Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sycorax entre nós

Para alén do convencional

Fotograma da curtametraxe 'Sycorax'.

O personaxe de Sycorax na obra de William Shakespeare A tempestade (“The Tempest,” 1611) resulta ser unha figura máis evocadora que física, unha meiga que encerrou nunha árbore a Ariel, o espírito do aire que actuaba ás ordes de Próspero. Desa evocación, nace o último traballo do cineasta vigués Lois Patiño; desta vez, en colaboración, tanto na dirección como na escrita do guión, co director arxentino Matías Piñeiro. Baixo a produción de Beli Martínez e Rodrigo Areias, a curtametraxe non puido ter mellor lanzamento tras ser seleccionada para participar na “Quincena de Realizadores” do Festival de Cannes. Porén, o proxecto ten ínfulas de medrar, xa que a historia de Ariel dará pé a unha longametraxe.

Lois Patiño

Cando Patiño estreou en 2013 o documental Costa da Morte, a súa primeira longametraxe, apuntalou ese interese pola evocación a través da paisaxe, a partir dunha mirada exercitada nos seus traballos precedentes, notabilísimas curtas experimentais como Paisaxe duración (2009-10), Paisaxe-distancia (2010-11), No movemento da paisaxe (2012) ou Montaña en sombra (2012). Na segunda e última longametraxe ata hoxe, Lúa vermella, o cineasta vigués volve incidir na forza visual e semántica da paisaxe, forxada a partir da súa contemplación cunha mirada que, posteriormente, volve ser introspectiva, e é precisamente a paisaxe a que lle desvela ao espectador as esencias desa introspección, emulando así o proceder da pintura romanticista. O espazo cobra vida coa filmación sublime do seu movemento, real —as ondas do mar, as nubes, a luz cambiante, as fervenzas, as copas das árbores, axitadas polo vento— ou suxerido —os troncos e mai as ponlas, retorcidas e tormentosas—, e pasa a ser unha personaxe máis no relato, alguén que transmite, que proclama, que evoca..., como as evocacións que aluden á meiga Sycorax, quen tamén se aprecia ou se percibe, pero sen contar cunha presenza física determinada, como acontece con Ariel. Estamos, pois, perante dun acto de reflexión por medio das imaxes; non se trata de reflexionar e logo ilustrar a reflexión como se dun documental didáctico se tratase, nin tampouco de captar as imaxes e logo reflexionar sobre elas a través dunha voz en off, senón de establecer un proceso de reflexión xustamente nas propias imaxes; é dicir, non se establece unha distancia entre a reflexión e a representación, senón que ambas se fusionan. Como apuntaba con acerto Josep M. Català: reflexiónase representando e represéntase reflexionando.

Matías Piñeiro

Matías Piñeiro

Filmar esta atmosfera require unha mirada poética instalada nunha dimensión onírica, subxectiva, na que o “Eu” poético estende trazos ao estilo romanticista no lenzo branco. A esta intertextualidade pictórica, en Sycorax debemos sumar a intertextualidade literaria, nada que ver cunha adaptación convencional. Non se rescata un relato escrito para plasmar en imaxes, senón que se rescata a dimensión onírica do relato para sometela a un diálogo con ese “Eu” poético do autor e mais a súa terra. O personaxe principal de A tempestade, Próspero, é un desterrado como tantas decenas de millares de emigrantes galegos; Syrocax é unha meiga; e a historia dá comezo cun naufraxio, desventura que, por outra parte, recubriu de manto mitolóxico a Costa da Morte, ese territorio que Patiño retratou na súa primeira longametraxe documental. Dicía Steiner que nós non lemos os clásicos, senón que son os clásicos os que nos len a nós. A lectura que Lois Patiño e Matías Piñeiro fixeron desta obra de Shakespeare, dá boa conta das súa contornas, das súas subxectividades e das súas miradas, e non tanto da intencionalidade do dramaturgo inglés hai catro séculos.

Novo Cinema Galego

Desde a fulgurante aparición de Óliver Laxe en 2010, con Todos vós sodes capitáns, o coñecido como Novo Cinema Galego non deixa de ofrecer propostas cada vez máis recoñecidas a nivel internacional, escenificando deste modo unha sorte de idade de ouro. Ademais de Óliver Laxe, outras figuras relevantes engrosan unha xeración única. Nomes, entre outros, como o de Eloy Enciso, Alberto Gracia, Lois Patiño, Xisela Franco, Carlos Álvarez-Ossorio, Ánxela Caramés, Lara Bacelo, Alberte Pagán, Xurxo Chirro, Sonia Méndez, Diana Toucedo, Ignacio Vilar ou Alfonso Zarauza. Todos vós sodes capitáns alzouse coa premio da FIPRESCI en Cannes despois de que o seu film fora exhibido na “Quincena de Realizadores”. Seis anos despois, Laxe volvería ser galardoado co Premio Semana da Crítica, con Mimosas e. tres máis tarde, o festival galo renovaría a admiración pola mirada do cineasta galego co Premio do Xurado na sección “A Certain Regard”.

Á marxe do circuíto comercial, o cinema galego referenda o seu momento de esplendor grazas aos Festivais Internacionais que procuran nas obras audiovisuais unha consideración artística do feito filmado. Nesta ocasión, o vigués Lois Patiño prolonga o idilio con Cannes grazas á súa abraiante curtametraxe Sycorax, elexida para ser exhibida na “Quincena de Realizadores.”

Compartir el artículo

stats