Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pensamento político e poder absoluto

Historia do pensamento (XIX)

Sinatura da Paz de Westfalia (1648).

En 1568, o mesmo ano en que saían do prelo os Seis libros da República de Jean Bodin, as dezasete provincias borgoñonas dos Países Baixos subleváronse contra o rei Filipe II de España, dando inicio dese xeito a guerra dos 80 anos ou guerra da independencia dos Países Baixos: un conlito que so rematou en 1648 cando a monarquía hispánica asinaba, no marco da Paz de Westfalia, o Tratado de Münster, polo que recoñecía a independencia das ditas Provincias Unidas que, en 1579, se agruparan na Unión de Utrecht e 1581 foran asinar a Acta de Abxuración.

Jean Bodin (1529-1596).

A Paz de Westfalia e a idea de Estado nacional: No congreso que concluíu coa sinatura da Paz de Westfalia triunfou o principio político da integridade territorial do estado nacional, un principio enunciado por Jean Bodin (1529-1596), quen sostiña que a soberanía do estado se fundamenta en dous principios: primeiro, o recoñecemento internacional da integridade territorial dese mesmo estado -fronte ao estado patrimonial de orixe feudal-, no que ‘florece unha mesma civilización’ que, nese momento se identificaba cunha lingua común para a administración (é o tempo dos ás veces denonimados “Séculos Escuros” en Galicia) e unha mesma relixión, en tanto que relixión de estado; e, segundo, a existencia dunha autoridade indivisible e permanente exercida polo monarca, que non está sometida a ningunha lei nin a ningún corpo social; tan só, e para diferenciala das monarquías tiránicas e señoriais, devén responsábel diante de Deus e da natureza. Velaí os fundamentos teóricos do novo estado: monarquía absoluta e integridade territorial.

Luís XIV de Francia (1638-1715).

Neste contexto teñen lugar dous feitos fundamentais: o inicio da revolución inglesa no ano 1642, que culmina en 1688, cando o rei Xacobo de Estuardo foi obrigado a asinar a Declaración de dereitos (Bill of rights) e a gobernar sometido ao Parlamento, un modelo que foi obxecto de reflexión por parte dos pensadores da burguesía ilustrada (Locke, Montesquieu, Rousseau…); e mais a entronización de Luís XIV (1643), quen, segundo unha tradición iniciada polo académico Pierre-Édouard Lémontey (1762-1826) -o historiador que defendeu a continuidade entre as institucións políticas do Antigo Réxime e da Revolución-, pronunciou a célebre frase “l’état c’est moi” ('o estado son eu') ante os Estados Xerais no ano 1655. Velaí están os dous modelos de poder xurdidos na época: o parlamentarismo, que manifestaba a hexemonía da burguesía na sociedade inglesa, e o absolutismo que, segundo a tese marxista clásica proposta por Perry Anderson, é o resultado do triunfo da aristocracia terratenente fronte á burguesía mercantilista. Ora ben, de onde procede ese poder absoluto?

Thomas Hobbes (1588-1679).

A orixe do poder nas monarquías absolutas: A teoría de Bodin asúmea Giovanni Botero (1540-1617), quen postula unha nova doutrina no ano 1589: a razón do Estado, pola que se xustifica calquera acción -incluída a vulneración da lei polo soberano-, con tal de garantir un obxectivo superior: a perpetuación do propio estado. Precisamente é esa concepción a que inspira o cardeal Richelieu (1585-1642), o artífice do modelo absolutista francés en tempos de Luís XIII xunto co cardeal Bérulle (1575-1629), autor dun Discurso do Estado (1623) no que sostén que o rei é a imaxe de Deus, concibido segundo o modelo cristolóxico dun Deus humano que se concretara no Concilio de Trento. O derradeiro teórico do fundamento divino da monarquía absoluta foi Jacques Boussuet (1627-1704), o preceptor do delfín Luís de Francia, quen sostivo que o poder do rei deriva de Deus, razón pola que se constituía no lexítimo defensor do ben común.

A este modelo teocrático, Hobbes contrapón un modelo baseado na existencia dun contrato social que lexitima a autoridade do rei.

Hobbes e o contrato social

Froito do tempo de guerra que enfrontaba as novas potencias hexemónicas (os Países Baixos, Francia e Inglaterra) con esoutras, vellas, en decadencia (a monarquía hispánica e a casa dos Habsburgo), Thomas Hobbes (1588-1679) sostén no Leviathan (1651) que o “estado natural do home é fundamentalmente agresivo” (“a guerra de todos contra todos”), como consecuencia das leis mecánicas que determinan a natureza humana e do principio de autoconservación, do que nacen as paixóns.

Así, para este pensador materialista e atomista, diante da necesidade de superar este xeito natural do home, xorde esoutra de organizar a sociedade baixo unha forma de estado, entendida como a estrutura que garante o poder do soberano, que emana do pobo mediante un contrato social. Ora ben, en tanto que emerxente do pobo mediante un contrato, o poder do soberano é absoluto, ilimitado, en tanto que imparte xustiza, elabora leis, decide sobre a guerra e a paz, elixe e destitúe conselleiros e ministros..., isto é, concentra na súa persoa todos os poderes, e, consecuentemente co principio contractual non admite oposición.

Paradoxalmente, o principio fundador da soberanía mediante o contrato social constituirá a cerna do pensamento democrático da man de autores como Rousseau.

Compartir el artículo

stats