Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Guerra, represión e exilio

Unha mostra no Museo de Pontevedra

"Paso dos Pireneos" (1939), de Uxío Souto

O Museo de Pontevedra vén de incorporar á montaxe da súa colección permanente un conxunto de traballos elaborados durante a Guerra Civil que estaban nos seus fondos e que agora complementan a excepcional presenza no museo dos álbuns de guerra de Castelao. Trátase dun total de catorce obras realizadas por Arturo Souto, Federico Ribas e Uxío Souto.

A obra plástica de guerra de Arturo Souto desenvólvea en óleos de temática combativa, mais sobre todo traballa no debuxo e no gravado postos ao servizo das publicacións de propaganda de guerra e reproducidos en revistas como El Comisario, El Mono Azul, El Buque Rojo ou Nova Galiza. Entre todos salientan o volume Los dibujantes en la guerra de España (1937) e o seu álbum Dibujos de la Guerra, publicado en Valencia en 1937. Deste tipo de creacións no Museo de Pontevedra podemos ver varias litografías. Son traballos que destacan pola atmosfera nocturna, a representación crúa da violencia e un certo onirismo. É a súa, neste período, unha obra elaborada con trazos incisivos, rápidos, que dotan os gravados e debuxos dun ton fortemente expresionista, mais que se nutre da tradición das pinturas e gravados de guerra de Goya. Os Desastres de la Guerra están, sen dúbida, detrás de moitos debuxos da serie Dibujos de la Guerra do pintor pontevedrés, igual que os fusilamentos goyescos serven de inspiración para a representación do terror. En varios dos debuxos presenta os bombardeos aéreos e adopta a punto de vista habitual da propaganda republicana, desde a visión do agredido e desde abaixo, o contrapicado co ollar desarmado das vítimas, estando estas esencialmente representadas por mulleres e meniños. Este é o tema da tinta Bombardeo en Madrid (1937), obra que estivo presente no pavillón da república española na Exposition internationale des arts et des techniques dans la vie moderne de París, nunha mostra en que se expuxo por primeira vez o Guernica de Picasso.

Estampas de guerra (1937), Arturo Souto

Moi distinto é o traballso de debuxante e ilustrador Federico Ribas que por mor do conflito, e como outros artistas galegos, vai reflectir na súa obra o drama que sofre a súa terra. O que domina nos seus traballos desta altura é o punto de vista dos que padecen a sublevación en Galiza, con vontade de documentar o terror.

Estas obras sobre a guerra tematicamente hai que relacionalas co Castelao de Atila en Galicia e Galicia mártir, trátase dunha serie de tintas realizadas en 1937 que recollen escenas semellantes ás representadas tamén por Manuel Colmeiro ou Luís Seoane. Con títulos tan expresivos como Galicia quedou sen mariñeiros; Como este morreron muitos; Mandaron a Galicia os mouros para substituír os homes asasinados; O cabaleiro de San Yago; Quen vai facer os barcos agora e Negra sombra, son obras que manteñen, a pesar do seu dramatismo, a impresión de seren propias    dunha publicación literaria ilustrada -un tipo de traballo moi habitual nel- cun debuxo dinámico e maios planimetría cinematográfica. A obra de Ribas nace, entón, dunha vivencia fondamente sentida porque cando comeza a guerra el se encontraba en Bueu, pasando o verán a carón da pintora Maruja Mallo -quen deixaría asemade testemuño escrito da represión-, xa que adoitaba pasar os veráns nesa vila, vindo formanr parte dun grupo de intelectuais, artistas e políticos que se citaban en torno a figura do escritor, e futuro presidente de Venezuela, Rómulo Gallegos o cal, porén, nese mesmo ano xa non estaba alí.

Como este morreron moitos (1937), Federico Ribas.

Como este morreron moitos (1937), Federico Ribas.

Uxío Souto

O terceiro autor representado é o escultor Uxío Souto de quen podemos ver un retrato do pintor Camilo Díaz Baliño, asasinado en 1936; dúas esculturas dos anos da Guerra Civil: Procesión del amanecer e Solidaridad, dun realismo monumentalista, e dúas tintas: Paso dos Pireneos e A véspera no campo de concentración, realizadas en 1939 cando, como miles de refuxiados republicanos, atravesa a fronteira e é levado a un campo de internamento francés, en canto esperaba unha posíbel saída, que chegaría, como para moitos republicanos, grazas ao goberno mexicano de Lázaro Cárdenas.

Nese brutal contexto realiza unhas augatintas que destacan pola volumetría escultórica. Chama a atención o elaboradas que están as obras, non froito dunha simple captación inmediata, aínda que ligadas intimamente á situación que se vive; compárese, por exemplo, o Paso dos Pireneos con fotografías dos feitos como as que tirou Robert Capa: Entre Argelès-sur-Mer e Le Barcarès, Francia, Marzo, 1939, tamén coñecida como Republicanos conducidos a un campo de internamento en Francia. Uxío Souto cruza a experiencia captada coa tradición artística de temática heroica e colectiva, como a que vai do helenístico Galo moribundo a Delacroix (Liberdade guiando o pobo) e pasa polo David do Xuramento dos Horacios, para monumentalizar o sufrimento.

Este carácter monumental é igualmente perceptíbel en A véspera no campo de concentración cunha composición circular de ecos clasicistas.

O interese do traballo de Uxío Souto alicérzase, en consecuencia, na maneira en que permite percibir nas súas obras camadas culturais; podemos, daquela, recoñecer o ollar renacentista no ámbito compositivo e no alegórico, trasladado ao desacougo da modernidade; ao tempo tamén se manifesta a subxectividade romántica, ligada á mesma experiencia de opresiva reclusión.

Estamos, xa que logo, perante tde res posicionamentos éticos e estéticos, os de Arturo Souto, Federico Ribas e Uxío Souto, que veñen presentar grande interese non só polo valor do documento experiencial senón tamén, asemade, pola súa capacidade de levar a esa experiencia a memoria cultural.

Compartir el artículo

stats