Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes insubstanciais

Un blog superficial con fasquía de libro

Personaxes insubstanciais

A protagonista de A carteira, de Santiago Lopo (Xerais) é unha titulada en Filoloxía Clásica que, para fuxir do paro, anótase nas listas de substitución de Correos. A novela, escrita en primeira persoa, conta as vivencias dela durante o período no que traballa nesa empresa repartindo o correo nun barrio periférico.

Esta novela pódese considerar como pertencente ao xénero do realismo costumista amable cun enfoque xuvenil. O seu principal mérito é que consegue crear un campo semántico moi amplo e minucioso ao redor da figura do oficio e funcións do servizo de Correos. Sería interesante, no entanto, ver cal sería o resultado se o autor decidise explorar, dun xeito decidido e menos convencional, a vía, meticulosa e erudita, a través de todas as facetas do tema do correo.Mais a novela vai por outro camiño. Malia que estamos diante dunha suposta novela longa de personaxe con compoñente social e perspectiva obreira e feminista, o ton do libro ten máis a ver cun daqueles blogs persoais que se escribiron, preferentemente entre os anos 2000 e 2010, diarios de bitácora que perderon fol coa irrupción das redes sociais. N’A carteira ese modelo non funciona porque sofre dun problema fundamental.

Un dos elementos que delata un mal libro é a incapacidade do autor para crear personaxes. Esta eiva nótase neste caso sobre todo no deseño da protagonista. A carteira do título máis ben parece o propio autor disfrazado de muller co pelo verde. As referencias son as de Lopo, e o autor tampouco se preocupa demasiado por ocultalo. Non hai detrás do texto un traballo de interpretación e pescuda literaria dunha personaxe para facela única. Ao contrario, o que se presenta é unha incongruencia tras outra (a personaxe métese a carteira por necesidade, mais logo resulta que toda a vida quixo ser carteira porque de pequena vira a serie da Galega do carteiro Pat) e un ramallete de anécdotas insubstanciais. Cos demais personaxes o autor tivo máis acerto porque tecnicamente son máis doados de acometer: exotismo, achegamento fragmentario, efectismo, cotidianidade… Lopo vai construíndo este relato, que el pretende facer moi accesible o tempo todo, a base de frases feitas e diálogos artificiais. Tamén chama a atención a baixa calidade lingüística do libro (por exemplo, o autor nin se preocupou en utilizar algunha das opcións propias para o termo castelán pijo). Tendo en conta que estamos diante dunha obra xuvenil, que seguramente ha ser lectura recomendada/obrigatoria nos centros de ensino nos próximos cursos, sería bo abrirmos un debate: Para que vale unha literatura xuvenil que rebaixa con moita auga castelá (léxico, sintaxe, trazos de oralidade) todos os seus recursos expresivos?

LOPO, Santiago, A Carteira, Xerais, Vigo, 2021, PVP. 17,38 €

Compartir el artículo

stats