Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sensibilidade e dozura

Unha obra intensa

Ilustración de portada de "O cuarto de Jane".

Ilustración de portada de "O cuarto de Jane".

A XV edición do Premio de Poesía erótica Illas Sisargas foi para este poemario de Charo Pita: O cuarto de Jane. O motivo de tal galardón xa nos dá unha idea de por onde van as cousas: poesía erótica moi en consonancia coa, non sei se ben clasificada, poesía feminina das últimas décadas. Supomos que a forte presenza e tendencia cara este tipo de poesía por parte das nosas poetas motivou a creación dun premio tan concretísimo.

O cuarto de Jane está estruturado en tres partes que amosan o punto de vista das “persoas líricas”: “Nosoutras”, “Ela”, “Eu”. En verdade a estrutura e a formulación é acaída co contido. Se do que se trata é de expoñer unha serie de experiencias eróticas, a conformación vai engorde, meténdonos na experiencia desta Jane central da que saen unha serie de pólas que van moitísimo máis alá da simple manifestación das diferentes experiencias sexuais de cadaquén. Non se trata dun relatorio no que o eu lírico emborque toda as súa vaidade ante a traxectoria prolífica dunha vivencia satisfactoria. O que vemos é un acto reivindicativo de diferentes xeitos de vivir a sexualidade, con respecto cara a xeitos que non son necesariamente os ortodoxos. Diferentes maneiras de vivir o amor atendendo as realidades propias que se escapan dende unha perspectiva simplista da ars amandi. É brutal o poema “Rota, toda rota” no que aparece o amor nunha persoa desbordada pola dor do seu corpo afectado por quen sabe que accidente ou enfermidade. Tamén chama a atención a reivindicación da sensualidade dunha persoa anana ou doutra cega. Vivencias das que pouco se fala pero que están aí. O avance conceptual do poemario vén rematar nun poema final que sintetiza todos os saberes aparecidos no libro.

Con sensibilidade, dozura e saber facer, Charo Pita entréganos unha obra intensa; sorprendente e conmovedora.

PITA, Charo, O cuarto de Jane, Caldeirón, Malpica, 2021, PVP. 12 €

Compartir el artículo

stats