Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pequena xoia

Nun tormentoso maxín

Pequena xoia

O baile (1928), de Irene Nemirovsky, publicado na Colección “Nova” de Rinoceronte Editora, con moito acerto, é un interesantísimo relato breve que non podemos deixar de ler unha tarde calquera deste verán incerto. A autora (Kiev, 1903 - Auschwitz, 1942) naceu no seo dunha familia adiñeirada que fuxiu da Revolución Rusa e foi establecerse en París, en 1919, onde pasou unha infancia infeliz e solitaria, e onde recibiu unha educación extraordinaria, licenciándose en Letras na Sorbona. Nesa cidade viviu e escribiu, pero a desgraza fixo novamente que a súa vida se truncase, sendo deportada polos nazis a Auschwitz, onde foi asasinada. Nesa infancia, difícil, triste e dura, tal vez o que máis a marcou foi o desapego e desinterese que a súa nai, Fanny, amosou por ela. Tan é así que nas súas obras é un denominador común nas súas personaxes, e así resulta ser tamén neste relato.

A señora Kampf é unha nai cruel e desapiadada e egocéntrica, sen ningún sentimento pola súa filla, e só preocupada por conseguir o recoñecemento social e vivir relacionándose coa alta sociedade. Nese camiño cara ao recoñecemento social, Antoinette, a filla, é un estorbo do que intenta distanciarse ridiculizándoa e desprezándoa cando sente que o seu comportamento non lle convén. Neses intentos a súa vida é un tormento, desexos de morte para a filla e de suicidio para si, de sentimento de castigo por non estar entre a xente que desexa...

Personaxes complexos e difíciles de esquecer, nos que a psicoloxía xoga un gran papel no medio dunha temática universal e atemporal: os celos dunha nai cara á súa filla, á que ama e odia a un tempo, por ser máis nova, máis intelixente... ou crelo así, nun tormentoso maxín. Unha pequena xoia.

NÉMIROVSKY, Irène, O baile, Rinoceronte, Cangas, 2021, PVP. 11,40 €

Compartir el artículo

stats