen, Federico II.

Viena despide a Otto de Habsburgo, muerto a los 98 años

Viena despide a Otto de Habsburgo, muerto a los 98 años Atlas

Gobernante ao longo de mil anos, a historia desa dinastía vén de ser estudada polo historiador británico Martyn Rady (quen hai uns anos xa publicou un estudo imprescindible sobre Carlos V) en Los Habsburgo. Soberanos del mundo (Taurus). Pero volvendo ao momento da chegada dun Habsburgo á coroa imperial, os seus territorios pasaron a estenderse cara ao leste. Tal dominio (cos subornos necesarios) posibilitou que a partir de 1452, con Federico III, pasase a ocupar a coroa imperial de maneira permanente. Como aspiraba a un título real pactou unha alianza con Carlos de Borgoña, pola cal a filla deste, María, casou con Maximiliano, fillo e sucesor de Federico III. As terras da antiga Lotarinxia uníanse ás de Austria e pasaban a formar a herdanza de quen sería o neto do emperador, Carlos, fillo de Filipe de Borgoña e Xoana de Castela. Con esta unión, os Habsburgo non só pasaron a dominar a metade de Europa senón boa parte de América.

Carlos I de Austria e IV de Hungría (1887-1922).

O emperador Carlos tivo que afrontar diversas divisións relixiosas, especialmente o luteranismo. Os Habsburgo –e con eles o imperio- erixíronse en defensores incondicionais do catolicismo e despois dos concilios de Trento (circunstancia que Rady non cita) adoptaron o dereito romano en troques do xermánico consuetudinario. Os séculos da Idade Moderna foron tempos de continuos axustes nos mapas de Europa que remataron na paz de Westfalia, que deu sosego ao continente durante un século.

Os Habsburgo tiveron unha maneira de gobernar que se ben no centro de Europa respectaba algo a pluralidade, en España foi autoritaria e unitarista (guerra dos comuneiros, expulsión dos mouriscos, separación de Cataluña e Portugal). Foron abandeirados da Contrarreforma e con ela, da man dos xesuítas, do Barroco coma manifestación artística total a prol do catolicismo. Máis aínda cando o centro de Europa estaba ameazada polo imperio otomán.

Esgotada a póla española polo abuso da endogamia, as potencias europeas lanzáronse polo botín: Inglaterra, Holanda e Austria contra Francia, que finalmente en Utrecht acordaron un novo reparto do continente e das colonias.

Pero daquela emerxeron dúas novas potencias continentais, Rusia e Prusia, que comezaron a discutir a hexemonía austríaca. O golpe de graza chegou coa Revolución francesa e o imperio napoleónico, que puxo fin a aquel vello soño do emperador de romanos dos Habsburgo. Enfrontados no século XIX á emerxencia dos estados nacionais e ás reivindicacións das minorías, aquela dinastía xa estaba esgotada para liderar calquera renovación.

A polvoreira dos Balcáns ía ser o comezo do seu declive absoluto. Despois de xestionar mal a morte do herdeiro en Saraxevo, Austria-Hungría uniu o seu destino á Alemaña imperial e Turquía para seguir a manter un esquema continental xa superado. Coa derrota de 1918, desapareceron os Habsburgo e máis o imperio: Austria ficou convertida nunha república nos seus límites estritos.

Compartir el artículo

stats