Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Novela de personaxe

Da vida mesma feita relato

Parte da ilustración na cuberta de "Santoamaro".

Na décimo segunda edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil convocado por Edicións Xerais de Galicia decidiuse conceder por unanimidade o galardón á novela Santoamaro de Antonio M. Fraga e do texto o xurado destacou o estilo directo dunha narrativa presentada como unha función teatral que fai uso dunha linguaxe “próxima, clara e concisa con referentes actuais coñecidos polo lector”.

E efectivamente, tras a lectura da historia cuxos protagonistas son un grupo de rapaces e rapazas que deciden reunirse nas noites dos sábados do verán que segue ao derradeiro ano do instituto, conclúese que se trata dunha despedida e unha chegada a unha nova etapa coa que os destinatarios se poden identificar doadamente.

Diríase que estamos ante unha novela de personaxe onde cada unha representa en si mesma unha trama que crea a súa propia tensión narrativa. Son, en xeral, personaxes dinámicos que imos coñecendo a través do que revelan as súas accións, as súas palabras ou os seus pensamentos, de modo que na súa converxencia recoñecemos os diferentes procesos de transformación que experimentan ben sexa porque xa o viviron ou porque a estas idades afloran sensacións e sentimentos adormecidos ou silenciados que agora se tornan imparables.

As xuntanzas das fins de semana, que xorden tras un intercambio de whatsapps e que no libro aparecen en forma de diario dende o 15 de xuño ata o 31 de agosto, contan co incomparable marco do mar e que nalgunha ocasión se converte nun personaxe máis: calmo e tranquilo cando as emocións flúen, embravecido e colérico no momento en que emerxen á superficie emocións moi fortes.

Se a isto engadimos que a coloquialidade na fala é unha constante nas intervencións dos mozos, nada semella máis real que a vida mesma feita relato.

FRAGA, Antonio N., Santoamaro, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 11,68 €

Compartir el artículo

stats