Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ameno volume

Nos mundos do Camiño

Aspecto da portada de "Escenas, imaxes e sons do Camiño".

Aspecto da portada de "Escenas, imaxes e sons do Camiño".

No ano 2020, Jesús Curros Neira gañou o I Premio de Ensaio Camiño de Santiago, organizado pola Academia Xacobea, con Escenas, imaxes e sons do Camiño, obra que Galaxia vén de tirar do prelo.

Estamos diante dun ensaio que vai interesar sobre todo aos amantes do mito xacobeo, pero tamén aos que queiran coñecer con detalle a importancia do Camiño de Santiago na cultura europea: a arte pictórica e arquitectónica, as representación escénicas que aconteceron desde a Idade Media, a lírica, a música ou a narrativa que xerou a figura do Apóstolo están aquí presentes. Tamén o cinema, o cómic ou a banda deseñada relacionados con Compostela e as rutas que a ela se dirixen.

O autor conta con detalle as pezas que se representaron hai 800 anos na catedral, e a relación que Compostela tivo co teatro ata a actualidade, coa recuperación do Teatro Principal, a formación do Centro Dramático Galego e a achega dos creadores hoxe de moda. No apartado II comenta as pezas escultóricas vencelladas á música, os himnos e cancións relacionados coa peregrinación, a importancia dos xograres e dos trobadores como Johán Arias e Airas Nunez e de composición como o romance de don Gaiferos. Exhaustivo é o estudo das proxeccións de lanterna máxica, os panoramas e mais a produción cinematográfica; tamén o último capítulo, dedicado á banda deseñada, no que se sinala que xa os cantares de cego do século XVII ían acompañados de ilustracións, e lembra tamén as miniaturas románicas do Códice Calixtino, algún traballo de Castelao, os cómics que xerou Santiago, a literatura ilustrada e os cadernos de viaxe de numerosos autores.

Este é un libro ameno, no que non faltan as visións críticas á peregrinación a Santiago, como sucede con Erasmo de Rotterdam, que a considera unha necidade, ou con Martín Lutero, que lanza agudas diatribas contra o culto ao Apóstolo. O humanista xesuíta español Juan de Mariana, por outra banda, denuncia a falsidade da lenda da chegada de Carlomagno para descubrir o sepulcro. E o autor sinala, tal como fixera Alejo Carpentier, os aventureiros e xente de mal vivir que saía ao Camiño na procura de vítimas piadosas.

CURROS NEIRA, J., Escenas, imaxes e sons do Camiño, Galaxia, Vigo, 2021, PVP. 22,95 €

Compartir el artículo

stats